Domingo. 06.10.2024
El tiempo

Os Amantes de María Lado

Os Amantes de María Lado

Xosé Manuel Eyré fala esta semana no portal colaborador GC de 'Amantes', de María Lado, gañador do Certame erótico de Illas Sisargas. Un poemario erótico editado por Caldeirón que incide nas sensacións e confidencialidade da sexualidade.

Os Amantes de María Lado

Da fusión entre a voz poética de María Lado, das que máis atraen e morden entre as xeracións máis novas, e do labor de dinamización cultural das xentes de Caldeirón (Malpica)…naceu este Amantes que imos comentar. É o primeiro que salientar son dúas cousas; primeiramente que a poesía erótica, e moito menos esta poesía erótica de María Lado, non é un burdo catálogo de ardores sexuais (máis ou menos sofisticados, exóticos, ou explícitos) a potenciar o morbo do lector, senón un elaborado poemario no que as sensacións sensorias (ardo, arrastrada, incendio, ábreme, desfágome…así se enceta o libro) que require máis traballo, máis esforzo, do que a xente pode imaxinar e que, e velaí o segundo aspecto a salientar, encaixa perfectamente tanto no contínuum da súa obra e o imaxinario co que o lector identifica a poesía da autora, velaí que lle teñamos lido, nalgunha entrevista, que se sorprendeu ao levar o premio porque non sentía que a súa poesía fora moi erótica.
Mais é que a erótica de María Lado se manifesta desde un ton confidencial, un deixarche as palabras no oído, desde unha proximidade que acende as pedras desde a frescura da picardía, ás veces tan explícita como no terceiro poema, onde ama o amante case como a un pai (mais: pero eu non faría/nin a metade do que me mandases) e outras veces é menos explícita mais non desaparece o ton confidencial e non lle resulta ao lector complicado atopala nunha expresión que sempre procura a naturalidade de escenarios dométicos ou coñecidos (dos que se nos devolve unha imaxe que nos permanecía adormentada) e foxe de artificios, de xeito que o feito poético ve acrecentada a súa proximidade ao lector (nisto, a poesía de María Lado sempre nos fai pensar na de Olga Novo, e viceversa).

Amantes é unha ducia de poemas nos que o amor se ofrece contra as intemperies (“noite de boca aberta coma inferno/que afogas a súa branca camisa/no profundo da lagoa”, páx 17), e o sexo se expresa de xeito que o lector teña que participar na elaboración final da imaxe, como suxestión a partir da que (vai ombreiros abaixo e xa se precipita/a lencería, páx 18),combinando/reforzándose con outras onde o explícito é moito máis claro. Porque a linguaxe do corpo, a linhguaxe corporal do amor, do sexo, tende a sinceridade, nun miundo no que …somos,/xa volo dixen,/ amor enfermo,/ xente de mais para entendernos (20).

Amantes é unha ducia de poemas onde as túas palabras róldanme/son gatos entremetidos, enredantes (22), onde o poema non deixa de ser un corpo verbal co que seducir ao lector. Porque é un poemario onde a voz poética é tanto obxecto de sedución como axente sedutor. É cada poema celebración dun novo encontro, redescuberta e reescrita, Itaca, Ulises e mar, máis mar ca Penélope. Que a voz de María Lado será e é moi actual, mais tampouco esquece o mundo clásico, de xeito que en “Voto de silencio” será, en contraste, a feminina voz poética quen baixe ao inferno para rescatar o amante e despois os contemple a mañá amándose sen deberse nomes. Moi actual, precisamente o derradeiro poema, desde o mesmo título (“Punk”), reclama esa actualidade, lembrando a Lois Pereiro e constatando que non se trata, non pode, dun amor pletórico e totalmente satisfactorio como salvación dunha humanidade repleta de pallasos, non pode, precisamente, entendemos, por ser unha expresión da propia imperfecta humanidade.

Xusto antes deste poema do remate, vén outro, moi breve, onde a voz poética describe como lle prende o desexo. Nin tampouco tenden a ser extensos os poemas de Amantes, o desexo prende e enraíza con ben pouco, abonda unha pequena mordida na mazá. Na mazá ou nos poemas de María Lado, pois que difícil se amosa non se deixar seducir polos seus versos, intensos, de ritmo desatado, mesturantes de sensualidade, erotismo e amor, cunha figuración lírica nada alleante e moi próxima aos mundos afectivos da tenrura, sen lle faltaren certas doses de picardía para que o engado sexa irresistíbel.

  • Xosé Manuel Eyré para o GC.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios