Xoves. 22.08.2019
El tiempo

O Modesto Patrimonio: A Igrexa Parroquial da Ameixenda

O Modesto Patrimonio: A Igrexa Parroquial da Ameixenda

Seguimos percorrendo a comarca de Fisterra, parroquia a parroquia, gracias ao noso amigo Modesto García Quintáns. Hoxe toca irmos ata Aeixenda, para coñecer a súa Igrexa Parroquia máis de preto.

A Igrexa Parroquial da Ameixenda, por Modesto García Quintáns

Iglesia de Ameixenda(10-06-2016)

O autor deste artigo pouco podería falar desta igrexa parroquial se non fora polas notas recollidas a través do que fora cura da parroquia de Coucieiro (Muxía) D. Manuel Canosa Mouzo. Este cura foi un grande investigador da historia da Costa da Morte, centrada principalmente na arquitectura das igrexas parroquiais da comarca. Tiña un grande interese por consultar os libros parroquiais que, en moitos casos, os levaba prestados para a súa casa parroquial de Coucieiro. A pena é que a súa importante biblioteca desapareceu sen saber onde foi parar.

Volvendo ó caso que nos ocupa, das notas tomadas por este cura, a igrexa parroquial da Ameixenda é moi antiga. Un asentamento no libro de bautizados dicía: “A 4 de Febrero de 1574 bautizó en mi nombre Pedro Vuelta de la Villa de Corcubión una hija de Juan Montaña.... llamose María y fueron padrinos Pedro Lado y Dominga Fernández”. O coengo de Santiago, Jerónimo del Hoyo, na súa visita pastoral a esta parroquia no ano 1607 dixo: “ Esta feligresía tiene 17 feligreses. Los frutos se parten en dos. La una la del cura y la otra para Pedro Gayoso por sin cura la cual anexó a la cura el arzobispo D. Francisco Blanco sin perjuicio del poseedor y con consentimiento del Arcediano de Trastámara. Vale la parte del cura 20 cargas de pan. La fábrica tiene de renta dos ferrados de trigo y media vaca”.

Posteriormente a esta data, a igrexa debeu sufrir certo abandono no seu mantemento. Noutra visita pastoral, o día 22 de xullo de 1694, o arcebispo de Santiago, Frai Antonio de Monrroy, debeu encontrar esta igrexa en mal estado, asentando no libro de visitas o seguinte: “Por cuanto el techo del Coro y Capilla Mayor amenazan ruína manda que dicho cura-rector le participe al Arcediano de Trastámara dignidad ante el Patrón Señor Santiago para que dentro de dos meses le haga reedificar y componer como también hacer una ventana o tronera en la pared de dicha capilla correspondiente a ella por la parte del vendaval para que de luz poniendo en ella vidriera, poniendo lo uno y lo otro decente y reparando todo lo que necesite como Patrón de dicho Beneficio…” Estas obras non se levarían a cabo ata o ano 1783. Noutra visita pastoral do ano 1741, o arcebispo mandou construír unha sancristía e repoñer o tellado de toda a igrexa. Esta obra levouse a cabo no ano 1746 cun custo de 294 reais. A madeira para o tellado veu de Noia en barco cun gasto no transporte de 105 reais.

Un dos grandes impulsores das obras desta igrexa parroquial foi o cura Juan Antonio García Mayán (1756-1794). No ano 1756 este crego pagou 217 reais a Agustín Paz e Pedro Orge, mestres canteiros e veciños de Sta. Eulalia de Ponte-Caldelas, pola composición de sepulturas dentro da igrexa. No ano 1760 o mordomo pagou 550 reais pola feitura do altar colateral da Nsa. Sra. do Rosario, e no ano 1768, 650 reais por reparar e pintar o retablo. No ano 1771 pagáronlle a Bernardo Rodiño, veciño de Noia, 194 reais por pintar a imaxe de Santiago. Non sabemos se esta imaxe é destas datas porque nas notas di: “…. Santiago a Caballo que a devoción del Sr. Cura D. Juan A. García Mayán se fabricó para salir en las procesiones. Que aunque tuvo de coste 260 reales no se le admiten por estar suplidos por su hechura con el porte del Sr. Cura de cuyos 194 reales dió recibo Bernardo Rodiño, pintor de la villa de Noya.”

Ó 18 de xullo de 1783 deron comezo as obras da reedificación da bóveda e do corpo principal da igrexa, segundo a orde dada en Auto de Visita no ano 1694, e foron rematadas no ano 1793. Os gastos totais destas obras foron duns 7.140 reais. Lembrar tamén que no ano 1800 pagáronlle a un portugués chamado Jacobo Fuentes, afincado en Santiago, 1.960 reais pola feitura dunha cruz de prata, na que non se incluían 47 onzas de prata aportadas por unha cruz vella existente na igrexa.

Iglesia de Ameixenda(10-06-2016)
  • Modesto García Quintáns.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios