Martes. 17.05.2022
El tiempo
Miro Villar
20:10
16/01/22

Darío Xohán Cabana esquecido en Corcubión?

DaríoXCabana-ANT414-28-12-1989
Fotografía de Darío Xohán Cabana como garda municipal de Corcubión. A imaxe de Xurxo Lobato está tirada da longa entrevista de Xan Carballa publicada por A Nosa Terra, 414, do 28/12/1989
Darío Xohán Cabana esquecido en Corcubión?

O pasado 16 de novembro deixounos Darío Xohán Cabana (Roás, 1952 – Romeán, 2021), poeta, narrador e tradutor, foi autor dunha obra ciclópea na nosa lingua. Académico da RAG, na que ingresou o 22/04/2006 a proposta de Francisco Fernández Rei, Ramón Lorenzo e Antón Santamarina, para ocupar a vacante de Manuel María, seu padriño literario e na súa voda con Amelia Outeiro Porteiro, como confesa no seu discurso de ingreso De Manuel María a Ferrín: a grande xeración.

O mundo da cultura testemuñou o pesar polo seu falecemento, mais eu, que o coñecín en Corcubión nos anos oitenta, estimei a súa amizade inquebrantable e moito aprendín co seu maxisterio sobre literatura, boto a faltar iniciativas públicas que o lembren nese concello, pois que saibamos nin o goberno local nin os grupos da oposición se teñen preocupado de as facer.

Abonda con lembrar que o Darío entre 1983 e 1987 exerceu como garda municipal en Corcubión. Antes xa desenvolvera outros oficios, primeiro en Vigo nas Edicións Castrelos, co editor e poeta Xosé María Álvarez Blázquez, do que aprendeu  moito do labor editorial, desde a corrección textual até a venda de libros, e logo como liberado do sindicalismo nacionalista, época na que foi amigo e camarada do militante da UPG morto pola policía franquista Moncho Reboiras. Marcharía de Corcubión para traballar no Concello de Lugo, do que foi asesor cultural até a xubilación.

Por parte, a súa estadía corcubionesa inspirou algunhas das súas excelentes páxinas de creación literaria. Son testemuña de que nesa época xa consagraba horas de dedicación ao labor de tradutor, tamén recoñecida internacionalmente, pois anos despois recibiu pola súa coidada versión do Cancioneiro e A Divina Comedia de Dante a Medalla de ouro do concello de Florencia en 1991. E o noso territorio está moi presente na súa propia obra. Poñamos por caso o relato «Un sancristán», inspirado nunha anécdota real ocorrida a persoas de Corcubión, ou o poema «As socorritas», que lembramos no seu camiñar diario polas rúas da localidade.
Velaquí estes textos e algún fragmento máis que quero rescatar para a súa (re)lectura:

(Darío Xohán Cabana (1990) Libro dos moradores. Ilustacións de Alexandra Cabana. Vigo: Ir Indo)

«Un sancristán»

O sancristán de Coimbra, digo de Corbión, non quería que lle plantasen árbores diante da casa, e como o Día da Árbore de 1985 lle puxeron dous salgueiros, foinos secando botándolles con disimulo na raíz un litro de lexivia diario durante quince días.
O día do ciclón que se chamaba Hortensia púxose a toca-las campás da igrexa ás 7,15 a.m. no medio da borrasca, causando tanto medo entre a veciñanza con aquel acto sólito en insólitas circunstancias que algúns pensaron que acababa o mundo.
Unha media hora despois saíu dar unha volta polo mirador co Venerando e mais con outro que no me acordo, que xa fai falla estar ansiosos. E de súpeto, o Venerando e mailo outro (agora lembro que era o práctico vello), que ían falando con el, atopáronse falando entre si e co vento só, pois o sancristán desaparecera, mais non fora o vento que o levara, senón unha árbore, unha vingativa e arredondada conífera de xardín que, desarraigada por unha ventoada, conseguira caerlle enriba. E de alí a un pouco saíu o sancristán ás gateñas debaixo da ramallada, perfectamente ileso anque un pouco arrabuñado e coa roupa esgazada, pequeno castigo á súa teima arboricida e á súa manía de tocar campás a horas e en acaxóns intempestivas.
(hai quen di que aínda tiña outro método para asasinar vexetais: afeitalos tódalas mañás con brocha, xabón e navalla. Pero é difícil que dea resultado).

Ou este fragmento do relato «Breves notas antropolóxicas»:

Un mariñeiro amigo meu terminou así a historia que estaba contando nunha taberna de Corcubión:
- A naturalesa non quere forsa: quere modales modestos.

Ou o parágrafo inicial do relato «A Cidade Branca«», tamén no mesmo libro: 

Indo da Coruña a Corcubión, camiño que no pasado fixemos moitas veces por necesidade, foinos dado a Amelia e a min ver ó lonxe, promediada a vía, as pequenas torres e tellados da Cidade Branca.
 
Darío Xohán Cabana (1989). Patria do mar. Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago, 1983. Vigo: Colección A Fraga, Ir Indo.

Inclúe poemas como o que lle dá título ao libro «Patria do mar», «Can sen dono na vila mariñeira», «Os bois de Gures», «Oración de Fisterra», «Pindo», «O bardo na Ponte-Ceso» e outros sen unha localización xeográfica concreta que tamén se inspiraron no noso territorio costeiro, mais escollerei ese soneto magnífico que evoca a dúas mulleres corcubionesas que o Darío estimaba moito.

«As socorritas»

Ai toliñas, e vós a debanar
vagarosos nobelos cada día,
vós a encher de feroz melancolía
as rúas que durmiñan xunta o mar.

Ai toliñas, e vós sempre a tecer
labrando un despacioso labirinto
que amence cada día algo distinto
e sempre é case igual ó anoitecer.

Ai toliñas, e vades sen acougo
andando e desandando, e ben sabedes
que o camiño de vós non leva xente.

Ai toliñas, e o voso paso vougo
resoa no silencio das paredes,
e vai e vén o mar indiferente.

Non abondan, reitero, o seu labor no concello e, sobre todo, a presenza de espazos e personaxes de Corcubión na súa literatura para o lembrarmos sempre?

Darío Xohán Cabana in memoriam

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

 

Outros artigos de Miro Villar en QPC

ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE

comentarios