Gago inaugurou o Mes da Fundación en clave patrimonial


Ninguén mellor que Manuel Gago para abrir a 3ª edición do Programa "O Mes da Fundación. Outubro 2015". O divulgador patrimonial traía unha conferencia específica sobre a nosa bisbarra, baixo o título "Os centinelas do mar: fortificacións en altura na Costa da Morte", na que fixo unha contextualización do traballo por comprender a interacción entre océano, a topografía accidentada da Costa da Morte e os equipamentos defensivos e de control construídos polo poder e/ou as comunidades da zona ó longo de dous mil anos de historia.
Un verdadeiro luxo e unha charla tremendamente interesante e didáctica, descubríndonos os segredos agochados da nosa historia. Así o entenderon as ducias de asistentes que se achegaron á Casa da Cultura de Cee, para aprender un pouco máis das tarefas defensivas dos nosos castros ou castelos.
Houbo un documentado repaso á toponimia da zona como ferramenta para localizalos xacementos, e tratou ademais a chegada de pobos xermanicos e normandos.

Unha achega a Castromiñá
Gago falou de casos concretos como as fortalezas do Pindo, Brandufe, unha inédita en Camariñas e a do Bico do Santo, onde el sosteén que houbo unha batalla durante a guerra da independencia polos restos atopados (munición, botóns das casacas...), aínda que non a recollen as crónicas.
Falou tamén dun tema que lle apaixoa dende hai anos: Castromiñan. E precisamente na sala estaban membros da corporación de Fisterra e anunciaron que iniciaron contactos con Gago para traballar na recuperación e divulgación do castro de Castromiñán. Unha visita ben aproveitada.
Novas relacionadas
- Cee volve celebrar “o mes da Fundación” para alumnos e público en xeral.
- Castromiñán, o tesouro agochado.
Fonte
- Redacción de