Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Os Relatos da Fundación (V): "Podes ver?”, Paula Pérez Trillo

Os Relatos da Fundación (V): "Podes ver?”, Paula Pérez Trillo
Despois de repasar os debuxos premiados do Concurso da Fundación Fernando Blanco, imos agora recollendo os relatos premiados no VI Concurso de Relatos Curtos da Fundación Fernando Blanco. Hoxe toca o 2º Premio Categoría B (ESO) do VI Concurso Relatos: "Podes ver?”, realizado por Paula Pérez Trillo do IES Fernando Blanco de Cee.

"Podes ver?”, Paula Pérez Trillo

Paula Perez Trillo-Cee Paula Pérez Trillo xa é unha habitual dos premios Talía era unha rapaza normal, salvando o dato de que tiña pasatempos diferentes respecto ao contexto que a rodeaba. Xa que carecía de visión, desfrutaba estimulando o resto dos seus sentidos dando longos paseos polos poucos recintos arborados que quedaban na súa vila. Pero agora ela vivía nun lugar, nun tempo, ao que non pertencía; nun tempo no que a tecnoloxía e o virus da necesidade de recoñecemento no internet afectara tamén aos máis cativos, facendo máis complexas unhas relacións que estarían resoltas se se dignaran a baixar ao parque onde remataba a rúa de Santa Tareixa. Si, facía dúas semanas que Talía vivía alí; a súa familia mudárase para coidar da súa avoa, e tamén para poder coidar do negocio do seu avó e conseguir uns cartos extras a fin de mes, por que os médicos non son nada baratos. Talía ía ter que pasar o resto da súa escolarización naquela cidade que rexeitaba a súa visita. Deuse conta no seu primeiro día de escola, cando a atmosfera xa lle indicaba que ía ser invisible para os compañeiros. A mensaxe quedou clara ao entrar pola porta, sendo recibida polo son do GAME OVER procedente dunha consola, e de seguido o son dos teclados dos teléfonos móbiles escribindo a un ritmo vertixinoso: “é sorprendente que coas mans tan pequenas que teñen sexan capaces de teclear a tal velocidade”, pensou con ironía. O que xa lle comezou a inquietar foi que aqueles rapaces non se dirixían ningunha palabra entre eles. Despois disto, só lembraba que a profesora aparecera e mandáralle presentarse. “Ola, eu son Talía, proveño dunha pequena vila ao norte. Gústame ler, pasear polo parque coa miña cadela, e relaxarme escoitando aos paxaros”. Máis o que sempre lle tiñan que lembrar: “Ah, e son cega”. Agardou a que cesaran os leves murmuios para que comezaran as típicas preguntas de como podía ler, se podía ir ao cine, ou a que máis lle gustaba de todas: “coomo distingues ás persoas se non podes velas?”. Ela sempre dicía que non o sabía, que era coma un sexto sentido, o cal era unha absoluta mentira. Sabíao perfectamente. O seu reto mnemotécnico era bastante complexo posto que consistía en tomar notas de todas as peculiaridades de cada persoa, máis ben, de cada voz, porque para ela resultaban como hullas adulares, selos de identidade válidos para todas as persoas. Non era tan útil pero pasábao ben distinguindo os risos dos seus coñecidos, eran unha mostra de confianza cara ela e tamén indicaban unha saúde estupenda. Cando Talía ía á consulta do médico nunca escoitaba nada máis que o pranto dalgún neno, pero nunca, nunca, un riso. Por ese motivo, despois dunha semana tiña unha espiña de preocupación polos seus compañeiros atrancada no pensamento; aqueles rapaces non rían. Foi a advertir á titora, e sorprendeulle saber que compartía a mesma inquietude ca ela, pero a mestra coñecía o por qué. Divagaron moito sobre o conflito e finalmente a muller díxolle que coa súa axuda poderían a infección que xa se estendera por todos aqueles corpos, e á cal só lle quedaba por atacar ao corazón. O resollo consistiu no rexurdimento dun xogo xa esquecido, un xogo ao que Talía estivo xogando toda a vida, e no cal sería a única que posuiría ollos. Ao día seguinte toda a clase camiñou ata o parque onde remataba a rúa Santa Tareixa. Cando chegaron ao seu destino, todos falaban entre eles, coa intención de adiviñar porque estaban alí e non na aula de informática. Cando as teorizacións comezaron a transformarse en queixas, a mestra falou: - “Tranquilos. Estamos aquí por que a vosa nova compañeira e eu queremos que visitedes un lugar, permitídeme falar con liberdade, onde volvades a ser nenos. Farta estou de tervos aí, coas caras pálidas iluminadas unicamente por unha luz latexante, sen falar, sen rir... Rapaces, sodes coma bonecos de corda deseñados para facer sempre o mesmo. E así parecerá que o voso mundo arrebatouvos a posibilidade de serdes pequenos. Entón imos facer un experimento todos xuntos, e para comezar preciso a un voluntario que se ofreza a ser o suxeito pasivo das probas”. - A noticia colleunos a todos por sorpresa e ninguén soubo reaccionar. “Advírtovos, se ninguén levanta a man, elixirei eu mesma”. Unha rapaza roxa ergueu a man. Tratábase de Lucía, a cal con voz firme afirmou que ela quería comezar coa aventura. A continuación, cun aire místico, Patricia, a profesora, remexeu na súa carteira na procura dun pano, que para o seu asombro ía ser, esa tarde, o billete que lle ía permitir viaxar. A mestra situouse tras dela e o corpo de Lucía tensouse, como se a súa consciencia rematara de decatarse de que aquelo que ía pasar era moi especial. Chegou o momento no que o pano cubriulle os ollos e o universo de Talía doulle a benvida. Incrédula, apreciou como non había unha completa escuridade, pois podía percibir sutís sons e aromas que, paulatinamente, proxectaban no seu maxín un plano do lugar. - “Ben, imos xogar á pita cega. Lucía será a nosa galiña, polo que a continuación faredes todos un círculo a redor dela. Agora, ti Lucía, vas dar tres voltas sobre ti mesma cando o indiquemos, e no momento no que che preguntemos algo, ti debes contestar o seguinte”; - díxolle algo á orella e dirixiuse a eles de novo; “O retso repetide comigo .... pita cega, que se che perdeu?”. - “Pita cega, que se che perdeu?”; - murmuraron sen moitas ganas. - ”Unha agulla e un dedal”; - de inmediato Lucía contestou, provocando que a vergoña se disipara. - “Da tres voltas e atoparalos”; - cantaron con máis ánimo. Lucía comezou a virar e eles acompañárona contando con intensidade “unha, dúas, tres”. De seguido avanzou. Bastáronlle só catro pasos temerosos para alcanzar a un dos seus compañeiros; a mestra non lle dixera nada, pero no fondo sabía o que debía facer. Palpou o rostro e mentalmente foi modelando unha imaxe do mesmo, como se se tratase de plastilina. Pero aínda non era quen de identificar a aquela persoa. Ata que a súa vítima, Leo, non tivo máis forzas para aguantar o riso; entón estivo claro. Ambos compartiran pupitre dende que comezaran a escola, e a pesar de que Lucía non escoitara aquel fermoso trino dende había koito tempo, era imposible non recoñecelo. - “Ola Leo! Es ti, verdade?”. O rapaz, divertido, pero algo amolado por ter perdido a partida, seguiu as indicacións da profesora e relevou a Lucía do seu posto para ocupalo el, non sen antes dedicarlle un bo “choca eses cinco”. Tamén estaba nacendo entre eles un sentimento de competitividade ao que comezaban a ser adictos. Pasou o tempo e fíxoselles tarde. Evidentemente, Talía rematou cun récord de vitorias, dende logo merecidas. Pero como dixo ela cando deron por finalizada a xornada de xogos, “vos ganaches máis ca min, agora volvedes a ser nenos e debedes vivir felices estes breves momentos. Porque a infancia serán uns aniños volátiles se a comparamos co resto que nos ven enriba, pero as experiencias que sacamos dela son para toda a vida. E, por suposto, sei que é inxusto, pero debedes ser conscientes de que dannos pouco tempo para desfrutala”. Con estas últimas palabras que todos lembrarían sempre, recolleron ledos as súas mochilas, e marcharon falando e recompilando anécdotas que lle contarían aos seus pais. Talía gozaba de poder escoitar aquelas voces que, por primeira vez sabía que lle estaban falando á cara, e non coa mirada desviada cara os pés. Despois de entrar no seu universo, todos estaban máis interesados en Talía, a nova compañeira de clase, e non nesa compañeira cega. A cativa presentiu que ía facer moi bos amigos, e pensou con tenrura que a mudanza non fora unha experiencia tan mala. Nos bancos do parque, rodeadas por unha morea de pombas mendigando algo de comer, unhas avoas axexaron aos rapaces durante toda a mañá. Só cando estiveron seguras de que xa non podían escoitalas, unha delas amosou un sorriso engurrado e entrañable para dicir: - “Había ben de tempo que non o vía tan felices”.  

Debuxos e Relatos Premiados 2018

“QPC volverá recoller os relatos e debuxos gañadores do Certame da Fundación Fernando Blanco” — Que pasa na costa

Gañadores dos Premios Fernando Blanco 2017

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios