Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O Comité de Empresa de Ferroatlántica ve nas ameazas do presidente a "desesperación" da venta das centrais

O Comité de Empresa de Ferroatlántica ve nas ameazas do presidente a "desesperación" da venta das centrais
A-producion-hidroelectrica-e-as-fabricas-de-ferroaleacions-de-Ferroaltantica A produción hidroeléctrica e as fábricas de ferroaleacións de Ferroatlántica "Ferroatlántica está demostrando a súa verdadeira faciana coas ameazas e chantaxes feitas públicas nos medios de comunicación; manobras a través das que pretende facer recaer no conxunto dos traballadores e traballadoras a responsabilidade da ilegal operación que quere levar adiante" manifestan dende o Comité de Empresa de Ferroatlántica despois das declaracións feitas polo presidente da empresa - Pedro Larrea - onde asegura que "sen a venda das centrais haberá recortes". Para os traballadores e traballadoras da empresa, o presidente "esquece un pequeno detalle" nas súas declaracións, xa que tal e como indican, Ferroatlántica non é propietaria das centrais se non que só ten unha autorización administrativa que lle obriga a manter vinculadas ambas actividades. "Estas presións non supoñen unha novidade xa que dende o Comité levamos meses denunciando as ameazas tanto aos comités e ao persoal das distintas fábricas como ás entidades beneficiadas pola responsabilidade social corporativa", manifestan os representantes dos traballadores. Para eles, a empresa segue presentando en cada unha das súas declaracións un baile de cifras e investimentos e xeración de emprego que "día a día fan menos críbel o famoso plan industrial". A empresa continúa enredando e presenta en cada ocasión un baile de cifras de investimentos e xeración de emprego que, día a día, fan menos críbel o famoso plan industrial. Ofensiva mediática "Nesta ofensiva mediática, Ferroatlántica pretende facernos crer que a actividade hidráulica non é un sector estratéxico para o grupo na actualidade, ao tempo que presenta as fábricas como o grande activo da compañía, competitivas e viábeis por si propias. Pero este argumento resulta contraditorio coas ameazas e anuncios de recortes que o Sr. Larrea lanza nos medios" sinalan dende o Comité de Empresa. Os representantes dos traballadores manifestan que é evidente que coas cifras indicadas polo presidente de Ferroatlántica, en termos de beneficios económicos, a Costa da Morte non xera a débeda anunciada. "Non entendemos entón por que a comarca ten que pagar unha débeda ocasionada por movementos da compañía a nivel mundial, fundamentalmente derivados dunha fusión especulativa coa americana Globe. A única débeda que a Costa da Morte ten contraída é a débeda histórica que a empresa acumula pola explotación e espoliación dos nosos recursos naturais. Esta é a débeda que Ferroatlántica non se atreve a pór enriba da mesa" indican os representantes dos traballores e traballadoras. Asimesmo, dende o Comité de Empresa recordan que durante 25 anos a Costa da Morte foi testemuña de como os beneficios xerados polas concesión dos aproveitamentos hidráulicos e pola actividade das fábricas emigraban e servían para financiar proxectos fóra da comarca, e de como eses mesmos beneficios non repercutiron na bisbarra, na modernización e mellora das factorías e na creación de novos empregos. "Como se pode crer que o Grupo Villar Mir apareza agora cargado de proxectos millonarios para a comarca?" indican dende o Comité da Empresa. Na reunión do Comité do pasado venres, ademais do escrito remitido á dirección da empresa, acordouse pór en coñecemento tanto da suposta empresa compradora, como das autoridades bolsistas americana e londiniense, o parecer xurídico da Universidade da Coruña contrario á venda e segregación, advertindo a todas as partes que, de levarse a cabo, sería un operación ilegal. De igual xeito, enviouse escrito á Consellería de Industria para reiterar a solicitude de reunión e solicitarase dos alcaldes da comarca que apoien tamén esta demanda. "A comarca estase xogando o seu futuro, a Xunta non pode seguir a mirar para outro lado e manter unha actitude cómplice. Até cando vai consentir o Goberno galego as ameazas publicas desta empresa, que pretende pasar por enriba da legalidade vixente e ademais menospreza as funcións e atribucións da propia Consellaría?. A Xunta non pode ignorar o rexeitamento rotundo que a Costa da Morte amosou na multitudinaria manifestación do pasado 10 de marzo contra a esta venda especulativa. Ten que estar a altura e desautorizar clara e inequivocamente calquera tentativa de venda. Non facelo supón condenar a comarca ao paro e á pobreza. Unha vez máis, o Comité amosa a total disposición ao diálogo sempre e cando a empresa desista das súas ilegais pretensións e presente un plan que sexa críbel e uns proxectos financiados a través dun plan plurianual de reinvestimentos en todas as actividades que o grupo explota" manifestan os traballadores e traballadoras da empresa.  

Artigos relacionados

Novas do #CasoFerroatlántica

  Fonte

Comentarios