Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Un repaso ás primeiras conversas do sumario da Operación Orquesta

Un repaso ás primeiras conversas do sumario da Operación Orquesta
Aberto o segredo sumario da Operación Orquesta imos coñecendo as conversas telefónicas entre os imputados da trama. Conversas que demostran o pouco respecto dos implicados para coa sociedade e para cos seus postos de responsables políticos. Pouco a poco iremos desgranando o sumario dos 2 anos de investigacións. Un detalle si que nos chama a atención antes de nada: Que de tacos din estes os nosos políticos e empresarios...

Vigo e Moreda deciden as listas do PSOE

Entre as conclusións que podemos sacar estes días da revista de prensa, podemos apuntar cousas tan sorprendentes como que "Ramón Vigo e Fernández Moreda, presidente da Deputación, decidiron a confección da lista dos socialistas para estas municipais". Aí é nada e así se extrae dunha conversa entre Vigo e o secretario de Neria, Xan García. Aquí podemos comprobar con estas dramatizacións sonoras realizadas pola Radio Nordés - Cadena Ser, onde escoitamos, primeiro, a Ramón Vigo, seguido de Xan García, nas que ademais chaman a Lamela "mala persoa" por chamar "corrupto" a este último diante de Moreda. Vigo e Xan Garcia sobre Lamela

Ogando e os pagos ás festas

Conversa entre Ogando pai e fillo sobre cartos Como podemos comprobar nesta outra conversa dramatizada, a familia Ogando debatía canto lle ían dar para aos concellos implicados para as súas festas. 29.000€ para a Xunqueira (para o esperpento de Manolo Tena) e 5.000€ para os "pobres" de Mazaricos, como así comentan pai e fillo. Estes pagos realizábanse en metálico. Así se pode concluír tras unhas conversas entre os Ogando, nos que se preguntan un "trouxeches os cartos, non?" ao que o pai responde "si, tenos túa nai", tras ir sacar 10.000€ para amañar a obra do campo de fútbol de Fisterra. Noutra descritiva conversa do 12 de agosto do 2010, Ogando pai, pregúntalle ao seu fillo: "E os cartos de Vigo? Que llos levas aló ó concello ou o chamo e imos comer con el?". Ao que o seu fillo responde: "xa os levo aquí; os 5.000 quiteinos tamén, e quitei 34.000...". Os primeiros serían para as festas da Fervenza (Mazaricos), e os 29.000 restantes para entregar a Vigo para a festa da Xunqueira (Cee). Os coñecidos 29.000€ que Vigo tivo que pagar de fianza para evitar a prisión. Era este, o de presionar (ou comprar) a base de talonario, un dos xeitos que tiña Ogando para entrar no Concello de Cee, onde chegou a presionar para recibir traballos. E aí é onde entraba Jorge López, o auténtico iniciador da trama, xa que cando estaba sendo pinchado por asuntos de drogas, o xuíz atopouse con esta clase de sopresas. López chega a comentar con total normalidade a un dos responsables dos concellos que "as obras hai que darllas aos amigos". Ogando recoñeceu ter pactado con Vigo un 5% de comisión do valor das obras do campo de fútbol e dos palcos das festas. Pola súa banda, en Mazaricos hai probas de que varias adxudicacións se realizaron sen publicade, mesmo con empresas pagadas para que presentaran propostas que sabían que non ían gañar pero que eran necesarias para a legalidade do procedemento. I é que malia que os informes dos interventores eran en innumerables ocasións desfavorables, as adxudicacións seguianse dando a dedo. Hai conversas entre Vigo e López explicando que "a obra foi admitida, con todo en contra pero admitida", en obras que implican á Deputación. E outras nas que o propio López lle explica a Ogando como está o panorama. Conversas semellantes se puideron escoitar por Fisterra, onde a relación entre políticos onde o propio alcalde recibe chamadas para que interceda na colocación nun posto de traballo do xeriátrico en Vimianzo dunha sobriña súa, algo ao que se presta Traba. Concretamente, a sobriña non era outra que a compañeira sentimental de Daniel Ogando fillo. Conversa sobre enchufes no xeriatrico

O arquitecto da Casa da Cultura de Cee

Un dos casos máis sangrantes pode ser o da Casa da Cultura de Cee. Cun retraso de máis dunha década e un sobrecusto de máis de 1 millón de euros, o propio arquitecto José Carlos Leis Caruncho podería estar implicado. De feito, o xuíz asegura que "A súa connivencia e participación delitiva quedou de sobra probada". I é que Leis Caruncho podería ter participado no fraccionamento de adxudicacións das obras, para que non sobrepasen os 60.000€ que obrigan a abrir un concurso.

Implicados en Corcubión

O Mercado Medieval tamén foi salpicado pola trama. O xuíz denuncia a creación facturas falsas, creación de asociacións... para conseguir subvencións "en connivencia coa Xunta". Carlos Rey, antigo organizador do Mercado durante 10 anos, e Manuel Varela Rey, exalcalde de Carballo e actual xefe territorial da Consellería de Cultura e Turismo en A Coruña son algún dos implicados. O pago de comisións aparecen no sumario no que o PP corcubionés podería estar implicado.

Multas e facturas falsas

Das facturas falsas pouco hai que contar que non se saiba xa. Algunha de 80.000€ para festas para completar unha xustificación de 120.000 do que só pode realizar por facturas legais ata os 58.000. Aí entra a rede de Jorge López, capaz de crear facturas do aire, que contando co pouco control das administracións, en principio solucionaría a papeleta. Sobre as multas tamén hai cousas interesantes. Foron atopadas varias multas que o alcalde de Cee ordenou retirar a familiares, e tamén do seu coche particular. Condutores que non conducen aparecen como culpables de multas, e un policía local de Cee foi imputado por seguir ordes.

Revista de prensa sobre o sumario da Operación Orquesta

Máis información

Artigos relacionados

Nova relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Dramatizacións sonoras da Radio Nordés - Cadena Ser.

Comentarios