Ritos e liturxia popular nos santuarios da zona de Bergantiños
Hai un refrán moi acertado sobre os pazos galegos, indicando a condición sobresaínte destes, que di que “casa grande, capela, pombal e ciprés, pazo é”; unha máxima semellante a esta poderíamos aplicala aos santuarios do noso rural, xa que neles é indispensable ter unha imaxe moi venerada, unha boa cantidade de fieis, unha fonte e unha serie de ritos de propiciación. O crecemento destes lugares de peregrinación veu, moitas veces, da man dalgunha piadosa confraría, onde os seus orixes hai que remontalos moitas veces ás proximidades do Concilio de Trento, aló no século XVI; outras veces ao pulo outorgado da man dalgún clérigo, que se gastou en facer crecer unha romaxe cos seus traballos, ou tamén algún benfeitor segrar, que puxo parte da súa fortuna polo ben destas festas. Do mesmo xeito, o pobo soubo engalanar estes centros cun rico folclore, coa invención de lendas e historias sobre a orixe milagrosa das efixies, da procedencia vital do Santo, e engadindo unha serie de ritos creados por un afán de protección, ás veces contrarias ao senso da liturxia oficial da Igrexa.
Vemos aínda hoxe, por exemplo, como na zona de Coristanco, na freguesía de Verdes, con motivo da festa de Santo Hadrián, os fieis fan unha ringleira para bicar unha imaxe pequena do santo con esta oración, literalmente recollida: “Santo bendito lle dea sanidá, lle quite a enfermedá con poder de Dios y de su Santa Madre”. Cando queren estender a intercesión do benaventurado, piden que se lle pase un coitelo de pau, en recordo de que Santo Hadrián foi martirizado cunha espada, por verrugas, vultos e outras doenzas. En Santa Sabiña, no concello de Santa Comba, os romeiros piden a intercesión de San Lois empregando o martelo que este leva nunha man, batendo con el nos dous oídos para buscar a saúde destes. En Traba de Coristanco, na capela de San Roque venérase a Santa Marta; como esta andaba moi atarefada nunha visita de Cristo á súa casa, o mesmo Xesús lle recordou que era importante escoitalo, como o facía a irmá desta, María. Así, en Traba imponse o aceite nos oídos dos fieis, que noutra hora era extraído das lámpadas que alumeaban na igrexa.
Tratando de purificar estas costumes, os cregos procuraron obter reliquias do Santo para eliminar todo este tipo de rituais con estas imaxes desafortunadas ou cos obxectos propios da súa iconografía. Deste xeito viñeron para Bergantiños reliquias de Terra Santa para San Martiño de Oca; un osiño de Santa Eufemia para Rus; outro fragmento óseo de Santo Outelo para Goiáns; un anaco do hábito de Santa Rosa de Viterbo para Lemaio. Este último, xunto con algúns Agnus Dei de cera (feitos en Roma cada certo tempo polo Pontífice cos cirios da Pascua) atopados en capelas privadas da zona de Malpica, foron tamén sometidos á liturxia propia do pobo, sendo empregados nestes casos para acompañar as mulleres que ían dar a luz a unha criatura.
Se era importante a saúde das persoas, canto máis a dos animais, dos que dependía o sostemento do fogar. Estes eran encomendados á intercesión de Santo Antón de Padua, levados a escoitar Misa o día do Santo á porta da igrexa de Agualada, ofrecéndolle un anaco do pan bendito da pitanza. Tamén, no día de Santa Mariña, o 18 de xullo, cada labrego adquiría uns poucos foguetes, que naquelas semanas se podían adquirir en calquera taberna, para botarllos a esta Santa galega nesa xornada. Os que ían á Misa na capela de Corcoesto traían, como os que ían ao Espírito Santo a Rial de Dubra, uns ramallos de mirto ou buxo bendicidos, que logo se pendurarían nas cortes para protección do gando. A Santa Ana da Rabadeira, que se venera o día da Ascensión e que tivo antes a súa capela no medio dun monte, ían os labregos en rogativa dende as igrexas de Couso e Seavia con ofrendas de leite, xa que se asociaba a esta Santa a protección deste alimento tan fundamental na dieta. Na paraxe onde estivo a capela ata o seu traslado en 1916 existen unhas grandes penas, que nos fan pensar dalgún solapamento de cultos precristiáns. Algo así sucede tamén coa capela de San Sadurniño en Rus, onde os veciños aínda lle renden veneración a unha rocha bicuda, chamada “a pedra do cu”, ao asociarlle o poder de sandar as hemorroides.
Finalmente, non podemos esquecernos das fontes, nacidas tanto para saciar a sede dos romeiros como para curar as súas doenzas: en Coristanco conservamos as fontes de Santo Hadrián en Verdes, a de Santa Baia en Castro, a de Santa Margarida en Cuns e a do Carme de Seavia. Estas contan cunha arquitectura monumental, sendo unha das máis fermosas a de Seavia xa que imita a arquitectura gótica. Hai outras esquecidas nalgunhas propiedades, como a de San Xián en San Xusto, e outras de menor tamaño a rentes, por exemplo, da capela de Centiña. Nela levábanse a cabo ata hai uns sesenta anos a curación do mal da sombra: nesta ermida, que antano non estaba baixo a protección de Santo Antón de Padua, senón de Santa María das Figueiras, existía unha imaxe da Virxe do Rosario, popularmente chamada “A Santa da Sombra”. Neste recinto varias mulleres, que tiñan que chamarse María, quitaban este mal cunha serie de ritos, nos que se incluiría o acceso á fonte. Para erradicar esta práctica, o párroco daquel entón decidiu retirar a talla, rematando con todo isto. Na zona de Carballo hai fontes nos santuarios de San Pedro de Cances, Santa Eufemia de Rus, Santo Hadrián da Piña, San Bieito de Paradela (no lugar que estivo antes a capela), Santa Marta de Aldemunde ou San Paio da Devesa. Esta última foi ergueita por mandato da visita pastoral de 1639.
Máis artigos de Luís Bermúdez
- Santos catacumbais na Arquidiocese de Santiago: San Calisto, mártir
- O incendio do retablo de Noicela en 1906
- A reliquia de Santo Outelo de Goiáns
- Narciso Coello de Portugal (1864-1945), crego de Bértoa
- Unha imaxe peculiar e valiosa: a Virxe de Guadalupe de Oza
- Os párrocos de Bergantiños na visita pastoral de 1817
- A contratación da campá maior de Rus, en Carballo, en 1791
- A cruz parroquial de Verdes, en Coristanco: unha das pezas de prata de máis antigüidade na zona de Bergantiños
- As constitucións de 1771 da confraría de Santa María de Ferreira
- Analizando polo miúdo a custodia de San Pedro de Valenza, en Coristanco
- Setenta anos da chegada de don Cipriano Reiriz de Dios (1902-1983) a Valenza, Coristanco: o crego que fixo progresar o rural.
- A igrexa de Santa Baia de Castro, en Coristanco, a través da visita pastoral de 1817
- A igrexa de Santa Baia de Castro, en Coristanco, a través das visitas pastorais dos séculos XVII e XVIII
- Milagres da Virxe de Pastoriza nas comarcas de Bergantiños e Soneira
- Santos e marcos: a discusión entre san Xián e santa Baia polo lugar de Lume da Cova
- A pirotecnia e as festas de Bergantiños no pasado
- A supresión e anexión das parroquias de San Xusto e Verdes
- Os toques das campás en Bergantiños e o contrato das campás de Oza, Xaviña e Lemaio
- As capelanías existentes en Bergantiños a mediados do século XVIII
- O preito de Santa Minia de Seavia (1870)
- Algunhas sepulturas históricas nas igrexas da zona de Bergantiños
- Don Nicolás Varela Díaz: un fillo ilustre da comarca de Bergantiños
- A devoción a san Antonio de Padua na parroquia de Agualada
- A Virxe da Saleta de Silván: avogosa e protectora das patacas de Coristanco
- A capela das Salgueiras, en Coristanco: de ermida particular a templo veciñal
- A devoción a san Roque na comarca de Bergantiños