mércores. 30.04.2025
El tiempo

Cecilia Barriga: "O Cárcere Vello de Corcubión será un espazo ideal para cantarlle ás violencias que sufrimos as mulleres"

Cecilia Barriga en Madrid
Cecilia Barriga
Cecilia Barriga: "O Cárcere Vello de Corcubión será un espazo ideal para cantarlle ás violencias que sufrimos as mulleres"

Este vindeiro martes 15 de outubro, as mulleres de Corcubión e de toda a comarca terán a ocasión de participar nunha acción de arte feminista tremendamente potente, que estará ademais baixo a batuta dunha artista internacional. Cecilia Barriga, polifacética chilena con 4 décadas de experiencia creando vídeoarte, documentais, cine ficción… coordina a acción Canta Galega Grita, organizada polo Concello de Corcubión co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Un “canto colectivo e sanador” que servirá para lanzar un berro artístico contras “as violencias”, contra os “machismos”, deixando unha peza audiovisual de gran impacto. Falamos coa mesma Barriga que nos conta de onde vén e a onde vai este proxecto, que desenvolverá durante a residencia que realizará do 14 ao 20 de outubro.

  • Como unha muller cunha traxectoria internacional tan inmensa acaba nunha vila como Corcubión?

O encontro co lugar dase vivindo un segundo exilio na miña vida. O primeiro foi de Chile a Madrid nos 70; e o segundo foi un exilio climático, escapando de Madrid este verán.
Pero agora non traía só o pasaporte e un caderno, senón que traio unha longa carreira e moita experiencia. E na maletita traía unha obra recén terminada en Roma, na que recollíamos o horror das violencias, en plurar, que sufrimos as mulleres. Non podemos quedarnos en silencio nin quedarnos soas para protestar.

Así que estando por aquí e vendo o escenario que temos na Costa da Morte, e atopando moitas mulleres que habitan este espazo, topeime entre outras con María Bella (concelleira de cultura, benestar, igualdade e muller do Concello de Corcubión), que xa nos coñeciamos de Madrid, e cando María viu o traballo que fixemos en Roma, notei que sentía a emoción que eu sinto, e activamos unha proposta para facelo aquí. E aló imos!

Cecilia Barriga en Fisterra este verán
Cecilia Barriga en Fisterra este verán
  • Entón, que che pareceu a nosa comarca?

A Costa da Morte trasládame a moitos lugares. Eu vivín a miña infancia, en Punta Arena, Magallanes, "la tierra de fuego", que tiene unha significación moi parecida a que ten Fisterra. Permite atoparse con moita xente rara, que fai estas rutas buscando a fin do mundo.
Tamén me leva á miña terra, Concepción, no inicio do sur chileno, onde temos as mesmas paisaxes, e a mesma dura experiencia de ver como os nosos bosques foron aniquilados polos eucaliptos.
Teño moita conexión con Galicia. Gustaríame vivir aquí pero aínda non sei se me atrevo a dicilo.

  • E chegas á vila de San Marcos para realizar unha acción semellante á vidida nunha cárcere de Roma cunha serie de mulleres. Que potencia non? Unha carga emocional tremenda?

Cando fixemos este proxecto en Roma, máis alá do canto e a obra colectiva, quixemos darlle vida aos lugares, e pusimos a Basílica de Santa Cecilia para falar con claridade das violencias sexuais que aínda acontecen alí mesmo. O Cárcere Vello de Corcubión será un espazo ideal.

A letra da canción fala ademais dunha Cecilia que acaba no cárcere por matar á ao home que a viola, pero tamén queremos falar dese cárcere ao que nos somete o machismo, ou os machismos. Non é so violar, ou matar, o machismo, social, a pobreza, a falta de igualdade económica… isto é un tipo de carcere que nos encarcelou en certos roles, no noso corpo, na nosa sexualidade, convertindo o noso corpo en mero medio para reprodución, pero non para o goce. A arte está para iso, para xuntar todo, a metáfora e a realidade, e axudarnos para saír de aí, e para facelo temos que estar xuntas e temos que gritar e cantar.

  • Como cres que responderá a veciñanza da Costa da Morte a esta chamada do "Grita Galega, canta”?

Os obxectivos na vida non deben ser tan produtivistas. O éxito non é tanto a cantidade da xente, senón que hai que fixarse na calidade e na profundidade. Isto é unha invitación a cantar, a sanarnos xuntas das pegadas que todas temos recibido. Trátase de falar en comunidade cara adentro de cada unha.

E por outro lado, espero que o número, cal sexa, de mulleres que se atreva, que queira… que veña e que nos axude a vivir unha experiencia no canto moi emocionante, que sirva para recordala durante moitos momentos da súa vida, para saber que non estás soa. Creo que esta acción vai traer un beneficio espiritual, e outro social en sentido de comunidade.

  • Seica contarás coa axuda de dúas voces privilexiadas como poeta Lucía Aldao e a soprano Gemma Román.

Ambas son dúas grandes compañeiras, e eu son de familia numerosa (eramos 6), sempre me gusta traballar en colectivo. A Lucía xa a coñecía, xa sei da súa experimentación musical, e o ser bonito que é. E a Gemma acabo de coñecela, pero encantoume. Elas van ser o alicerces musicais do proxecto, pero non fai falta ter unha voz de gran estrella para cantar aquí. Eu, de feito, tamén vou cantar (ri), porque iso trata de recolle ese canto da vida, ese canto popular que protagonizan as labregas, as mariscadoras, cando traballaban..

A canción será posta en común a partir da adaptación ao galego da canción feita en Roma, feita por Lucía.

 

Máis novas

Comentarios