Corcubión actualiza a taxa do lixo das vivendas turísticas
A Corporación Municipal de Corcubión aprobou no pleno extraordinario celebrado este xoves 18 de decembro a proposta do equipo de goberno de modificación da ordenanza do lixo, mantendo as taxas para a veciñanza e recollendo a realidade do rural e das vivendas turísticas. A proposta da alcaldía saíu adiante cos votos favorables do BNG, mentres que o grupo do PP votou en contra, e o PSOE e Sempre Corcubión optaron pola abstención.
A modificación da normativa equipara a contía da taxa do lixo dos lugares de Quenxe e O Vilar co resto de núcleos da parroquia de Redonda (Oliveira, Amarela, San Roque e Redonda).
A nova ordenanza, que entrará en vigor en 2026, tamén recolle a figura da vivenda de uso turístico, que pasará a tributar cun tipo de taxa específico, considerándoa como un negocio. Este cambio normativo permitirá ao Concello de Corcubión un incremento nos ingresos polo servizo de recollida do lixo.
20 anos de esquecemento
O alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez Traba, lembrou que o Concello vén de actualizar o padrón do lixo, “incorporando centos de vivendas novas que non estaban dadas de alta e non pagaban polo servizo, e logo de máis de 20 anos sen que dito padrón estivera ao día”.
O rexedor corcubionés destacou que “esta actualización suporá un aumento do censo e por tanto da tamén da recadación nas arcas municipais, mais hai que ter en conta que o servizo de recollida do lixo supón un gasto moi importante para o Concello, e máis despois de que a Xunta subira o prezo da tonelada de residuos este ano”.
“Por iso é fundamental e necesario que os veciños e veciñas reciclen aínda máis, para evitar ter que subir as taxas, como xa fixeron este ano outros concellos da comarca, porque o servizo segue sendo deficitario”, insistiu Domínguez Traba.