A mocidade que forma
Que sirva este artigo de homenaxe, e tamén de presentación dunha serie de entrevistas que imos realizar da man de David Lourido. Entrevistas nas que os protagonistas son eles, os novos emprendedores da bisbarra, os novos dinamizadores culturais da Costa da Morte, aqueles que coas súas inquedanzas deixan un futuro máis alentador para todos.
Hoxe imos ata o Couto (como imos facer un repaso da mocidade activa da zona sen pasar pola aldea gala pontecesán) e por Corcubión, onde os bravos da Universidade Cromática das Virtudes dan un paso adiante, da recreación á formación.
Nace en Corcubión "Proxectos Culturais e Educativos Costa da Morte"
"Proxectos Culturais e Educativos Costa da Morte". Así se chama a nova empresa creada pola asociación UCD para asumir labores de formación. Aí están os Borja, Vane, Keko, Laura, Esther, Carla, Timi e Senén asumindo xa a Escola de Verán Municipal de Corcubión, que durante os meses de xullo e agosto se desenvolven gratuitamente no Colexio de Quenxe.
Esta escola de verán, organizada polos servizos sociais municipais e subvencionada polo Concello de Corcubión e a Consellería de Educación, ten como finalidade prestar apoio e reforzo educativo para reducir o abandono e fracaso escolar.
Polo de pronto xa son unha ducia de alumnos os que acoden a estas aulas diferentes, onde o pensar é fundamental. Son clases para adultos de ESA e FP, clases para recuperar as materias pendentes en setembro de ESO e PCPI, e tamén hai escola de familias, técnicas de estudio e habilidades sociais. Todas as persoas interesadas en participar, poden poñerse en contacto cos servizos sociais ou chamar ao telefono 981 745 400.
A intención ademais é a de convertirse nunha realidade durante todo o ano. Son xente que veñen de rematar as súas carreiras nas capitais galegas, e que volven a afrontar o seu primeiro inverno como adultos na súa terra. E queren ficar, queren que a semente siga crecendo. A súa idea é de presentar proxectos formativos e culturais aos Concellos da zona, así que esperemos que a resposta destes sexa tan positiva como se merece.
Escola de Verán do Couto
A que xa é, dende hai tempo, a gran referencia en materia de formación estival, é a asociación Montebranco e a Fundación Eduardo Pondal. A Escola de Verán arrincaba precisamente este luns, e vaia sorte para estes 50 cativos ter uns mestres como os que ten.
Eles son a canteira do Couto, precisamente os que se formaron nestas mesmas escolas, e que xa a día de hoxe teñen un nivelazo moi por riba da media.