Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (VI)

08:36 25/08/16
E xa chegamos ao último dos relatos premiados neste ano no IV Concurso Relatos Curtos da Fundación Fernando Blanco de Lema. Uns relatos que levamos recollidos en QPC, e que chegan ao final con este “Unha amizade cega”, de Noa Lema Rial (IES Maximino Romero de Lema de Baio), que recibiu o 1º Premio categoría B (ESO).
Noa Lema Rial 1º Premio categoría B IV Concurso Relatos Fundación Fernando Blanco
A amizade é algo máis ca un sentimento de cariño. É poder confiar en alguén e saber que non che vai fallar. É que te fagan sentir ben cando a vida te acaba de enganar. É saber que, pase o que pase, sempre haberá alguén aí, que te apoie e te axude no que poida. É gozar dos bos momentos, estando unidos nos malos. É saber que podes confiar o teu maior segredo. É defenderse mutuamente, sen esperar nada a cambio. É a sensación de non querer superar ao outro, senón de animalo a que se supere a si mesmo. É perdoar cando che fixeron algo malo. É alegrarse cando ves a ese amigo. É gozar ao máximo de cada momento con el. Pero, pese a coñecelo mellor ca ninguén, e querelo tal e como é, somos humanos, e podemos errar ...
A chuvia esvaraba pola ventá do cuarto de Adrián. As gotas de auga escorrían polo húmido e frío cristal. De vez en cando un coche pasaba pola deserta estrada que se podía observar dende a súa ventá. O día estaba moi escuro, e as xigantescas nubes ameazaban unha forte tormenta. As árbores bailaban ao son do temible vento, que sopraba con intensidade. Adrián estaba deitado na cama, pensando en todo o que pasara e tentando ordenar a información na súa cabeza, que bulía incansable.
Adrián era un neno de trece anos, baixiño para súa idade, de cara ovalada e algo torpe. Era tranquilo, tímido, intelixente, e case sempre gardaba as distancias cos demais. Ás veces parecía estar vivindo no seu propio mundo, xa que tampouco contaba con moitas amizades. Vivía nunha pequena vila de A Coruña, xunto cos seus pais e o seu can. No colexio ninguén adoitaba tentar coñecelo, e Adrián non amosaba tampouco especial interese en abrir o seu corazón.
O mellor amigo de Adrián era o un can chamado Manchiña. Máis que amigos, Adrián e Manchiña eran dou compañeiros de batallas. Sempre xuntos, sempre unidos. Sabían que a súa amizade duraría eternamente. Pero o que non esperaba Adrián era que unha rapaza se puidera interpoñer, por un momento, entre eles.
Sen dúbida Manchiña era o mellor amigo de Adrián; aínda que non fose unha persoa, entendíao e apoiábao como tal, pero sobre todo, escoitábao. Manchiña era un labrador fermoso, cun pelo denso e forte, dunha brillante cor negra como o carbón. Medía uns cincuenta e cinco centímetros de altura e era moi sociable, dócil e cariñoso.
Manchiña fora un regalo de aniversario dos seus pais cando Adrián tiña tres ano. Daquela o can aínda era un cachorro, polo que se criaron á par. Sempre ían xuntos a todos lados, e queríanse coma a ninguén. Manchiña era o fiel defensor de Adrián, e sempre o protexía de calquera perigo, e era para Adrián os seus ollos ...
Adrián era cego de nacemento, e Manchiña era o seu can guía.
O adestramento de Manchiña para converterse nun can guía comezara case dende o seu nacemento, cando só tiña sete semanas de vida. Despois dun test que servira para considerar se o animal era apto para esa función, fora entregado a unha familia de acollida, coa que aprendera a habituarse ás situacións cotiás do fogar e a alcanzar a obediencia. Esta familia non ía ser coa que quedaría ao final do proceso, polo que esta primeira adopción era pasaxeira.
Despois de tres anos de adestramento, o can fóralle entregado a Adrián. Unha vez que os cans guías se acostumaban aos seus donos dábano todo por eles, incluso a súa propia vida.
Pero Manchiña era mais que os ollos para Adrián, era o seu compañeiro de viaxe, a calquera lugar e en todo momento. Aínda que non o dicía, Adrián sempre pensaba que se puidese ver durante uns segundos, miraríao a el, ao seu guía, ao seu escudo, aos seus ollos.
Adrián ía a un instituto ordinario. Alí, Adrián era considerado un neno estraño. Ninguén o rexeitaba, mais tampouco ninguén parecía velo. Era coma unha pantasma que ía e viña sen que ninguén reparase nela, agás unha rapaza.
Chamábase Branca, e era fermosa. Tiña os ollos grandes e escuros, o nariz pequeno e os labios finos e delicados, cuns dentes tan brancos e ben feitos que semellaban perlas no mar. Aínda que Adrián nunca puidera apreciar a súa beleza exterior, sempre quixera facer amizade con ela porque de pequenos xogaran xuntos e leváranse ben. Logo, Branca distanciárase del, xa que fixera outras amizades.
Adrián e Branca ían ao mesmo instituto e na mesma clase, pero case nunca falaban, pois Branca andaba cos seus amigos e Adrián estaba ... co seu can.
Branca era moi querida por todos os rapaces do instituto, e contaba cunha multitude de amizades. É dicir, todo o oposto a Adrián.
Branca e Adrián baixaban na mesma parada, e tiñan que seguir o mesmo camiño para chegar ás súas casas. Un día, despois das clases, Branca achegóuselle e preguntoulle que tal ía todo. Adrián, sorprendido, contestoulle que estaba ben, e preguntoulle que tal ía ela. Comezaron a falar do colexio e das actividades que facían para relaxarse e divertirse un pouco, e cando se deron conta xa chegaran á casa, así que se despediron. A Adrián encantáballe falar con Branca e que ela se interesase por el.
Todos os días os dous rapaces quedaban a falar un anaco, e parecían levarse ben. Ata Adrián parecía querer abrirlle o seu corazón a alguén, por primeira vez.
Pasaron os meses e Branca converteuse no principal pensamento de Adrián. Xa non tiña tempo para mimar ao seu can, nin tampouco para xogar con el. Manchiña víase algo tristeiro, pero quería tanto ao seu amo coma sempre. Adrián non facía mais que pensar en Branca, en como podería facer para declararlle o seu amor, e en como impresionala para que esta se dese conta do que lle gustaba. Pensaba tanto nela que decidiu esquecer a súa vergoña, e dicirllo.
Adrián decidiu sorprendela. Ía levala a un lugar onde puidesen ficar sos, sen que ninguén os molestase. Nun momento dado, ata lle amolou que o can os acompañara.
Ese día, depois das clases, Branca ía especialmente contenta. Levaba un vestido de flores que lle quedaba moi ben, e o pelo recollido nun moño que lle caía cara o lado. Adrián estaba algo nervioso, pero sabía que esta era a súa única maneira de expresarlle o que sentía.
Cando a tivo cerca puido apreciar o doce perfume que levaba, que o engaiolou ao momento. Quedou quedo durante uns segundos, algo tenso, pero despois díxolle que lle quería ensinar un lugar, e que o seguise detrás de Manchiña. Colleron por un estreito camiño de terra. Branca preguntou varias veces por onde a levaba, pero non se notaba ningún medo nin reproche na súa voz.
Cando chegaron á pequena lagoa que estaba ao carón dunha pradeira, sentaron nunha pedra. Estiveron falando durante un anaco, e Manchiña ladrara varias veces. Os ladridos do can molestaban a Adrián, xa que entorpecían a conversa que mantiña con Branca. Estorbáballe que Manchiña non os deixase sos, pero non dicía nada. O can seguía a ladrar,e Adrián rifoulle, dicíndolle que parase, tirou o arnés ao chan e ignorouno. Manchiña entendeu a mensaxe pero non se inmutou, aínda que parecía sorprendido pola brusca reacción do seu amo. Tiña os ollos tristeiros, e o rabo baixo. Era a primeira vez que Adrián facía algo semellante, e non o entendía moi ben. Aínda así, quedou deitado á sombra dun carballo, un pouco apartado dos rapaces.
Despois dun tempo, cando Adrián se dispuña a contarlle a Branca os motivos polos que a levara alí, escoitouse un berro e risas que proviñan duns salgueiros que había ás súas costas. Oíronse voces de novo, seguidas de risas, berros e asubíos. Entón Adrián entendeu o que estaba a pasar.
Eran os amigos de Branca que se estaban a rir e mofar dela porque estaba en compañía do neno cego. Seguíanos dende a parada do autobús, e estiveran espiándoos todo o tempo. Branca comezou a poñerse colorada, e tentou escusarse cos seus amigos, dicíndolles que todo fora un malentendido e que Adrián a obrigara a ir alí, e que non tiña ningún tipo de amizade con el. Adrián non o podía crer.
Branca marchou cos seus amigos, pero antes de facelo, alguén tirou un vaso de plástico á cabeza de Adrián, empapándoo por completo de zume de laranxa. Adrián perdeu o equilibrio e caeu ao chan. Nese momento pensou en Manchiña.
Non podía levantarse xa que volvería a perder o equilibrio e podía magoarse. En verdade, Adrián non sabía moi ben canto tempo estivera alí, deitado, coas bágoas esvarándolle polos ollos, pensando na horrible experiencia que tivera con Branca, e no malo que fora el con Manchiña. Chorou desesperadamente e berrou con forza.
De súpeto Adrián sorriu. Manchiña ficaba ao seu carón, lambéndolle o nariz e as meixelas. Coa pata dianteira achegoulle o arnés para que o puidese suxeitar. Cando puido erguerse, Adrián non soportou as ganas de chorar de novo e de abrazarse con forza ao seu amigo.
Dende o seu cuarto, e escoitando a ameazante tormenta, Adrián comprendera que Manchiña sempre estaría unido a el, e que como o seu can non encontraría ningún mellor amigo.
Unha amizade cega

- Noa Lema Rial (IES Maximino Romero de Lema de Baio).
Novas relacionadas
- 2016: Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (V).
- 2016: Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (IV)
- 2016: Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (III)
- 2016: Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (II)
- 2016: Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (I)
- 2016: Os Debuxos da Fundación (II)
- 2016: Os Debuxos da Fundación
- 2015: Os debuxos da Fundación (II)
- 2015: Os debuxos da Fundación Fernando Blanco (I).
- 2015: Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (II).
- 2015: Os Relatos da Fundación Fernando Blanco (I).
Máis novas
- QPC volverá publicar os Relatos e Debuxos premiados da Fundación Fernando Blanco
- Bazarra apoia por quinto ano a actividade cultural da Fundación Fernando Blanco
- Cee volve celebrar “o mes da Fundación” para alumnos e público en xeral
- A Fundación Fernando Blanco renova as súas becas coa axuda de Bazarra
- Primeira fornada de becarios da Fundación Fernando Blanco.
- O Museo da Fundación Fernando Blanco vólvese salvar polo apoio empresarial.
- O Unión Club Cee segue acadando apoios empresariais como o de Bazarra.
- Olimpia xa ten gasoliña para correr.
- Bazarra.com, moito máis que a web dunha gasolineira:
- A fotografía toma o museo Fernando Blanco.
- Expoñendo a arquitectura de Domingo Antonio de Andrade.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Fundación Fernando Blanco