Xoves. 02.05.2024
El tiempo

Darío Xohán Cabana e Corcubión: Cando ata unha homenaxe se convirte en conflito político

Dario-Xohan-Cabana_Corcubion
Foto: Ascrebas
Darío Xohán Cabana e Corcubión: Cando ata unha homenaxe se convirte en conflito político

Hai concellos onde a vida municipal vive en eterno conflito. Na Costa da Morte temos, nos últimos tempos, exemplos como os de Muxía ou Ponteceso, que fan que a cidadanía perdamos a esperanza na acción política. Corcubión é outro que vive no eterno conflito. A vila dos “Montescos e Capuletos” consegue converter ata unha homenaxe nun auténtico esperpento, no que todos os grupos teñen parte de responsabilidade.

Todo nace dun artigo en QPC a comezos de ano de Miro Villar co gallo do pasamento Darío Xohán Cabana, pedindo que Corcubión lembrase ao senlleiro escritor que foi Garda Municipal da vila entre 1983 e 1987. O grupo Sempre Corcubión pediu o seu recoñecemento e así se fixo no pleno de xaneiro.

Máis adiante o mesmo grupo presentou unha moción para debater no pleno na que se solicitaba o nomeamento do escritor como fillo adoptivo do concello corcubionés. Un feito que sorprende á familia, que despois de 30 anos non mantivera ningún contacto ca vila e que só se enteira do seu polémico nomeamento (aprobouse no pleno de maio cos votos a favor de BNG, Sempre Corcubión, PP e PACOR, pero coa abstención do grupo de goberno) pola prensa. De feito, o que chega á familia é o desleixo do grupo de goberno, un PSOE que deixa patente tanto no pleno como na prensa que a vinculación do escritor coa vila de San Marcos “non era suficiente a labor para tal nomeamento”.

É aquí cando a familia toma a complicada decisión de enviar unha carta ao Concello pedindo que non se execute o seu acordo plenario, e que non nomeen Fillo Adoptivo a “O Darío”. Se ben agradecen o aprezo que demostra o grupo Sempre Corcubión e o resto de partidos que votaron a favor da misiva, aseguran que o escritor “non foi feliz en Corcubión”, pois “tivo que aturar un trato caciquil” que o obrigou a facer cousas fóra da lei, provocándolle un “afogo anímico” que lle provocou pedir un cambio de destino.

É así como se chega ao pleno deste mes de xullo, no que todos os grupos, aceptan a decisión da familia e votan a favor dunha moción presentada polo grupo de goberno para deixar sen efecto o nomenamento de Darío como Fillo Adoptivo de Corcubión.
O grupo promotor da moción pediu, paralelamente a realización dunha Declaración Institucional consensuada con ánimo de mostrar o respecto da corporación, proposta foi rexeitada polo actual alcalde, Lalo Ínsua. Ademais, pide máis transparencia nesta clase de situacións, pois non soubo nada da carta enviada polo propio alcalde nin da recibida pola familia ata pasado un mes.

Polo camiño, varias portadas na prensa (sempre polas cousas “boas”…), queixas de todos os implicados, enfrontamentos, acusacións… no que tiña que ser simplemente un recoñecemento, unha homenaxe a un dos meirandes defensores da historia da nosa lingua.

Novas relacionadas

Comentarios