Venres. 26.04.2024
El tiempo

O neoliberalismo na Costa da Morte: capitalismo salvaxe, movemento cidadán e acción colectiva (O caso Ferroatlántica)

O neoliberalismo na Costa da Morte: capitalismo salvaxe, movemento cidadán e acción colectiva (O caso Ferroatlántica)
O presidente de Ferroatlantica Larrea saindo do Concello de Cee cos traballadores manifestandose-Foto-Rafa Quintans 2 Os traballadores de Ferroatlántica deixáronlle clara a súa posición ao presidente Pedro Larrea na súa visita á Costa-Foto-Rafa Quintans Coincindo coa concentración que se vai desenvolver este sábado en Cee, Alberto Riveiro Sambade quere compartir con nós este interesantísimo un artigo sobre o conflito laboral de Ferroatlántica.

O neoliberalismo na Costa da Morte: capitalismo salvaxe, movemento cidadán e acción colectiva (O caso Ferroatlántica)

“…Gardamos un silencio bastante parecido á estupidez…” (Proclama insurreccional da Junta Tuitiva na cidade de La Paz, 16 de xullo de 1809).

“Vale a pena morrer por cousas sen as cales, non vale a pena vivir”. Eduardo Galeano.

“Toda ferramenta é unha arma segundo se empuñe” Ani DiFranco.

  O neoliberalismo é un revival dunha ideoloxía que non é nova, a pesar que o prefixo sexa neo- (novo en grego), o cal nace a finais do século XIX. Para que o entendamos, este conxunto de ideas ten como obxectivo darlle todo o poder ó mercado, é dicir, as grandes empresas, ó capital transnacional. E para adquirir ese poder, debe contar ca imprescindible colaboración do poder político, é dicir, cos gobernos das diferentes administracións. Para levar a cabo este plan, precisan dun conxunto de medidas políticas que favorezan un espacio económico libre de intervencións e trabas por parte do estado. Así, podemos destacar a desregulación, é dicir, a supresión de normas legais que ordenen e regulen un determinado ámbito de actividade produtiva (pesca, agricultura, industria, enerxía, sanidade, educación, servicios sociais, etc) co obxecto de ter un maior marco de manobra e tomar a empresa privada o control. A privatización de empresas e servizos públicos[1] sería outro dos vectores principais que propugnan aqueles e aquelas que defenden esta ideoloxía, argumentando que as empresas e os servicios públicos cando son transferidos ó sector privado funcionan mellor e son máis eficaces e eficientes. E para demostrar os e as gurús deste pensamento económico e político as súas teses, válense da mentira e do estrangulamento orzamentario dun determinado servicio ou empresa pública para deslexitimalo. A maneira entón máis eficaz e obvia de desacreditar ó estado é cortándolle a billa. Sen embargo, calquera persoa con sentido común, sabe que se un servicio non conta con suficientes recursos e investimento, non pode funcionar axeitadamente. Pois este discurso calou de novo nos anos 80 en dous países moi influintes, como foron EE.UU. Baixo a administración Reagan e a Gran Bretaña de Margaret Thatcher. Os dous dirixentes conservadores, desenvolveron durísimos plans de axuste estrutural, desmantelando importantes sectores produtivos e privatizando innumerables corporacións públicas. Todo en aras de rebaixar o gasto público, reducir o déficit e aumentar o crecemento económico. Múltiples fábricas e industrias do metal foron pechadas e milleiros de persoas quedaron sen emprego. En consecuencia, foi unha auténtica e dorosa crise económica. Crise como a actual. Crise, que ó poder executivo, ó mesmo tempo, servíalle como pretexto para continuar adoptando medidas políticas de austeridade, que lonxe de revirar a situación, a agravábaa máis, aumentando o descontento e o sufrimento social a cotas humanamente inasumibles. Acaso esta descrición da realidade social de hai trinta anos non se asemella á realidade que estamos vivindo e padecendo na actualidade? Creo que podemos dicir rotundamete que si. E é que as políticas públicas que levan implementándose no país dende a explosión da crise de 2008, van nesta dirección. O corolario xa o coñecemos: desregulación, liberalización, privatizacións masivas de empresas públicas, eres, reestruturacións de empresas privadas co visto e prace dos gobernos, peches de empresas, deslocalizacións de empresas a países empobrecidos, aumento da taxa de desemprego, aumento da desigualdade social e económica e das bolsas de pobreza. O caso de Ferroatlántica enmárcase neste contexto histórico, político e económico. A posibilidade de superar esta nova acción especulativa do capitalismo neoliberal é moi escasa. Pero existe. E a Costa da Morte debe aproveitar a oportunidade que se abre neste novo espisodio de loita obreira a que estamos asistindo. A vida da comarca está en xogo e os cidadáns e as cidadanas non poden permanecer indiferentes a este conflito laboral de profundo calado e consecuencias imprevisibles. Hai que tomar partido. Non facelo sería un acto de cobardía[2]. Cómpre unha vez máis, contra o fatalismo económico do Grupo Villar Mir, a utopía razonada[3]. E este futurible que está fóra da realidade, ese desexo colectivo da non segregación das centrais das fábricas, ese imperativo social de que se faga cumprir a resolución administrativa mediante a cal, a empresa explota o río da nosa comarca, podería transformarse en realidade, se toda a xente de abaixo, a clase popular, que é a maioría na zona, se apropia desta problemática, se participa activamente, se mantén a unidade de loita e se consegue recuperar a memoria histórica do movemento obreiro, o simbolismo do movemento Nunca Máis e a esperanza das prazas do 15M. Necesario é tamén, sacurdirse canto antes do shock[4] no que estamos inmersos, porque cando a poboación está baixo o efecto dunha conmoción social provocada, por exemplo, pola impactante ameaza da venda das centrais e a correlativa e masiva perda de postos de traballo, aquela é máis vulnerable e polo tanto, exponse a un maior grao de manipulación. Mais unha vez que se produza a reacción social, a multitude participante debe estar lista para iniciar un potente ciclo de protesta. A cita deste próximo sábado día 12 de novembro pode ser un acontecemento histórico en relación ó rexurdimento do movemento cidadán. Un marco simbólico onde as oportunidades para organizar unha acción colectiva estarán presentes. Penso que dende o Comité de Empresa deberían tomar nota, porque as demostracións de forza entre os actores en confrontación só acaban de empezar e será preciso unha narrativa que comprometa e cohesione a toda a veciñanza, por un lado nese alto coste social que pode acarrear a venda das centrais hidroeléctricas. E por outro, no sentimento compartido de inxustiza. A continuación, poderase construir o desafío colectivo[5] que debe plantexar o pobo da Costa da Morte nesa interacción que manterá co seu oponente (Grupo Villar Mir) e as autoridades (a Xunta case con toda a probabilidade, tendo en conta que sen o seu beneplácito, non hai posibilidade de efectuar tal operación especulativa). As embestidas por parte do capital poderán ser recurrentes e funcionarán como dispositivos que desmoralizarían e desmovilizarían a xente que se solidarice con esta causa. Non obstante, o escenario futuro que se pode vislumbrar a medio prazo ca venda das centrais, debe considerarse como outra motivación para reforzar o comportamento colectivo e non dobregar na loita. Adveñen tempos difíciles, iso sabémolo. Pero se aunamos esforzos e vertemos as solidariedades individuais e os compromisos persoais na dinámica da acción colectiva, poderemos producir un movemento cidadán suficientemente potente como para enfrentarse a este novo azoute co capitalismo neoliberal . Para rematar, non quixera deixar de mencionar a importancia do papel dos/das intelectuais como vangarda de tal movemento, que polo de agora, están mantendo un silencio bastante semellante a idiotez. Eles e elas, referentes do pensamento crítico, libre e reflexivo, deberían organizar os ideais para polos a disposición e servicio do pobo, como ferramenta imprescindible de loita. Só así, poderemos conformar ese bloque social que actúe como contralumes ante esta nova ofensiva do capital local. Fan falla eses homes novos. Fan falla esas mulleres novas os/as que se refería Xosé Luis Beiras na súa declaración de Láncara[6]. Bos/as, xenerosos/as, honestos/as e solidarias. Con eles e ellas procuraremos unha Galiza mellor, máis humana e máis xusta. Unha Galiza liberada das cordas corporativas que non a deixan ser. Creo que é o momento de movilizar a intelixencia e redirixir esa rabia que sentimos todos e todas de forma construtiva compoñendo un repertorio de accións sen as cales o fracaso estará asegurado. E entre as cales debe figurar sen lugar a dúbidas o dereito constitucional á folga (art. 28.2. CE) e á folga xeral. Pola miña parte, eu sumarei o meu esforzo e o meu compromiso persoal a ese movemento social porque amo a vida, porque teño principios e amo a miña terra. Estou vivo, son partisano. E polo tanto, tomarei partido.
  • Alberto Riveiro Sambade. Sociólogo e activista social.
 
  • [1]Para maior información sobre a cuestión ideolóxica, recomendo a obra O fracaso neoliberal na Galiza, de Xavier Vence Deza. Ademais, este economista fai unha análise rigorosa e en profundidade das causas e as consecuencias das políticas neoliberais nos diferentes sectores produtivos da economía galega.
  • [2]“Odio ós indiferentes. Creo que vivir significa tomar partido. Non poden existir quenes sexan soamente homes (e mulleres) estraños á cidade. Quen realmente vive non pode snon ser cidadán, non tomar partido. A indiferencia é apatía, é parasitismo, é cobardía, non é vida. Por iso odio ós/ás indiferentes”. Texto extraído do artigo titulado “Antes que nada” do filósofo e cofundador do Partido Comunista Italiano AntonioGramsci). Odio ós indiferentes. Antonio Gramsci. Ariel. 2011.
  • [3]Léase o artigo publicado na revista mensual New Left Review. Unha utopía razonada: contra o fatalismo económico, Pierre Bourdieu, NLR I-227, 1998.
  • [4]A doutrina do shock. O auxe do capitalismo do desastre. Naomi Klein. Paidós. 2007. Páx. 6-52. Neste libro, a xornalista canadiense fálanos sobre o manexo político das catástrofes naturais ou artificiais, como o desastre da crise global actual. De como os gobernos neoliberais o usan como argumento para levar a cabo plans de axuste estrutural e facer adegaxar ós estados, tomando as medidas políticas anteriormente mencionadas. Para ver un resumo do libro en imaxes, aconsello visionar a impresionante e elocuente curtametraxe co-dirixida entre Naomi Klein e o director mexicano Alfonso Cuarón. Deixo aquí o enlace electrónico: https://www.youtube.com/watch?v=_nNJM0kKrDQ
  • [5]Para examinar como se artella un novo movemento social, recomendo a consulta do máximo exponente teórico da escola de movilización de recuros, Sydney Tarrow. O autor norteamericano fala dos catro elementos fundamentais que nos indicarían a constitución dese suxeito colectivo capaz de retar as elites, oponentes ou autoridades co obxecto de conquerir, anular ou modificar un cambio social. Son estes: actor colectivo, desafío, obxectivos compartidos e interacción mantida cas elites dominantes. O poder en movemento. Sydney Tarrow. Alianza. 2004. Páx: 4-67.
  • [6]Por unha Galiza liberada e novos ensaios. Xosé Manuel Beiras. Espiral Maior. 2008. Páx: 419-427.
   

Artigos relacionados

Novas do #CasoFerroatlántica

  Fonte

Comentarios