Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Santiago López Insua: “Hai que axudar ás familias para que non teñan que depender de entidades como a nosa para saír adiante”

Santiago López Insua: “Hai que axudar ás familias para que non teñan que depender de entidades como a nosa para saír adiante”
Santiago Lopez Insua da Cruz Vermella Cee-Foto-Rafa Quintans Santiago Lopez Insua da Cruz Vermella Cee-Foto-Rafa Quintans

Recen aberta a súa nova sé en Cee, a Cruz Vermella comeza a traballar en programas sociais. Falamos co seu coordinador, Santiago López Insua, para que nos debulle cales son as liñas de actuación da organización na comarca fisterrá.

  • Cales están sendo os primeiros pasos da Cruz Vermella en Cee?

Desde Cruz Vermella traballamos para estar preto das persoas que nos necesitan e por este motivo queremos saber onde podemos actuar. Neste sentido, dende que abrimos as nosas portas o pasado mes de setembro,  estamos facendo unha análise da realidade da comarca, tratando de ver cales son as principais necesidades para poder darlles cobertura, contando ademais coa inestimable axuda das administracións e o resto de entidades. Froito dese análise inicial, os nosos primeiros pasos están sendo dirixidos cara as persoas maiores e os nenos e nenas en dificultade social.

  • Xa fixestes ou tendes algún tipo de análise dos meirandes riscos sociais que sofre a comarca de Fisterra?

A verdade é que as necesidades non distan moito das que existen noutras comarcas: hai familias que o están a pasar realmente mal xa que os seus recursos son escasos e é aí onde queremos estar, preto deles para axudarlles a saír da situación na que se encontran.

Ademais, somos coñecedores de que na comarca de Fisterra temos unha poboación envellecida e vemos unha oportunidade para ofrecerlle os nosos maiores alternativas de ocio e acompañalos nesa etapa da súa vida que tanto o necesitan.

  • Que carencias notades? Cales son os colectivos socias máis desfavorecidos?

Por exemplo, vemos que hai moitas dificultades para atopar un emprego. Este feito fai que as familias vivan situacións límite, que afectan a todos os seus membros (menores, persoas dependentes, maiores). O noso traballo centrase na atención aos diferentes colectivos tratando de dar cobertura as súas necesidades.

  • Que liñas de actuación ides seguir cos vosos proxectos? Formación, emerxencia social, axuda a persoas maiores, axuda á infancia, axuda a persoas en risco de exclusión social, prevención de drogas, educación sexual…

O eixe principal das nosas actuacións pasa por traballar de maneira integral incidindo en tódolos aspectos da vida das persoas. Tratamos de cubrir as necesidades básicas pero sen deixar de lado outros aspectos importantes. O noso obxectivo é lograr o benestar social, pero creemos que cubrindo só o básico non se acada: hai que axudar ás familias na educación dos rapaces, no coidado das persoas maiores e na busca activa de emprego para que non teñan que depender de entidades como a nosa para saír adiante.

  • Haberá algún programa ou proxecto a través do cal se poida vertebrar socialmente a Costa da Morte unindo forzas coas delegacións de Vimianzo e Carballo?

Sempre traballamos en rede. Sen dúbida algo que nos gustaría a longo prazo sería potenciar a busca de emprego, concienciar ás empresas para que poidan colaborar na formación e a empregabilidade das persoas máis desfavorecidas, tomando como exemplo o traballo que xa levamos facendo en delegacións como A Coruña ou Santiago. Loxicamente a moita menor escala, pero adaptado á realidade da nosa comarca.

 

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/pequenos-e-maiores-protagonistas-das-primeiras-accions-da-cruz-vermella-cee/ https://quepasanacosta.gal/a-cruz-vermella-estrea-sede-en-cee/

Comentarios