Luns. 02.08.2021
El tiempo

O BNG de Corcubión denuncia unha suposta fraude nun proceso de contratación

Contratados do PEL
O BNG refírese ao procedemento de contratación de dous albeneis cos fondos do PEL da Deputación
O BNG de Corcubión denuncia unha suposta fraude nun proceso de contratación

Fai hoxe o BNG de Corcubión unha grave acusación sobre o procedemento de contratación temporal de oficiais de 2ª do plan financiado pola Deputación “PEL-Concellos Reactiva 2021”. Os concelleiros da opsición, tras recibir algunhas queixas dos aspirantes revisaron a documentación, e sinalan que “os aspirantes quenon acreditaron o coñecemento de galego levaron a máxima puntuación, a pesar de non haber rastro das probas de galego, para aqueles que non puidesen acreditar o coñecemento da lingua co certificado CELGA A”.

Dende o BNG sinalan que “o tribunal non contaba entre os membros con ningún técnico coa especialidade apropiada para valorar a proba práctica que consistiu en levantar un tabique de ladrillos, e valoraron esa proba membros sen criterio formativo nin académico”. Por último, denuncian tamén que “houbo membros do tribunal que non apareceron en ningunha proba do proceso, e sen embargo asinaron e avalaron os resultados deste desastroso e inxusto proceso selectivo”.

Aproveita o voceiro nacionalista, Lois Lado, para sinalar que “é de escándalo o que pasa no concello cada vez que hai procesos selectivos. Están tan acostumados a chanchullar, que perderon a vergoña toda. É inconcibible que o tribunal outorgue puntos de balde, sen facer as probas oportunas, prexudicando aos aspirantes que non queren que saian seleccionados, como vimos de verificar revisando o expediente”.

E avisa: “Pode existir prevaricación, e iso é moi grave, non me estrañaría que isto acabase no xulgado e a culpa de todo tena o Alcalde, que é o que permite que todo isto pase día tras día”.

comentarios