luns. 11.11.2024
El tiempo

Finca Cambeiro, onde o bosque se convirte no Parlamento

Parlamento das Cousas no Bosque Finca Cambeiro de Corcubion
Finca Cambeiro, onde o bosque se convirte no Parlamento

Este pasado venres 15 de marzo, na finca "Cambeiro", propiedade do Concello de Corcubión, tivo lugar a inauguración real dO “Parlamento das Cousas”. No marco do proxecto “Terra Creativa” e a complicidade na colaboración coas Asociacións «Boca de Sapo comunidade ecosocial e cultural» a «Universidade Cromática das virtudes» a «Cooperativa Azul mais Verde» e a Fundación Carasso Daniel & Lina xunto cunha equipa interdisciplinar de sociólogas, antropólogas e alumnado da Universidade da Coruña participamos veciños e veciñas de diferentes xeracións de Corcubión.

"O Parlamento das Cousas”, conducido por Elvira Santiago, Carlos Diz e José A. Cortés do grupo ACHEGA, foi unha verdadeira experiencia de enriquecemento interxeracional para que a través das cousas evocar a memoria colectiva do monte.

Fouciños, sachos, machadas, martelos, cordas, vasoiras feitas con xilbardeiras, anacos de manguitos de goma de butano, tapas de bolígrafos, arcos, frechas, cordas, pinzas, legóns, ou esteiras de cámping entre outros obxectos fixeron de fío condutor para que a memoria xurdira coa palabra como verdadeira protagonista.

Unha das conclusións principais foi que os obxectos presentados variaban segundo a flutuación por idades das e dos participantes: Para uns o monte significaba traballo, para outras ocio, aventuras ou descubrimentos de experiencias persoais.

Tamén escoitamos audios de persoas que quixeron participar e non puideron asistir fisicamente con relatos fantásticos de bosques animados.

Un momento moi emotivo foi escoitar a voz dos maáis pequenos e pequenas procedentes da complicidade de varios alumnos e alumnas do CEIP Praia de Quenxe nun fermoso exercicio de inclusión dos que van a ser noso futuro.

Ao rematar, entre fotos, albaroques e conversas distendidas, falamos da importancia de recuperar a palabra de volver ao parlamento como lugar de encontro onde debater e coñecer máis as diferentes perspectivas que cada persoa ten ante as realidades diversas que nos arrodean.

Ao final o parlamento das cousas foi unha demostración máis de que querendo transformar o monte en realidade é o monte quen nos está a transformar a nós.

Foi unha fermosa cousa o parlamento das cousas.

HISTORIAL DO MONTE CAMBEIRO

Comentarios