Stoupa inaugura a súa axenda de exposicións 2019 co “Voantes" de Laura Tova
Unha Sesión vermú con música en directo por Dj Tristón, servirá para inaugurar a mostra da polifacética artista carballesa

A galería de arte e tenda turística Stoupa, o gran epicentro cultural da bisbarra en clave de artesanía e creatividade, inaugura a súa axenda de exposicións 2019. Faino coa escultura “Voantes” , da ilustradora Laura Tova e con música en directo do Dj Tristón, nunha sesión vermú que seguro que non deixa a ninguén indifirente. A cita, este sábado 9 a partir das 12:00h.
“ Voantes” é un proxecto de autoedición onde se mestura ilustración e escultura cunha profunda carga filosófica nun estilo minimalista e naïf. Retomando un fancine do ano 2015 Laura Tova introdúcese nun novo mundo de soportes e texturas baseadas na ilustración aplicada á cerámica.
A exposición componse de 7 pezas en forma de paxaro de diferentes tamaños e formas, ideadas e esculpidas por ela. As frases que acompañan ás súas voantes fan alusión á acción de voar e do sentimento de liberdade.
A mostra poderá visitarse ate finais de marzo de martes a sábado de 12h a 14h e de 17h a 20h.
Laura Torrado Varela (Carballo, 1989)
Defínese como unha persoa chea de ilusión, soños e historias coas que establece a súa relación co mundo, confesa que no 2015 vió a súa primeira estrela fugaz e marchouse con ela.
Fórmase na escola EASD Pablo Picasso da Coruña, comeza o seu proxecto de deseño de produto no 2014, para introducirse no mundo do deseño e a ilustración publicitaria. Imparte talleres didácticos, participa en diversas iniciativas de arte urbana; Derrubando Muros con Pintura, Rúar e rir, Derrubando Muros para ver ou Mar na Coruña. O seu último proxecto de escultura “ Voantes”.
Dj Tristón, integrante do grupo the Fakes, ademais participa tamén en diferentes organizacións pertencentes ao mundo cultural de Costa da Morte. Este sábado 9 de febreiro estará en exclusiva pichando en Stoupa.