Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Inauguran as polémicas obras da estrada ao Faro de Corcubión

Comitiva institucional da senda ao Faro de Corcubion
Inauguran as polémicas obras da estrada ao Faro de Corcubión

Esta mañá de luns 23 de xaneiro de 2023, unha completa comitiva presidida polo presidente da Deputación Valentín González Formoso, e o Deputado de Obras e aínda alcalde de Dumbría José Manuel Pequeño, inauguraba as “obras de mellora da seguridade da estrada e da senda de Corcubión que conecta Quenxe co faro de Cee”.

Unhas obras que supoñen un dos meirandes investimentos do ano na Costa da Morte con 1,15 milóns de euros, para ampliar case 2 km da estrada DP-2801 entre a intersección da vía provincial e a pista que se dirixe ao lugar da Oliveira (non incluíron o embudo de Quenxe, como se pedira no seu día, impedindo que se una a senda ao paseo marítimo, co que formaría un paseo seguro de 6km), e a intersección co ramal ao faro de Cabo de Cee.

A vía ampliouse dos 4,5 ao 10 metros, e conta con dous carrís de circulación de 3,25 metros de ancho, beiravías de 0,50 metros e unha senda peonil a nivel da estrada de 2,5 metros de ancho.

Lonxe de escoitar as queixas da veciñanza ante o que consideran máis unha “autopista” que unha senda peonil”, o alcalde de Corcubión, Lalo Insua, resaltou que “creamos unha infraestrutura de calidade que rematará con todas as críticas sobre o vial, deixando unha estrada con todas as garantías de seguridade para poder circular por ela”.
O alcalde explicou que "estamos a falar dunha zona moi transitada pola veciñanza da do municipio, e mesmo da comarca, que coa creación da nova senda peonil vai permitir a todas as persoas transitar por ela sen ningún tipo de preocupación”, sinala a pesar de que hai zonas onde os coches poden ir a 70km/h e onde a chamada “senda peonil” apenas se diferencia dos carrís para os vehículos.

Novas relacionadas

Comentarios