O ebanista Fran Buschmann, afincado en Corcubión, recibe o Premio Artesanía de Galicia
Xa é fillo adoptivo de Corcubión, e con este premio entra directamente no elenco de fillos ilustres. O ebanista alemán Frank Buschmann vén de gañar o Premio Artesanía de Galicia. A súa prensa de flores “Monas” foi recoñecida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, cun premio de 9.000€, no marco destes galardóns que pretenden impulsar o talento e o saber facer dun sector que supón un importante motor ecónomico e cultural para Galicia, con preto de 640 obradoiros que forman parte da marca Artesanía de Galicia e máis de 7.800 traballadores.
Buschman gañou a máxima categoría, se ben o Premio Traxectoria foi para o oleiro Agustín Vázquez, de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo, Ourense) e a Bolsa Eloy Gesto para Minia Banet, do estudio Variopinto (Santiago de Compostela).
O premio recoñece a prensa de flores Monas, unha ferramenta de observación para reaprender e recontectarse co pequeno mundo. Unha obra que representa a necesaria evolución da artesanía tradicional galega cara a o mercado actual, combinando deseño e innovación ás técnicas e valores máis tradicionais. O xurado valorou “a sutileza, a poesía e a evocación da natureza galega partindo de elementos sinxelos para chegar a unha peza conceptualmente rotunda e fermosa”.
O corcubionés fía moi ben entre arte, deseño e artesanía, para crear un produto ético e 100% sostible, facendo do proceso parte fundamental do produto final. O seu reto é crear a perfección co paso a paso.
Imaxe da prensa Monas
Numerosos artesáns costeiros arrouparon a Buschmann na entrega