xoves. 23.01.2025
El tiempo

Corcubión estrea os Contos do Mar coa veciñanza como protagonista

Contos do Mar en Corcubion
Imaxe dunha saída de gravación coa veciñanza
Corcubión estrea os Contos do Mar coa veciñanza como protagonista

Aínda esta pasada fin de semana rescataron o proxecto Contos do Mar polo Pindo. E esta fermosa iniciativa que promove a recuperación do noso patrimonio inmaterial a través das historias da propia veciñanza, faise realidade desta volta en Corcubión.

Este sábado 21 de decembro ás 17h terá lugar a inauguración do proxecto Contos do Mar de Corcubión. Despois dunha serie de accións de colleita e gravación, ve a luz este traballo sobre memoria cultural participada polas xentes da vila que conclúe na creación dunha audioguía ficcionada a disposición para uso e desfrute da veciñanza e visitantes.

A xornada comezará no Cárcere Vello de Corcubión ás 17h coa benvida. De seguido, público asisente poderá desfrutar da estrea do paseo guiado que dura algo menos dunha hora.
A continuación, ás 18.30h rematará a xornada na Capela do Pilar cun pequeno coloquio sobre a experiencia a cargo de Maria Traveso de Promove e Xesús Ron de Chévere Teatro, ambos ao cargo da produción do proxecto. Estarán ademais acompañados polos participantes – informantes no desenvolvemento do proceso e pola Concelleira de Cultura Benestar Igualdade e Muller María Bella.

Polo de pronto podedes pasar por https://turismo.corcubion.gal/es/contos-do-mar e ir vendo os vídeos xerados na colleita patrimonial durante o mes de marzo deste ano, nos que os maiores da vila foron converténdose en contadores de historias de vida coas que trazar relatos de recuperación de vivencias biográficas vencelladas á vila que quedarían finalmente rexistradas nunha secuencia de vídeos coas que compoñer historias do pobo e da vila que non estan necesariamente recollidas en documentos oficiais.

Aquí vemos, por exemplo, a Dolores, da Olveira:

A partires destas xuntanzas foise tecendo tamén unha rede de informantes que foron apoiando con datos e recursos a investigación documental de Xesús Ron responsable do argumento e resolución formal da audioguía ficcionada que queda como obxecto de posta en valor da historia e memoria da vila.
A audioguía ficcionada componse duns auriculares que polas súas características técnicas crean unha atmósfera envolvente e íntima coa que ir percorrendo algunhas das partes da vila, no caso de Corcubión, acompañadas das voces dun narrador e narradora principais. 

Dende o concello piden que avisen para reservar o xogo de auriculares chamando ou acudindo á Biblioteca Municipal de Corcubión.
Asemade, a audioguía quedará dispoñible para o préstamo durante o Nadal en horario de apertura da Biblioteca

Este proxecto esta financiado polos Fondos Galp Costa Sostible, e colle o relevo dos xa creados en Fisterra, Carnota e Dumbría.

Máis novas

Comentarios