Martes. 19.03.2024
El tiempo

Corcubión pensa a Paisaxe con especialistas de todas as ramas

Barrio da Chacarita, Asunción. XI Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo. Cortesía de Arturo Franco
A paisaxe, como esta do Barrio da Chacarita, Asunción, centrará o debate. Esta imaxe vén da XI Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo. Cortesía de Arturo Franco
Corcubión pensa a Paisaxe con especialistas de todas as ramas

Non queda nada para os VI Encontros de Filosofía para veraneantes de Corcubión. A Asociación Universidade Cromática das Virtudes, da man d@s activ@s María Bella e Miguel Vazquez Freire, prepara para a semana do 3 ao 7 de agosto un completo programa de charlas e actividades arredor da paisaxe.

Falamos duns encontros, xa arraigados na vila, que tratan o pensamento pero intentando achegalo a todos os públicos con ponentes de grandísimo nivel que convirten, unha vez máis, a vila de San Marcos, na capital da reflexión, facendo que a pegada filocófica nos axude como ferramenta para entender a vida cotiá.

”Este ano dedicamos os encontros á paisaxe e facémolo como o nome pretende suxerir, invitándonos a “estar coa paisaxe” tentando aproximarnos a un estar “verdadeiramente presentes””, explica Bella, que fai referencia a pensadoras como Donna Haraway. “A nosa proposta deste ano será facilitar un conxunto de acompañamentos multienfoque cos que (re)descubrirnos xuntas nocións da paisaxe tan fermosas como urxentes ou resilientes”.

Profesionais de distintas partes da xeografía estatal, e de diversas artes (da literatura, a historia, a socioloxía, a arte e a artesanía ou a arquitectura) serán os protagonistas. A socióloga Elvira Santiago Gómez ou o artesán Frank Buschmann, serán os “locais”, acompañados de xentes do mundo como os filósofos Brais Arribas, Federico López Silvestre ou Roberto Abuín, a escritora e crítica da arte María Marco, a comisaria de arte María Morata, o investigador Germán Labrador ou o arquitecto Arturo Franco.

Haberá cinco acompañamentos e cada un deles estará composto por dúas presentacións e o conxunto ofrecerá ao público enfoques moi distintos á temática da paisaxe coa intención de abrirnos á multiplicidade de realidades e desbordar o que vemos no encadre das nosas olladas.

Este ano os encontros pecharánse cun agasallo moi especial, un programa audiovisual artellado para a ocasión pola comisaria berlinesa María Morata composto por tres pezas artísticas sublimes á par que desestabilizantes.

Onde

Se o tempo o permite os encontros celebraránse no exterior dos xardins do peirao de Corcubión detrás do edificio do xulgado. En caso de choiva ou vento a actividade desplazarase á Capela do Pilar. Por necesidades técnicas o Acompañamento V terá lugar na Capela do Pilar independentemente da situación metereolóxica. O aforo no interior será de 30 persoas. Os que queiran asegurar a asistencia recomendamos reservar mandando un mail á organización [email protected].

Charlas-PAISAXE_Corcubion

Resumo das presentacións

Acompañamento I / 3 de agosto, 20h: “Gloria nocturna da paisaxe” por Federico López Silvestre

O meu ollo condensa e o meu concepto resume. Tan é así que toda percepción conleva esquecemento e toda concepción renuncia. Fronte a iso, se hai paisaxe é pola intuición de impotencia diante do exceso que as veces me invade, isto é, porque o mundo é máis, moito máis, do que o meu corpo e o meu concepto asumen.

Acompañamento I / 3 de agosto, 20h:“Mapa das paisaxes na novela 'Coidadora'” por Maria Marco

A miña novela é unha tentativa de escapada. A protagonista fuxe da realidade percorrendo diversos paisaxes aos que chega introducíndose por covas, túneles e conductos subterráneos, xa que como todo o mundo sabe, a Terra esta completamente esfuracada e interconectada e é habitable no seu interior.
A través do recurso da catábasis literaria, do descendimiento ao mundo das sombras e o posterior ascenso (anábasis) cunha intención soteriolóxica —a de lograr a catarse individual—, a novela transita por paisaxes moi diversos como a cidade de Prípiat, as redes de fungos subterráneas, unha escultura do artista Anish Kapoor, o mosteiro da Visitación das Salesas Reais en Vigo ou o buraco mais profundo que o ser humano escavou na Terra na óblast de Múmansk en Rusia.

 

Acompañamento II / 4 de agosto, 20h: “Fundamentos da ética ecolóxica no marco da OOO” por Brais Arribas

A ética ecolóxica ten como postulado fundamental a praxe do coidado, o cal se estende máis aló de min, máis aló do nós, máis aló do humano. Un coidado, por tanto, que vai alén do eu e que non é antropocéntrico, nin especista, senón que atende á alteridade, ao outro, ao que é estraño e énos estraño. Unha ética ecolóxica debe, por tanto, (a) ser crítica co antropocentrismo e (b) recoñecer a diferencia e estrañeza dos obxectos. Para cumprir ambas condicións é necesario partir dunha ontoloxía como a que propón a Ontoloxía Orientada a Obxectos, que sexa plana e que recoñeza a existencia de entidades que son estrañas, na medida en que nunca comparecen de todo (nin sequera ante elas mesmas) e que están sempre en retirada, dándose pero permanecendo parcialmente ocultas.

Acompañamento II / 4 de agosto, 20h: “Como a auga na pedra. Os petróglifos de José Meijón e a paisaxe dos artistas naïf” por Germán Labrador

José Meijón foi un personaxe inesquecible da vila de Marín (en Pontevedra) e, ao tempo, unha figura totalmente esquecida, un home –¿un artista? ¿un tolo?– que andou durante catro décadas traballando as pedras da súa contorna, inscribindo nelas voces e palabras antigas. A súa arte foi un longo mudo berro contra a violencia e a inxustiza modernas, un estraño canto pola memoria en silencio. Tamén unha oración para un mundo que morría, o dos oficios e as formas de vida tradicionais, que se estendía até o tempo dos castros e dos vellos canteiros do neolítico. Algo hai na arte de Meijón que nos fala aínda poderosamente dese lugar entre tempos e mundos que aínda nós habitamos. O seu raro facer –como o de outros artistas inocentes como Arturo Baltar ou Manuel Lema Otero– fai como a auga na pedra e advirte, sobre a paisaxe da cultura, de feridas e permanencias, dos lugares que ocupamos, do paso do tempo e da posibilidade de seguir vivindo nel.

 Inscripcións de José Meijón na Ponte da Costitución en Marín-German Labrador
Inscripcións de José Meijón na Ponte da Costitución en Marín-German Labrador​

 

Acompañamento III / 5 de agosto, 20h: “Unha estética da continxencia? Natureza, paisaxe e cultura no Antropoceno” por Roberto Abuín

A preocupación heideggeriana pola temporalidade faille percibir ao filósofo Tetsuro Watsuji a necesidade de pensar a espacialidade. Nese senso, o xesto espacial que define o ser dun eido, a súa cerna ontolóxica, pode ser reflectido desde o xesto do pintor que traza o yi (tensión-intencionalidade), no dicir dos antigos letrados chineses. O espazo produce unha dinámica xestual que interpela constante e comunicacionalmente. De visión semellante eran os pensadores ligados á Xeración Nós, nomeadamente Otero Pedrayo, quen con tanta fondura traballaría unha teoría da paisaxe, incardinada na idea de que a natureza devala: a natureza desprégase nunha duración perpetua e metamorfoseante, produtora incesante de formas. Secasí, o xesto das realidades naturais captado sentimental ou intuitivamente abre unha paisaxe entendida como meseta de intensidade que cifra un instante estético. No Antropoceno a pregunta pola natureza no seu advir eido resoante, en diálogo co ánthropos, ha de ser pensada de novo. Só dese xeito se poderá habitar unha natureza que non é propiedade nosa. Só así a paisaxe retorna á esfera da continxencia radical da que brotou como experiencia estética fundante do animal humano.

Acompañamento III / 5 de agosto, 20h: “O imaxinario social dos incendios forestais en Galicia” por Elvira Santiago Gómez

Neste acompañamento proponse unha reflexión sobre a construcción cultural da problemática dos incendios forestais en Galicia e ábrese un debate orientado ao deseño de mecanismos para a súa mitigación. Os incendios forestais constitúen unha das principais ameazas ambientais nos países do sur de Europa ao provocar graves danos ecolóxicos, económicos e políticos. Na loita contra estes desastres a Comunidade Internacional deseña plans de acción como é o caso do actual marco Sendai (2015-2030) no que se recoñece a necesidade de incorporar o coñecemento baseado na experiencia para a elaboración das políticas públicas e dos plans de prevención, xestión e recuperación dos desastres ambientais. No proxecto de investigación MITIGACT traballamos desde unha perspectiva local para analizar como os lumes inciden na nosa configuración da paisaxe e na nosa relación coa natureza. A través das entrevistas realizadas con veciñas e veciños, enxeñeiros forestais, brigadistas, activistas e técnicos da administración en Galicia tratamos de identificar colectivamente as múltiples causas dos indendios forestais e as posibles estratexias para a súa prevención.

 

Acompañamento IV / 6 de agosto, 20h: “A paisaxe, a árbore e o artesán” por Frank Buschmann

Envexamos a paisaxe porque é capaz de estenderse con infinita paciencia cara ao máis aló ata lugares aos que non podemos acceder se non somos, nós mesmos, paisaxe. Estes lugares están reservados para os que deixan corpo e consciencia atrás. Somos paisaxe antes de nacer e despois de morrer. Entremedio somos paisaxistas. E como paisaxistas, en resposta ás nosas limitacións, posicionámonos omnipresentemente no centro de todo, transformándonos en mestres de crear paisaxes exclusivas, sen nubes, sen insectos e sen nós mesmos. Dicíame hai tempo un home sabio “hai que rodearse de xente que sabe máis que un”. As súas palabras indicábanme que hai que enterrar o ego, saír do centro e escoitar. Agora como ebanista, artesán, artista e paisaxista escoito á árbore, esa figura “sabia” que, antes de converterse en madeira, conecta o ceo coa terra. Quen sabe se, escoitando, quizais me converta un pouco en paisaxe antes de morrer.

Acompañamento IV / 6 de agosto, 20h: “Paisanaxes: Intervencións nos territorios habitados polo ser humano. Entre a tradición e a contradición” por Arturo Franco

Unha viaxe a través do mundo e de distintos momentos da historia que recolle lugares comúns e preocupacións recorrentes no noso traballo. Unha mirada cara ao territorio que se apoia na tradición para expor unha postura que convive coas contradicións. Necesítaas. Cuéstionase a tradición mediante a súa aceptación e negación constante.O descubrimento dos espazos, o material, os sistemas, o erro, o equilibrio e a gravidade, o proceso e os estados intermedios, a sustentabilidade de toda a vida, a pegada no territorio e outros moitos temas trataranse desde o meu traballo pero sobre todo desde o traballo doutros ou simplemente a través de situacións atopadas ou descubertas ao longo destes anos...se hai tempo e o ambiente o propicia podo ler un relato ilustrado sobre o monte Pindo. Unha intensa historia de amor entre unha pedra, unha ortiga e unha cabra.

 

Acompañamento V / 7 de agosto, 20h: “Non máis postais. Pos-paisaxes desde o ceo” por Maria Morata

Este acompañamento audiovisual propón unha reflexión ao redor da disolución dos límites entre cultura e natureza. A paisaxe entendida como a visión e contemplación da natureza sobreentende un observador exclusivamente humano e un espazo sublime, case inmaculado de refuxio e evasión. Con todo, múltiples axentes moldean os territorios (biolóxicos, químicos, industriais) que se superpoñen ao natural, aféctano, transfórmano e en moitos casos simplemente consúmeno sen atender a unha relación sostible co mesmo. A pegada do factor humano foi transformando as superficies terrestres que habitamos de maneira radical. Unha resignificación da natureza é necesaria, así como unha reconsideración do concepto de paisaxe e das súas representacións. Ao intrínseco aspecto cultural do mesmo hai que engadir o aspecto industrial e de voraz consumo ligado ao sistema neoliberal capitalista. As obras do programa pretenden redescubrir a materialidade da paisaxe na era do Antropoceno atendendo ao sublime, a explotación agraria e o extractivismo xeolóxico.

Novas relacionadas

Máis novas

Comentarios