Piden solucións ás eivas na seguridade peonil en Cee, Estorde e na Anchoa
Leva anos pedindo a veciñanza solucións para as eivas na seguridade viaria e peonil en vías de titularidade autonómica da comarca de Fisterra. Puntos como a Avda. Fernando Blanco de Cee, o paso por Estorde ou mesmo a Anchoa de Fisterra, con claros exemplos da necesidade de tomar medidas para evitar atropelos.
Así o entende o BNG que volveu levar ao Parlamento Galego a petición de dúas propostas non de lei para que a Xunta solvente estes puntos negros.
No caso da entrada de Cee, o BNG entende “lóxico que o goberno galego asuma de xeito prioritario e inmediato a urbanización da C-552 dende a rotonda do lar até o cruce de Roget, así como construír nese tramo espazos peonís naquelas zonas onde non existen e a afluencia de bicicletas e peóns é constante, pola existencia de diversos supermercados e comercios, de cara a garantir unha axeitada combinación de seguridade viaria e desenvolvemento económico”. E piden o mesmo para a C-550 no mesmo xeito para así transformar a entrada ao pobo e facela máis segura para os peóns”.
Outra actuación prioritaria é a que se precisa na AC-445 ao seu paso por Estorde, tamén en Cee. Lembran que cruzar do camping ou o aparcadoiro á praia é toda un risco pois , nos arredor de 700 metros que unen a saída da vía rápida Cee-Fisterra e o comezo de Estorde, non existe ningún paso de peóns.
Poñen o terceiro foco na recta da Anchoa, lembrando a morte o pasado mes dun veciño por un atropelo, e a mobilización veciñal pedindo un paso de peóns e a redución da velocidade.
Por iso preguntan ao goberno galego se van tomar algunha medida de xeito inmediato nestas estradas.