Sábado. 27.07.2024
El tiempo

Dumbría escoita os Contos do Mar das súas mulleres

Contos do Mar de Dumbria-Mulleres
María Luisa escoitando as audioguías do Contos do Mar
Dumbría escoita os Contos do Mar das súas mulleres

Xa pasaron varios anos dende que se realizou o fermoso proxecto de recuperación da memoria colectiva Contos do Mar. Unha iniciativa da Confraría do Pindo, apoiado polo GALP, que invadiu a intimidade de mulleres do Pindo, pero tamén de Fisterra e Dumbría. Pasara a pandemia polo medio e por Dumbría quedara o asunto a medias, e o Concello quixo rexuntar a todas as persoas que participaran naquela colleita para renderlles unha homenaxe.

Aconteceu esta pasado sábado no Edificio Bitácora do Ézaro. Celina, Mari Carmen, Lela da Corte, María Luisa Alejandro, Ovidio, Genoveva… recibiron unha fermosa estatua da Pedra Cabalgada e un diploma a mans do alcalde, Raúl González, a técnica de turismo e gran armadandazas da versión dumbriesa do proxecto, Ada González, e da deputada Soledad Agra.

O alcalde Raul Gonzalez a tecnica Ada Gonzalez e a Deputada Soledad Agra entregando os detalles as mulleres de COntos do Mar de Dumbria
O alcalde Raul González, a tecnica Ada González e a Deputada Soledad Agra entregando os detalles ás mulleres
Contos do Mar de Dumbria-Mulleres 2
María García con Celina

Foi un acto moi fermoso, no que se animaron a contar historias duras (da xente que morreu na construción dos túneles do Salto Castrelo cos barrenos e tamén de silicose) e divertidas (como cando Nieblas vendía bocadillos de bistec de ballena, incluso á Garda Civil). 

Pero o máis importante é que puideron escoitar as súas historias nas audioguías realizadas durante o proxecto. Porque a colleita etnográfica realizada con estas bravas e traballadoras mulleres foi aproveitada para realizar unhas audioguías ficcionadas da man de Patricia de Lorenzo do Grupo Chévere, que están sendo activadas e en breve permiterán coñecer como era a vida no século pasado. Malia que non estivo o tempo para facer a ruta propia, si que se puxeron os cascos e escoitaron as súas historias na voz da actriz. As súas caras, típicas das persoas que nunca se escoitaron a si mesmas, deixaron patente as gañas de máis.

Dase así o peche a un dos proxectos de recuperación da memoria cultural máis fermosos da última década na Costa da Morte, que permite, en todo caso, a todo o visitante que queira poida escoitar o Ézaro do pasado. 

En definitiva, un día para presentar un novo recurso turístico desestacionalizador singular para descubrir outro Ézaro, pero sobre todo unha homenaxe ás mulleres dumbriés as.

Foto de familia do Contos do mar de Dumbria

OUTRAS NOVAS

MÁIS NOVAS DO PROXECTO

Comentarios