O canto une ás mulleres de Corcubión contra as violencias
Bonito e emotivo o evento celebrado este martes 15 de outubro no Cárcere Vello de Corcubión. Concidindo co Día Internacional da Muller Rural e tendo no horizonte o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Concello de Corcubión lanzaba unha convocatoria ás mulleres da comarca para participar nunha simbólica acción contra as violencias.
Coordinada pola artista internacional Cecilia Barriga, coa que falabamos a pasada semana, e a batuta da cantautora herculina Lucía Aldao e a soprano afincada na nosa terra, Gema Román, máis de 30 mulleres acodían á chamada para participar no “Grita, Galega Canta”.
Despois da preparación inicial realizada entre as tres armadanzas, o acto tivo lugar nun espazo tan emblemático como o Cárcere Vello, un espazo que ten un protagonismo especial no propio proxecto. Barriga explicou o sentir do proxecto ás mulleres chegadas, moitas do Coro e outras do grupo de envellecemento activo municipal, pero tamén outras chegadas de lugares como A Coruña. Puideron ver o poderoso vídeo creado o ano pasado por mulleres italianas na Basílica de Roma, outro espazo con históricas violencias.
E de contado se lanzaron a cantar, demostrando o poder de unidade que ten o canto. Lucía e Gema coordinaban o potente orfeón feminino, facendo propia a adaptación ao galego da letra por parte de Aldao, conseguindo momentos de gran emotividade entre elas.
”Pareceunos unha cantidade moi importante de mulleres as que animaron a participar, pero sobre todo encantounos ver ese estusiasmo de participar neste canto”, explica Barriga. “Xogamos a cantar, a probar, e houbo moita atención do que significa cantar sendo conscientes do que estamos cantando. Foi moi potente, moi participativo, e creo que as mulleres realizaron ese diálogo coas violencias contra as mulleres e de como saír dela dende un lugar de fortaleza colectiva” .
Creando comunidade e apostando polas Residencias Artísticas
”Con proxectos coma este tentantos crear unha rede, facer comunidade, espazos que nos fagan estar xuntas ás mulleres da vila”, explica María Bella, Concelleira de cultura, benestar, igualdade e muller do Concello de Corcubión.
Ademais, esta iniciativa ratifica a súa aposta polas residencias artísticas, “convertindo o espazo de Emerxencias de Protección Civil en espazo de Emerxencias Artísticas”, en relación a que Cecilia está a pasar unha semana facendo unha residencia no edificio de emerxencias de Protección Civil, situado no porto, como xa aconteceu con Félix Fernández no marco do proxecto Escora.
Aproveitando esta residencia, ao longo destes días realizaranse 4 ensaios (o primeiro este xoves 17), guiados por Gema, e con Cecilia mantendo certas conversas sobre as violencias coas 24 mulleres que xa se comprometeron a construtir o proxecto completo de cara ao 25N.