mércores. 06.05.2026
El tiempo

120 mulleres xa inscritas para o "Foro Alza Voz de Muller" que acolle esta fin de semana Vimianzo

Foro alzavozdemuller Vimianzo Profesionais
Imaxe do foro do ano pasado
120 mulleres xa inscritas para o "Foro Alza Voz de Muller" que acolle esta fin de semana Vimianzo

A Casa da Cultura de Vimianzo acolle este venres 8 e sábado 9 de maio a segunda edición do Foro de Liderado Feminino no Rural da Costa da Morte “Alza Voz de Muller”; unha cita que se consolida tras o éxito da primeira convocatoria.

O encontro, promovido polo Concello de Vimianzo, coa colaboración da Deputación da Coruña e da Dirección Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, supera xa as 120 persoas inscritas, na súa maioría mulleres procedentes de distintos puntos de toda a provincia

Este foro pretende consolidarse como un espazo de referencia para a reflexión, a aprendizaxe e o impulso do liderado feminino no ámbito rural, favorecendo o intercambio de experiencias e a creación de redes profesionais.
Baixo o lema “Da consciencia á acción para liderar, emprender e transformar desde o rural”, a cita reunirá a destacadas profesionais e referentes a nivel estatal, que participarán en distintas actividades orientadas ao desenvolvemento persoal e
profesional das asistentes.

O evento contará con relatorios, espazos de diálogo e dinámicas participativas nas que se ofrecerán ferramentas prácticas e se fomentará a toma de decisións, así como para fortalecer unha comunidade de mulleres con intereses compartidos.

Entre as participantes desta edición figuran nomes como Gemma Fillol (consultora de marca persoal); Nuria Varela (xornalista e escritora); Eva López Barrio (experta en emprendemento feminino); Rosa Arcos (Fademur), Cecilia Trancón (Caolines de
Vimianzo) e Lorena Añón (vicerreitora da Universidade de Santiago de Compostela), entre outras.


As inscricións seguen abertas e poden formalizarse de xeito gratuíto a través da páxina web oficial: alzavozdemuller.com.

Artigos relacionados

Así foi a edición do ano pasado

Comentarios