Sábado. 21.09.2024
El tiempo

Por unha solución definitiva para as inundacións de Cee

Por unha solución definitiva para as inundacións de Cee
Inundacions en Cee no 2012-2009-2006 Innumerables as veces que temos falado do problema das inundacións de Cee. Chegan as chuvias e o asunto salta á orde do día por causas evidentes. As rúas falan e piden auxilio, como poden, mentres son asolagadas pola auga.

Hoxe é o BNG o que trae de novo este problema que ocasiona molestias e perdas económicas importantes a negocios e particulares. O caso é que fai mais de dous anos, a Consellaría de Medioambiente, anunciaba por medio de Augas de Galicia, a contratación dun estudo que analizaría minuciosamente as carencias da rede de sumidoiros, o estado da mesma, daría datos sobre profundidade e caudais que soporta, e por suposto, daría conta das actuacións precisas e imprescindibles para a solución das anomalías detectadas.

Na metade do ano pasado, o director de Augas de Galicia declarou que o estudo aínda non fora rematado, mais na súa fase preliminar, deixaba xa as claras que había actuacións que xa se podían ir executando, que non eran custosas, e as que denominaba como “cirúrxicas”, entendendo como tal que poderían valer para ir dando solución puntual a problemas concretos, onde as inundacións son mais graves.

Son moitas as posibles causas: O mal estado da rede de saneamento, a pouca separación das augas residuais das pluviais, os problemas das estacións de bombeo, a rachadura a poucos metros do emisario submarino, ou o pésimo funcionamento da propia estación depuradora de augas residuais, provocan, a mais das inundacións antes mencionadas, que a ría soporte a vertedura de millóns de litros de auga sen depurar, ao día. Isto significa que os mariscadores que operan nela teñen que levar o marisco recollido a depuradoras antes da súa venda, o que significa, perda de tempo e diñeiro, polo tanto, postos de traballo.

O problema é que a día de hoxe “nada sabemos do estudo que está valorado en case 300.000 euros”, denuncia o BNG, que pide á alcaldía que demande a Augas o traslado á Corporación municipal das conclusións do estudo realizado; así como que inste a Xunta unha partida orzamentaria para acometer as obras que o concello de Cee precisa, e con carácter prioritario as consideradas 'cirúrxicas’.

Lembra o BNG tamén a necesidade de “poñer a punto a estación depuradora de augas residuais, solucionando todas e cada unha das anomalías que presente”, así como “arranxar de xeito urxente, o emisario existente na propia depuradora”.

Novas relacionadas

Fonte

  • BNG de Cee.

Comentarios