Venres. 29.03.2024
El tiempo

O IES Fernando Blanco celebrou a primeira parte do seu 125 aniversario

O IES Fernando Blanco celebrou a primeira parte do seu 125 aniversario

O pasado sábado 1 de outubro, o IES Fernando Blanco de Cee vestiuse de gala para celebrar, nada máis e nada menos, que o seu 125 cumpreanos. Esta foi a primeira sesión, e entrementre, en QPC imos repasando o legado do filántropo da man de Darío Areas.
O acto arrancou ás 11:00h da mañá coa recepción de autoridades. Aló estaban Xosé Luís Mira Lema, Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Zaira Rodríguez Pérez, Deputada Provincial, e membros da corporación do Concello de Cee.

Despois de asinar no libro de ouro do Instituto, tivo lugar, na capela do centro, unha emotiva misa na honra do fundador e de todos os ex-mestres e ex-alumnos, oficiada polos párrocos Manuel Vázquez e Baldomero Louro, e coa participación da Coral Polifónica Neria.

Logo foi o turno dos descursos. Falaron o colaborador desta casa e Secretario da Fundación, Darío Areas, Chelo Trillo, Zaira Rodríguez, Xosé Luís Mira e Ramón Vigo. Todos ensalzaron a figura do mecenas ceense e a importancia que o instituto tivo para o desenvolvemento de Cee e da comarca.
Descubriuse tamén unha placa de bronce para lembrar tan significativa data.
Foi a Banda Municipal de Música de Cee a encargada de pechar a sesión cun emotivo concerto.

Baile e conferencias pola tarde

Xa pola tarde, os actos empezaron cunha exhibición de baile a cargo da Asociación Terra de Sena e un concerto do Grupo de Pandereteiras do Centro Social de Cee.

Pero as actividades máis agardadas eran as conferencias. Concha Blanco impartiu unha emotiva charla titulada "Muller-Educación. Binomio fantástico". De contado, o director da Escola de Música de Cee, Fernando Fraga, deleitou ós presentes cun fermosísimo concerto de acordeón. E para rematar, outro colaborador das Firmas QPC, Víctor Castiñeira, fixo que os asistentes viaxaran no tempo para coñecer a realidade da nosa vila na época de Fernando Blanco.

Segunda sesión de aniversario

O vindeiro sábado 8 de outubro terá lugar a xornada de peche da conmemoración do 125 aniversario. A partires das 18:15 horas Luís Pousa falará sobre "Unha federación operativa e sostible: Carnota, Corcubión, Cee, Dumbría, Fisterra e Muxía"; ás 19:30 horas, concerto de guitarra a cargo de Fabiano Borges de Brasil.

Para rematar a xornada, e desta vez, no Salón de Actos do Concello de Cee, a compañía local Talía Teatro representará a exitosa obra "Bicos con lingua".

Exposición no CC

O Museo da Fundación Fernando Blanco de Lema, entidade patrocinada polo Concello de Cee e FerroAtlántica, en colaboración co Centro Comercial Finisterrae de Cee, organiza unha exposición de fotografía antiga relacionada co Instituto Fernando Blanco, centro que está a celebrar o seu 125 aniversario.

Expoñeranse no Centro Comercial Finisterrae entre os días 7 de outubro e 15 de novembro, e poderanse ver 12 fotografías que formaron parte dunha exposición temporal que se celebrou no Museo Fernando Blanco e que levou por título "Olladas Nostálxicas".
Nelas apreciarase fundamentalmente como eran as estancias interiores do antigo instituto (salón de actos, capela, aula de música, aula de debuxo, etc), o cal xogou un papel determinante no desenvolvemento da vila de Cee e da comarca.

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Fonte

Comentarios