A nova urbanización de Quenxe vai adiante


Non escoitabamos falar delas dende mediados de 2011, pero as novas promocións urbanísticas de Corcubión seguen adiante. Se ben a urbanización do Hotel Hórreo está parada e mesmo xa non ten o cartel de venta de pisos, a nova urbanización de Quenxe segue en marcha.
Así nos informa o BNG de Corcubión, que asegura que o alcalde vén de iniciar o expediente para construir unha nova urbanización de 30 vivendas na parcela de “galiña branca”, enriba da praia de Quenxe, promovida pola inmobiliaria “Sicar”. A parcela é a situada detrás do chiringo dos xeados entre As Hortensias e o Museo Marítimo Seo de Corcubión.
Un novo exemplo de crecemento pouco sostible, de levar o formato "marbellí" á Costa da Morte, tendo en conta que Quenxe permanece cunha baixísima ocupación durante 10 meses do ano. Ademais, cómpre lembrar qe entre entre estas dúas promocións prantexadas, duplicarían o número de vivendas na vila de San Marcos. E máis, coa de pisos baleiros que hai no centro da vila, como sinala o BNG.

Menos vivendas
O BNG asegura tras revisar o expediente para a aprobación inicial do Plan Especial de Reforma Interior (PERI) da parcela coñecida como “galiña branca”, que o novo proxecto inclúe só 30 vivendas unifamiliares, e non 50 como pretendía a promotora. Aseguran dende a oposición que a súa presión servíu "para obligar a empresa promotora a realizar un informe de sostibilidade ambiental (ISA), que en breve terá que expoñerse ao público durante 2 meses".
Alternativas
O BNG considera esta promoción "un novo pelotazo urbanístico dos poderes fácticos en Corcubión, ademáis dunha desfeita medioambiental de difícil reparación". E propón "destinar esta parcela, xunto ca que está debaixo do cemiterio, a un gran parque para uso e disfrute de todos os veciños, evitando de novo a presión urbanística á que está sometida a praia de Quenxe".
Por último, di Insua que “esta é unha das razóns polas que o alcalde ten paralizado o PXOM, pois prefire aprobar este PERI aparte da ordenación xeral. Que non conte co voto do BNG na aprobación final do pleno”.
Novas relacionadas
- 18-07-11: As novas urbanizacións de Corcubión duplicarán as súas vivendas.
- 17-12-10: A nova urbanización de Quenxe segue en marcha.
- 24-06-10: Quenxe xa ten por onde crecer.
- 23-03-10: Rexeitado o PXOM corcubionés por excesiva permisividade urbanística.
- Fotodesfeita: Quenxe.
Fonte
- Nota de prensa do BNG de Corcubión.