Sábado. 29.01.2022
El tiempo

O circo político en Cee culmina con Zaira Rodríguez de alcaldesa

O circo político en Cee culmina con Zaira Rodríguez de alcaldesa
E chegou o día da función. Amencía a Costa da Morte nesta mañá de xoves, 1 de marzo, coa ollada posta nun espectáculo político do máis circense, o pleno da moción de censura en Cee. Rúas cortadas, Garda Civil, Policía Local, un bo feixe de medios de comunicación –RNE, Antena 3 e Tele5 incluídos- e xente, moita xente. As inmediacións do polideportivo municipal da vila de Cee foron un ir e vir de xente ao longo da mañá. O espectáculo desenvolveuse sobre o previsto, co resultado de Zaira Rodríguez como nova alcaldesa de Cee, a primeira da historia do Concello de Cee. Arredor de 400 persoas poboaban as bancadas do complexo deportivo á espera do comezo do pleno. Unha entrada que se veu mermada con respecto ás previsións do xa ex goberno municipal. Non faltou a plana maior do PP. Puidemos ver caras como a de Manuel Álvarez Campana, e os representantes dos populares da zona, como Daniel Rego, Eduardo Parga, Gema Freire ou Antonio Landeira, entre outros. O pleno estivo presidido polo concelleiro de maior idade, Plácido García.

Zaira Rodríguez abríu a sesión

Nos comezos tomou a palabra a voceira do PP, Zaira Rodríguez. Rodríguez expuxo nun primeiro discurso os motivos que levaron á súa formación e ao BNG a presentar a moción de censura. A xa alcaldesa de Cee falou “dunha xestión errática, un importante deterioro das arcas municipais, e unhas desobirtadas pretensións económicas persoais a costa do Concello”. Zaira explicou que a moción foi tomando forma por mor das actuacións de Vigo á fronte da Casa Consistorial. A rexidora acusou ao independente de ser voceiro dun “goberno en minoría que facía de frontón”. Rodríguez explicou que “estas sete persoas non procuran un sillón, senón o mellor para os veciños”. A número 1 dos conservadores tirou de economía para explicar o pacto: “Continúan aplicándose os orzamentos de 2010, que xa non se corresponden coa realidade”. “Nós xa lle tendemos a man nos casos do POS e da gardería sen resultado”. A Casa da Cultura ou o PXOM foron outros dos temas nos que a edila se baseou para explicar o acontecido. “Sempre promulgamos que a lista máis votada fose a que gobernase pero non era un cheque en branco”. Rodríguez rematou o seu discurso lembrándolle a Ramón Vigo que a súa etapa á fronte da alcaldía remata do mesmo xeito que a colleu, cunha moción de censura en 2001.

Resposta de Vigo

Na súa quenda, o xa ex rexedor, Ramón Vigo Sambade, ofreceu un discurso do máis poético, parafraseando a Pablo Neruda, Joaquín Sabina ou Juan Ramón Jiménez. Vigo criticou o pacto ao seren “todos distintos, como a súa propia ideoloxía, a que agochan”. O ex alcalde cuestionou as intencións dos nacionalistas e acusounos de radicais con frases como “Hai que botar a Ramón Vigo aínda que sexa a paos”. O ex alcalde tamén tivo verbas para a cúpula do PPdeG. Cuestionou as críticas do Conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, sobre un desgoberno na vila da Xunqueira. Sobre a débeda do Concello, de 1,5 millóns de euros, afirmou que “é consecuencia de gobernos anteriores”. Ante acusacións da voceira popular, Zaira Rodríguez, sobre falta de diálogo, Vigo Sambade dixo que “nós lle propuxemos a Zaira un pacto de gobernó, pero xa se comezou a falar da moción nada máis saír eu reelexido como alcalde”.

Postura do PSOE

O terceiro grupo en intervir foi o dos socialistas. Non tomou protagonismo ningún na moción a única concelleira dos socialistas no pleno. Amancia Trillo asumíu de novo o castigo que recibiron os seus nas urnas nas últimas eleccións.

Discurso do BNG

O voceiro dos nacionalistas, Dani Oca, fíxolle unha especie de homenaxe de despedida ao ex alcalde de Cee: “Hoxe é o último espectáculo político de Ramón Vigo”. Oca acusono “de ser amigo do todo vale”, de facer “o que lle peta” e de convertirse “no rei do mambo”. Nesta nova etapa á fronte do Concello, o líder do BNG asegurou que quere abrir as portas do concello ao pobo nunha nova andaina de “hixiene democrática”. Oca acusouno de “arruinar o futuro dos nosos fillos” e de facer políticas caciquís, que resumiu coa frase “ou estás comigo ou estás en contra de min”. O voceiro dos nacionalistas afirmou que no concello “xa non haberá favores, e as obras faranse por concurso para que todas as empresas teñan as mesmas oportunidades". Dani Oca lle espetou a Vigo “vostede vulnera o Estado de dereito, con contratos irregulares e obras a dedo”. Ao igual que Zaira Rodríguez, Oca lembroulle ao ex alcalde que “perde a alcaldía do mesmo xeito que a conseguíu, cunha moción de censura”. Por último, o portavoz do BNG falou de lealdade e confianza para o novo pacto de goberno, co que pretenden, principalmente, “sanear as contas do Concello”. Finalmente Plácido Castro, como representante do IxCee, asegurou que os edís indenpendientes non cobraron nesta lexislatura e considera a moción como "un roubo político".

Votación

E chegou o momento clave. O da votación da moción. Saíu todo sobre o previsto, cos votos favorables dos edís de PP e BNG, o voto en contra de IxCee, e a abstención da concelleira do PSOE. Deste xeito, quedou proclamada como alcaldesa de Cee, Zaira Rodríguez.

Primeiras declaracións

Ao peche do pleno, o presumiblemente novo tenente de alcalde, Dani Oca atendeu á prensa. Preguntado pola posible expulsión do BNG, Oca afirmou que “nós presentaremos unhas alegacións e agardamos que sexan comprendidas porque entenden que é unha situación excepcional”.
De feito, nada máis desenvolverse a moción, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, considera que "estes edís xa non forman parte da formación". "Estes xogarán xogarán o papel de axudantes do Partido Popular en Cee", denunciou Vázquez. Tras apoiar a moción, o BNG considera que xa non están dentro da súa disciplina política e que "poden facer o que crean conveniente", aínda que considerou que realizarán un papel de "comparsas" do PP.

Zaira Rodríguez dixo ao remate que nos vindeiros días coñecerase o novo equipo de goberno. “Será un mandato difícil. A nosa postura máis cómoda sería quedar na oposición pero somos sete persoas que nos puxemos de acordo para traballar por Cee”.

Máis imaxes do circo plenario

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

comentarios