mércores. 13.11.2024
El tiempo

Consternación en Muxía e Corcubión polo pasamento de Chete Pose, o coidador do legado de Ramón Caamaño

Chete Pose custodiando o Museo de Ramon Caamaño en 2018
Chete Pose custodiando o Museo de Ramon Caamaño en 2018
Consternación en Muxía e Corcubión polo pasamento de Chete Pose, o coidador do legado de Ramón Caamaño

Consternada está esta tarde de domingo 7 de outubro de 2024 a vila de Corcubión ao coñecer a nova do pasamento de Chete Pose aos seus 79 anos. Chete era tremendamente querido na vila polas noites de guitarra que regalaba á toda a veciñanza. Rexentara no seu día un negocio (Posicampo) de electrónica, en Cee, desaparecido por mor dun incendio. Pero o seu gran legado, ademais dunha actidude vital marabillosa, foi a custodia do legado do fotógrafo muxián Ramón Caamaño. 

Chete aprendeu do que foi seu sogro durante décadas, e co pasamento do histórico fotógrafo, fíxose cargo do seu legado, completando, coidando con agarimo e ensinando ás persoas que o requerían, o Museo instalado na casa natal no centro de Muxía.  

O funeral será este luns 7 ás 16:30 na Igrexa de San Marcos, co enterramento despois no cemiterio da vila.

Que pasa co legado?

Quen asume a necesaria responsabilidade de recuperar o fondo de Ramón Caamaño? Facíamos esta pregunta aló polo 2018, despois de visitar o Museo custodiado polo seu xenro, Chete Pose. Pois a incapacidade das administracións fai que 6 anos despois a cousa siga igual. Un fermoso museo, situado na casa muxiá onde naceu o histórico fotógrafo coidado por un familiar, con algunha demostración de intereses dos Concellos directamente afectados (Corcubión e Muxía), e pola Deputación, pero que nunca chegaron a concretarse.

​Un museo que conta con case 4.000 fotos expostas e identificadas, despois dun longo traballo que realizaron na década dos 90 xenro e sogro, man a man. Era precisamente Chete o que lle obrigou a apuntar nunha libreta todos eses datos que recollían de cada carrete nos clichés, onde Caamaño rexistraba a necesaria información das imaxes para escribir a historia da Costa da Morte. Uns clichés difíciles de transcribir a día de hoxe (a letra de Caamaño non era a máis perfecta), pero que a día de hoxe son tan importantes como as propias fotos.

Artigos relacionados

Máis novas

Comentarios