Unha exposición biográfica en Corcubión para homenaxear a Pepe Miñóns
O Concello de Corcubión volveu organizar este martes 2 de decembro unha homenaxe a Pepe Miñóns, empresario e político corcubionés asasinado en 1936 polas forzas franquistas. Coincidindo co 89 aniversario do seu fusilamento, quedou inaugurada na Casa da Cultura unha exposición biográfica sobre a súa figura, que estará dispoñible ata o 15 de decembro.

Ademais, levouse a cabo unha ofrenda floral no monólito de Pepe Miñóns, na Praza Castelao. Un acto encabezado polo alcalde Xabier Domínguez Traba, que pronunciou unhas verbas, e ao que tamén acudiron membros da corporación municipal e veciñanza de Corcubión e a comarca.
O rexedor corcubionés salientou que “Pepe Miñóns foi un home profundamente ligado á historia do noso concello e ao noso país; un home que, coa súa vida e coa súa traxectoria, simbolizou o compromiso coa liberdade, co progreso e coa dignidade democrática nun tempo no que defender estes valores supuña un acto de enorme coraxe, pero que viu a súa vida brutalmente interrompida pola represión franquista”.
Xabier Domínguez sinalou que Miñóns destacou “como avogado, intelectual e deputado, e traballou sempre pensando nunha Galiza máis xusta, máis culta e máis humana”, e subliñou que lembrar a súa memoria “é asumir a responsabilidade de non esquecer”.
“Que este acto sirva para manter viva a súa memoria e para reafirmar o noso compromiso co que el representou. Porque Pepe Miñóns non é só un nome na historia: é un exemplo que continúa iluminando o noso presente”, concluíu o alcalde.



