Xoves. 25.04.2019
El tiempo

María Lado: "En xeral, son unha poeta boa de ler"

María Lado: "En xeral, son unha poeta boa de ler"

A poeta costeira María Lado naceu no 124 dun taxista de Cee a noite do 14 de abril do 1979, camiño a Compostela. Cando era nena e lle preguntaban que quería ser de maior sempre dicía que quería ser Agatha Christie. "Crieime entre historias. Meu bisavó, co que botaba moito tempo, era un gran contador, sabía centos de contos e a min encantábame escoitalo", lembra María, quen volve á zona sempre que pode: "Para min toda a Costa da Morte, sobre todo Carnota, non é o lugar da infancia, é o meu lugar", di a poetisa. Falamos con ela.

  • Comezaches a túa carreira literaria co Batallón Literario da Costa da Morte alá polo ano 1996. Que recordos gardas daquel tempo?

Modesto Fraga tiña un bar en Cee, o Macondo, onde Suso Bahamonde e eu coñecemos á xente do Batallón. Alí pasabamolo moi ben xogando a facer cadàveres exquisitos e falando de poesía ou tramando recitais. Era unha época na que recitabamos moito, en festas, instis, bares.. Eu pasábao moi ben e aprendín moito.

  • Estudaches Filoloxía Galega e Produción Audiovisual. Porque esta elección?

Porque me gustaban as dúas cousas, aínda que filoloxía non a rematei por un par de asignaturas.

Daquela influiume moito Paco Souto, sobre todo porque recitaba moi ben e polo que escribía, e tamén Estevo Creus e Celso Fernandez Sanmartín.

  • Cales foron as túas primeiras lecturas poéticas, e que autores influíron na túa maneira de facer poesía?

Eu empecei a ler poesía da xente do meu redor, coa que recitaba: Miro Villar, Rafa Villar, Mónica Góñez, David Creu, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Edu Estévez... Daquela influiume moito Paco Souto, sobre todo porque recitaba moi ben e polo que escribía, e tamén Estevo Creus e Celso Fernandez Sanmartín.

  • Como definirías a túa expresión poética?

Pois non sei, é longo de contestar, porque vai mudando a medida que eu mudo, a según cambian os meus intereses e lecturas, a miña formación... En xeral son unha poeta boa de ler.

  • A túa primeira obra de poesía individual titúlase ‘A primeira visión’. Como cambiou a linguaxe poética de María Lado ao longo dos anos?

Tiña 17 anos cando escribín ese libro, se non evolucionase na escrita sería un desastre. A miña linguaxe foi mudando porque non é algo estático, cambia porque eu tamén o fago.

  • Desde o ano 2005 compartes varios recitais escénicos coa poeta Lucía Aldao baixo o nome Aldaolado. Levades máis de 10 anos revolucionando o recital poético galego con poesía, emoción e divertimento. Que tal esta experiencia?

Pois moi boa, porque nós disfruramos moito do contacto co público e funciona xenial. Vemos moita xente que non é lectora de poesía e que vén a vernos porque o pasa ben. É moi emocionante.

  • Ademais de poeta, tamén es narradora. Que che ofrece un xénero fronte ao outro?

A min gústame escribir, en xeral, e vivir disto. Así que escribo moito para logralo, mesmo por encarga  e, por veces, cousas que poderían non resultarme interesantes. A narrativa gústame moito, é outra arquitectura distinta. Tamén teño escrito teatro, que me apaixoa, porque unha das cousas que máis disfruto de escribir son os diálogos.

Creo que internet é unha ferramenta súper útil para a literatura

  • Que opinas das novas formas da difusión da palabra, xa sexa en páxinas da internet, foros literarios, revistas virtuais, blogs...etc?

Sempre tiven moita relación coa rede, tiven un blog moi activo durante uns anos, onde entrenei moito a escribir. Tamén tiven un poemario, Berlín, dispoñible para libre descarga ata que a páxina na que o tiña fechou. Pero teño moitos textos na rede, para que a xente poida lelos. Creo que internet é unha ferramenta súper útil para a literatura.

  • En que proxectos traballas actualmente?

Acabo de escribir un texto de teatro para o titiriteiro de Corcubión Borja Ínsua, andamos con iso. E intento escribir un libro de poemas, pero sobre todo ando na estrada, de recitais con Aldaolado. Este ano pateamos Galiza de novo e iremos tamén ao Barcelona Poesía e ao Vociferio de Valencia.

Comentarios