Mércores. 20.10.2021
El tiempo

Unha viaxe polos anos 20 na Costa da Morte

Unha viaxe polos anos 20 na Costa da Morte
Xa podedes ver o libro Spanish Galicia de Bell Aubrey publicado no 1922

Xa vimos como era a Costa da Morte no 1924 tralo obxectivo de Ruth Mathilda Anderson. Escoitamos os sons dos anos 50 da man de Alan Lomax; temos revisado mapas antigos da zona. Hoxe montamos nun ano editado no 1922, "Spanish Galicia", para descubrir a visión dun estranxeiro ao seu paso polo noso país e pola nosa bisbarra.

Santa compaña, curandeiros, sanfoña, gaita, muíño, Castelao… son citas do autor Bell, Aubrey F. G. que no seu percorrido por Galicia a comezos dos anos 20 tamén pasou pola Costa da Morte.

O autor entraba na Costa da Morte dende Noia e pasando por Muros, quedando abraiado co verde transparente das augas da ría muradá e o púrpura das súas rochas. Bell queda encantado polos soportais de Muros e como as casas nacen case que do mar, e compara a arte pesqueira da zona coa antiga Grecia e cos Fenicios.

Bell fala tamén, como Mathilda Anderson, das leiteiras que rubían o Monte Pindo para unir Corcubión con Gamota e Muros. "Que Deus traia un bo día", lembra como lle saudaban ao paso, mentres recorda que todas estas vilas "estaban practicamente illadas" sen comunicación.

Do Monte Pindo tamén fala: "As rochas de granito teñen moitas formas curiosas. Un deses penedos semella un cranio enorme, outro é como un sacerdote, outro é un león ou unha serpe, ou unha tartaruga (…) As mandas de ovellas brancas e negras, son os habitantes únicos na zona. A cor púrpura na pedra, loce moldeada pola choiva e tempo. Desde arriba aparece a baía bonita de Gorcubión e o escuro Promontorio de Fisterra". Un Monte Facho polo que xa nos recordara Manuel Vilar que pasara o autor.

Así segue o autor por Corcubión, Sardiñeiro, Duio, Fisterra, Pereiriña, Vimianzo, Muxía, Camariñas… Fala, xa a esas alturas, das "rivalidades locais" entre Muxía e Camariñas, para que vexamos que os localismo veñen de lonxe. Continúa de viaxe con palabras para todos estes lugares, falando da súa paisaxe e das súas xentes, coma do propio López Abente, que sobrevía nunha Muxía aínda sen telégrafo.

Así o podedes seguir viaxando a través do libro (dispoñible online) entre as páxinas 90 e 100, ata as mesmas Illas Sisargas, lugar que o deixou abraidado e do que di "abrazando entre elas o tramo máis formidable desta costa perigosa, unha escena salvaxe e magnífica".

Máis información

comentarios