Venres. 29.03.2024
El tiempo

O Modesto Patrimonio: A Ferigresía de Refoxos

O Modesto Patrimonio: A Ferigresía de Refoxos
Fonte do Santo-Refoxos-Cee Fonte do Santo, en Refoxos, Cee Cruceiro de A Lagarteira Cruceiro da Lagarteira Esta primitiva parroquia de Refoxos, dunhas 100 Ha. aproximadas de terreo, estaba situada a uns 1,5 Qm. terra adentro, e ao norte do xuncal da ría. Ata mediados do s.XVI o único que sabemos deste territorio e o que reseñou o historiador de Cee D. Francisco Mayán Fernández no seu libro “Los Franceses en Cee” e tamén os datos encontrados nos arquivos parroquiais. Mayán, nos seus comentarios, fai referencia ás marcas deixadas polas primitivas civilizacións asentadas neste territorio, como foron os Nerios en Fisterra e as expedicións fenicias e romanas, como a de Décimo Bruto “O Galaico” que celebraban sacrificios no Ara-Solis, seguindo a ruta pola “per loca maritima” en dirección a Carballo ou polo Camiño Real por San Pedro Mártir cara a Brandomil.   Se nos achegamos no tempo, a primeira cita deste territorio está na Bula de Alejandro III ao sinalar as posesións de Santiago e nomea “Cei” no territorio de Nemancos. Sobre o ano 1593 o principal núcleo poboado nesta zona estaba na ferigresía de Refoxos. Xa metidos no s.XVI, sabemos que os Condes de Altamira exercían todo o seu poder nesta comarca, pero o que nos aclara moitas dúbidas sobre este territorio é o inventario dos bens e oficios do Reino de Galicia na provincia Santiago, realizado no ano 1753, máis coñecido como o Catastro da Ensenada. Este documento fala da “feligresía de San Payo de Refoxos” que dí que ocupa de levante a poñente un cuarto de legua (unha legua equivale aproximadamente á distancia que recorre unha persoa andando con paso normal durante unha hora, sobre uns 4,5 Qm.) e de norte a sur outro tanto de distancia con forma de circunferencia. Linda polo Levante coa ferigresía de Sta Olaya de Brens e polo poñente con San Adrián de Toba; polo norte con San Xoán de Pereiriña e polo sur coa Vila de Cee. Ten 15 veciños con dúas casas vacias, quizá unha fora a do cura D. Juan Trillo Gregorio. Tiña os seguintes lugares: Jallas, con doce veciños, e A Lagarteira con tres. Non fala nada dos lugares de Pallares, Escabanas e Raíces. Tiña un monte duns 150 ferrados. Tamén se sabe que no lugar de A Lagarteira había un veciño rico con moitas terras e dous muíños coñecido como Gregorio Pallares. Sospeitamos que o apelido deste veciño dou orixe ao topónimo “Pallares”. A igrexa parroquial, con forma rectangular, estaba situada a uns 600 m. ao leste do lugar de A Lagarteira, moi cerca do Camiño Real a San Pedro Mártir, nunha paraxe coñecida como As Leiras de San Payo. Cerca deste lugar existe unha fonte co nome de “Fonte do Santo”. Esta fonte, na actualidade, foi trasladada uns 10 m. ao borde do camiño principal, metida dentro dunha furnacina. Tódolos terreos desta comarca pertencían ao Conde de Altamira, encargado de poñer Xuiz Ordinario e Escribano. Os diezmos percibíaos o Arcediano de Trastámara, uns 20 reais por primicias e 10 ferrados de centeo polo Voto do Apóstolo Santiago. Co paso do tempo, esta ferigresía foi perdendo poboación, desplazándose cara ao litoral atraída pola industria pesqueira que fixo medrar á Vila de Cee. O Arcebispo D. Francisco Blanco ordea que a parroquia de Refoxos se xunte coa de Cee, quedando só Refoxos cunha misa semanal para os ferigreses e celebrar a festa do Santo. A ermida foise deteriorando e no ano 1778 o cura D. Miguel Campo Quevedo recibe a orde de demolela. Os materias foron vendidos para rendir contas ante o mordomo. As pedras dos muros foron transportadas para ampliar a igrexa de Cee cun total de 106 carretos e un importe de 164 reais. Non sabemos onde foron parar as imaxes, principalmente a do Santo Patrón. Ao sur do lugar da Lagarteira e no borde do camiño principal, lindando coa casa que din que fora do cura, existe un cruceiro. De frente hai unha finca cercada cun muro alto de pedra, dus 30 ferrados, que segundo testimuñas veciñais debeu ser da igrexa e máis tarde pasou á familia Miños de Corcubión. Na actualidade é dun particular. Tamén sabemos que nun radio de 2 Qm. existían tres capelas: San Pedro Mártir, que todavía se conserva; a capela de Santa Cruz, que foi demolida no ano 1778, e a de María Magdalena, que estaba situada no solar do Campo da Feira de Cee, tamén desparecida. Como curiosidade, queremos reseñar que os barcos, cando entraban na Ría de Corcubión, o primeiro que avistaban era o núcleo de Refoxos. Creo que isto foi o que provocou que as cartas náuticas marcaran o pico litoral de entrada como “Cabo de Ce”, época na que non existían os municipios e o núcleo de Corcubión estaba agochado cara ao poñente. Refoxos-Cee Foto aerea 1956 Foto aérea de 1956 da zona de Refoxos, Raíces... en Cee

Olla outros artigos do Modesto Patrimonio

https://quepasanacosta.gal/o-modesto-patrimonio-a-pedra-do-encanto-de-olveiroa/ “O Modesto Patrimonio: A Ruta de Pallares” — Que pasa na costa

Comentarios