Serxio Domínguez: "O traballo do actual goberno é ineficaz e insuficiente"


Hoxe, toca falarmos co candidato do BNG de Cee ás eleccións 2015, Serxio Domínguez. Un BNG que acadara 3 edís no 2011, sendo a terceira forza, pero que a día de hoxe só conta cun concelleiro, o propio Serxio Domínguez pola expulsión dos edís que asinaron a moción de censura para sacar a Ramón Vigo da alcaldía.
Poderemos velo no debate electoral público, así como ao resto de cabezas de lista que se animen a dar a cara ante os seus veciños.
- QPC: Con que obxectivo afronta a súa lista estas eleccións do 24M?
Co obxetivo da ilusión, da fé nunhas ideas e nun proxecto asentado en persoas válidas, ilusionadas e con gañas de cambiar o futuro do pobo. Non nos poñemos mais meta que a de seguir cun proxcecto de esquerdas para gobernar este concello.
- QPC: Na súa formación vivíronse tempos de cambios nesta lexislatura. A moción de censura entre PP e BNG, provocaba a expulsión dos 3 edís da formación nacionalista. Como foi esa transición?
Difícil. Mais permíteme corrixirche, o Bng non gobernou co Pp.
Houbo momentos de confusión, de non saber como continuar a laboura, pasamos de ter os mellores resultados da historia, a quedar sen representación, mais os que quedamos, seguimos. Mentres estivemos fóra, seguimos de preto a actualidade do concello, asistimos como público a cada un dos plenos, e fixemos oposición; presentamos mocións, escritos e iniciativas, mais todas e cada unha delas foron ignoradas e silenciadas polo goberno daquel entón. Nos orzamentos do 2013, fomos capaces incluso de que tiveran que volvelos a pleno porque presentamos alegacións. A partir da demisión da compañeira, entrei no pleno e as cousas cambiaron, xa non puideron pasar de nós. Dende aquela, os plenos pasaron de durar cinco ou seis minutos a durar dúas ou dúas horas e media, a tratarse mais de trinta iniciativas nosas, case todas elas aprobadas.
Foi un traballo intenso, onde estivemos ao lado das nais e pais que loitaron polo pediatra, ao lado dos bombeiros para que se solucionaran os seus problemas, cos traballadores da pisicina, pedindo medidas de aforro enerxético, que se solucionasen os problemas de contaminación da ría, os de inundacións na avenida Fernando Blanco, ou un regulamento de participación cidadá, por poñer algún exemplo.
- QPC: Cales son os puntos fortes do seu equipo, renovado ata nun 70%?
O bo desta lista non son os puntos fortes, que os ten, se non que non ten puntos débiles. Cando comezamos a elaborar a lista e a falar coa xente independente, comezamos a ver boa predisposición a acompañarnos, e incluso os poucos que non viñeron por problemas persoais, seguen colaborando con nós dende a distancia. Na presentación díxeno, e hoxe digoo de novo, a lista do Bng de Cee pódeselle dar a volta, co que o número 18 pasaría o 1, e iso significaría que Xosé Iglesias sería o candidato, un auténtico luxo para Cee. O futuro é moi prometedor, con xente nova con moita ilusión, con gañas de seguir traballando cando pasen as eleccións, cousa imprescindible para un proxecto. Con xente da cultura coa que imos afrontar retos novos. Resumindo, desta candidatura vai sair un Bng novo e mais forte.

- QPC: Como ve que haxa 7 candidaturas nun concello como Cee?
A pluralidade, entendida como tal non debe ser negativa, mais o caso de Cée é diferente, xa que a pesares de aparentala, non a hai. Si nos fixamos ben, só o Bng representa a esquerda, os demais, ou son escisións do Pp, (IxCee) ou escisións das escisións (Cidadáns e Unión Cidadá), incluso comeza a falarse pola vila de marcas brancas e pactos xa acoradados. Tamén está o Psoe que foi socio de todos eles en algunha que outra ocasión, polo tanto a pluralidade non é tal. Xa vai sendo hora que Cée sexa gobernado por outra xente, non polos mesmos de sempre.
- QPC: Heliporto e Autovía: Tempos nos que as infraestruturas, ou a mala xestión das mesmas foron protagonistas. Que prantexa para solucionar os problemos?
O Bng non fai traballo quince días de campaña, faino os catro anos. Quero dicir con isto que en canto a autovía, por exemplo, demandamos no parlamento en innumerables ocasións a necesidade de que fose feita mediante finaciación pública, o que propiciaría que con menos cartos de inversión, chegaría mais lonxe, e dicir, con menos do que van gastar para que chegue a Baio, chegaría até Cée e daríase feito o enlace ao porto de Brens, imprescindíbel para o desenvolvemento do porto.
Polo que respeta ao heliporto, vai pasar a historia como a maior chapuza xamais coñecida na Costa da Morte. O Bng loitou con tódolos medios para que nos expliquen qué pasou, por qué hai alí soterrados case dous millóns de euros, onde están os informes que aconsellaron aquel sitio, mais seguimos con respostas insuficientes, cando as dan. O que si está claro é que naquel momento gobernaba en Cée, Psoe e IxCee, na Xunta o Pp e o goberno central era o de Zapatero, polo que son eles quen deben dar explicacións.
Resumindo, teñen que rematar a autovía até Cée, e ao heliporto que lle dean unha solución, sen non a hai, cambialo de sitio, pero a xente do mar non pode estar sen o helicóptero de salvamento.
Dicir tamén que a solución final é apartar dos gobernos aos que nos levan as estas situacións e apostar polo da casa, xa o dixo Celso Emilio Ferreiro...”nunca virá de fóra, remedio ou esperanza”, nós mesmos nos temos que gobernar.
- QPC: Casa da Cultura: Como valora a posta en marcha do edificio?
A posta en marcha de “parte do edificio”, porque compre lembrar que hai moitas partes aínda sen rematar. Sen ir mais lonxe, e durante a presentación da nosa candidatura, poidemos comprobar como na sala de conferencias había goteiras, froito dalgún fallo de construcción de seguro, mais non debería habelos.
A inauguración en plena precampaña é froito das ansias do goberno do Pp por vendela como súa. Repetindo o modus operandi de fai catro anos, cando o goberno de Psoe e Ixcee xa abriran as portas para poder visitala, xusto antes das eleccións.
Pero indo un pouco mais aló, agora a realidade é que temos un edificio moi grande, cun mantemento moi custoso, e ao que hai que buscarlle unha rendabilidade como sexa, para, por unha parte, mantela chea de actividade, e por outra facela económicamente sostible.
Para rematar, creo inadecudado que figuren na placa da entrada os nomes do presidente da Xunta, do da deputación ou da alcaldesa, xa que nos dezaoito anos que levou rematala foron varios alcaldes e presidentes, incluso se usaron fondos do estado. Unha placa onde se agradecera a laboura de todos aqueles que a fixeron posíbel, sería moito mais acaida.
- QPC: Cales cren que son as eivas máis grandes no seu concello?
A pouca esperanza de vivir aquí para a xente moza, e a falla dun proxecto, dun rumbo claro. Dende fai xa décadas os gobernos de Cée gobernan pensando únicamente nas eleccións vindeiras, só pensando en gañar, en con que formar goberno ou mesmamente en como “chincharse” uns aos outros.
Por exemplo, o edificio de Raices onde está agora a gardería foi pensado no seu día para un centro ocupacional, logo, cando a gardería do Campo do Sacramento quedou pequena, reconvertírono en escola infantil, pecharon a segunda, privatizaron o servizo e provocaron que moitos pais e nais do concello acabaran por levar aos fillos a Fisterra por sair mais económico.
Agora, coa gardería vella pechada, queren convertela nun centro de día. Outro, a travesía de Ameixenda foi asumida polo concello en propiedade a cambio dun cativo asfaltado, agora, cando haxa que facer mantemento teremos que asumilo nós, cando non somos quen nin de acabar a estrada Toba-Lires. O concello de Dumbría non aceptou o trato similar que a Xunta lle propuxo, igual porque pensou no futuro.
- QPC: Cal é o proxecto do que fai bandeira e a que partida orzamentaria adicará máis cartos?
O Bng non se presenta a estas eleccións con proxectos estrela, con promesas que logo non se van poder cumprir, faino cun compromiso baixo do brazo, co compromiso do traballo, traballo e traballo.
O saneamento integral do pobo vai ser o eixo principal do goberno do Bng de Cée. Acabar coas inudacións da avenida Fernando Blanco, e separar as augas pluviais das fecais é primordial para conseguir unha ría limpa e saudábel. Con iso non só melloraríamos a calidade das augas, se non que voltaríamos a ver marisco na ría, a ser de novo verxel de postos de traballo.
- QPC: Tres propostas concretas, e importantes, do seu programa.
A parte do saneamento integral que acabo de mencionar, na volta da ría vai xirar moito do noso empeño. Por un lado aprobaremos un Pxom que manteña a marxe da esquerda como zona industrial para recuperar os asteleiros ou actividades similares. Tendo en conta que polo corredor marítimo de Fisterra pasan milleiros de barcos ao ano, pódense reflotar para que, cando menos, acometan traballos de restauración e mantemento. As instalacións xa están feitas, só hai que poñelas no mercado.
O peirao de Brens, coa instalación nel dunha base anticontaminación que nos protexa doutro Prestige, e conseguindo que o seu crecemento en mercadorías vaia parexo cos postos de traballo (16 fai 15 anos, 4 agora), son parte imprescindíbel para a creación de actividade económica. A creación dunha empresa municipal que xestione un museo do mar na nave en semirruinas ao lado da depuradora, no que tamén haberá unha carpintería de ribeira, onde se fabricarán e manterán un par de barcos que sairán de excursión pola ría, visitando as Lobeiras, o faro Fisterra, e mesmo Caneliñas que queremos recuperar e que será referente do turismo ecolóxico, cumplimentando o traballo da empresa.
A creación da casa da xuventude na antiga escola de música, con salas de ensaio, auditorio, etc...
A zona antiga de Cée, rúa Darriba e arredores, será co Bng o Allariz da Costa da Morte, referente para que a xente dos concellos da volta veñan a mercar a vila, non a Toba como é agora mesmo, que nin a Cée baixan. O pequeno comercio verase fortemente favorecido coa iniciativa.
- QPC: Como potenciará a participación cidadá no Concello?
O Bng non fai campaña só un mes antes, traballa catro anos como dixen antes. Nós xa levamos a pleno unha moción para aprobar un regulamento de participación cidadá, que foi rexeitado por todos e cada un dos grupos que agora se presentan de novo as eleccións. A pesares diso, o Bng-AA non vai cesar no empeño e vai conseguir que a xente participe, si ou si, na vida política de Cée, na toma de decisións. Buscaremos canles de participación democrática para que deixemos de ser meros números que voten cada catro anos, e pasar a ser parte das decisións. O Bng-AA terá reunións con toda veciñanza, e faráa partícipe na toma de decisións, de onde se deben gastar os cartos, de que obras son prioritarias, e fará que os orzamentos anuais sexan froito do entendemento entre goberno e cidadanía.
- QPC: Como analiza o traballo do grupo de goberno nestes 3 anos que leva no poder?
Ineficaz e insuficiente. Nos primeiros meses do seu mandato despediron a traballadores e privatizaron servizos encarecéndoos, como a escola de música e a escola infantil. Nos seguintes foron dando tumbos e só foron quen de distribuir os fondos que lle chegaban da Deputación. Nos últimos meses, e vendo o Pp que se xoga toda a unha carta con Cée na Costa Morte, lanzou unha ofensiva en forma de subvencións para lavar a cara do pobo, pintaron a casa do concello chovendo, inauguraron a casa da cultura inacabada, arranxaron a Alameda provocando multiples perdas económicas para os comercios da volta, ou fixeron a chapuza da obra de Lires que xa se está derrubando, todo para tratar de enganar a xente e gañar as eleccións. Todo edulcorado coas visitas contínuas de conselleiros, directores, presidentes de portos, etc... e coa propaganda para o Pp nos medios de comunicación pagada cos cartos públicos, cos de todos e todas.
Novas relacionadas
- Un Debate electoral entre os candidatos, público e aberto na Casa da Cultura Cee.
- CEE: Cee bate a súa mellor marca en candidaturas.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).