Eliminados varios puntos que vertían as fecais directamente ao mar en Corcubión e Pedrafigueira

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar recentemente dous puntos de vertido de augas residuais en Pedrafigueira (Carnota) e en Corcubión.
O persoal do Programa de Control de Vertidos (PCV) detectaran nunhas visitas previas dous puntos de vertido detectados en Carnota nos que polo desaloxo de augas pluviais saían tamén augas residuais como consecuencia de acometidas incorrectas de varias vivendas da zona e que acababan desembocando no río de Pedrafigueira.
Tras constatarse a situación, informouse aos titulares das instalacións dese problema para que adoptasen as medidas oportunas co fin de corrixir as deficiencias. Nunha nova inspección xirada á zona polo persoal de Augas de Galicia constatouse a emenda desta incidencia trala canalización das acometidas incorrectas cara a rede de saneamento e contrastar a ausencia de contaminación nas redes de pluviais.
Pola súa parte, en Corcubión hai décadas que levamos denunciando a existencia de varios puntos de vertido de augas residuais sen depuración. Os técnicos detectaron un aliviadoiro dun bombeo da rede de saneamento municipal que desembocaba directamente á ría de Corcubión.
Ante esta situación, instaron ao titular das instalacións a adoptar as medidas oportunas para corrixila, e nunha visita posterior á zona o persoal do organismo hidráulico autonómico comprobou a corrección do vertido coa eliminación do bombeo e a conexión da auga a un sistema de impulsión con características melloradas froito das xestións realizadas polo Goberno municipal.