Sábado. 07.12.2019
El tiempo

O Comité de Ferroatlántica presenta as alegacións á solicitude de segregación e venda

O Comité de Ferroatlántica presenta as alegacións á solicitude de segregación e venda

Continúa a loita legal do Comité de Empresa por evitar o proceso de segregación das actividades de produción de ferroaliaxes e enerxética de Ferroatlántica. Desta volta, e amparado polo informe avalado pola USC presentado hai uns meses, o Comité presenta alegacións ao trámite aberto na Xunta por Ferroatlántica solicitando a autorización administrativa para o cambio de cotitularidade e a supresión da prohibición de segregación de actividades.

O informe é claro e demostra que o único interese do Grupo Villar Mir é facer caixa ca venda das centrais para afrontar a súa abultada débeda. Onde quedan aí os compromisos sociais que obriga a concesión? pregúntase o comité e a veciñanza da Costa da Morte.

Dende o Comité lembran que “o que está en xogo é o futuro do emprego e da actividade das fábricas da Costa da Morte”. E seguen advertindo que "levamos moitos meses pelexando porque sabemos que se lle permiten a Ferroatlántica vender as centrais, as fábricas pechan automaticamente, que a ninguén lle quede dúbida”.

En mans da Xunta

O Informe sinala que “Ferrotlántica non solicita a anulación das cláusulas, senón a revogación parcial da concesión en vigor, isto é, a supresión da cláusula de non segregación – negando o seu carácter esencial – e o mantemento do título en todo o demais". E solicita revogación, explicou, porque "ao existir sentenza xudicial firme do TSXG avalando a legalidade da cláusula non pode pedir, outra vez, a anulación da mesma”.
"É máis, apuntou, fronte ao que se asevera no informe da empresa, a Xunta non ten obriga legal ningunha de acceder á solicitude. Se autoriza esta modificación será por unha decisión política. E, en todo caso, esta decisión política tería consecuencias xurídicas, entre elas, que o grupo Villar Mir non podería manter a concesión dos aproveitamentos e decidir sobre a venda das centrais como se fora o propietario dos ríos”.

Sobre a presunta desaparición do interese público

O informe avalado polo profesor titular de dereito administrativo e Secretario Xeral da UdC, Carlos Aymerich, contrapón os argumentos da empresa sobre “desaparición do interese público”. De feito, considera que “por máis que Ferroatlántica llo tente ocultar á Xunta de Galiza, a natureza cíclica e complementar de ambas as dúas actividades é a que xustifica o seu mantemento. Tanto é así, que o propio grupo empresarial recoñece na información aos seus accionistas e aos organismos bolsistas, que a venda das centrais impactaría negativamente na continuidade da actividade de fabricación de ferroaliaxes ao incrementar a súa exposición a futuros incrementos dos prezos enerxéticos”.

"O interese público que xustificou a inclusión da cláusula de vinculación societaria segue plenamente vixente. E este interese público lexítimo non é outro que o mantemento do emprego e da actividade industrial de ferroaliaxes na Costa da Morte, máis concretamente, nos centros de Cee e Dumbría", asegurou o profesor universitario. En canto ao argumento do suposto risco que a vinculación de actividades pode supor para que a empresa se beneficie do réxime de interrompibilidade, as alegacións son contundentes: o que verdadeiramente supón un risco "non é a cláusula de vinculación societaria que a empresa quere eliminar – cuestión absolutamente allea á normativa eléctrica pola que se rexe o indicado réxime – senón a deficiente xestión empresarial".

Manifestación e folga o día 8 de xullo

Á espera do que aconteza nos próximos días, (a decisión da administración galega deberíase coñecer antes de rematar xuño), os traballadores e traballadoras de Ferrotlántica xa teñen convocada folga nas centrais e fábricas para o sábado 8 de xullo. Ese día toda a comarca da Costa da Morte está chamada a secundar masivamente unha manifestación en Santiago de Compostela para demostrar o rexeitamento á venda das centrais hidroeléctricas e demandar da Xunta que non autorice a segregación de actividades. Previamente, o persoal fará unha marcha a pé en varias etapas, con saída o 5 de xullo dende Cee.

Novas do #CasoFerroatlántica

Artigos relacionados

  Fonte

Comentarios