Venres. 26.04.2024
El tiempo

“Re-pensar o camiño”, novo alegato urbanístico de Boca de Sapo

Xa amosaron o seu primeiro alegato urbanístico co gallo da tala das palmeiras do centro de Corcubión. Hoxe, A Asociación e comunidade eco-social e cultural de Boca de Sapo lanza esta segunda carta aberta arredor da ”autopista” creada na estrada ao Faro.
Senda ou Autopista ata o Faro Corcubion
Imaxe da remodelación da pista ata o Faro
“Re-pensar o camiño”, novo alegato urbanístico de Boca de Sapo

Re-pensar o camiño

Conta o dito popular que o camiño se fai ao camiñar e que cada camiño comeza por dar un primeiro paso.

Por iso pensamos que é tan importante ter unha idea clara, sen contaminacións alleas ás nosas realidades, sen visións curtoprazistas e miopes cando se dan eses pasos en actuacións que, en moitos casos, se nos trata de “vender” cun verniz verde e ecolóxico.

A sinistra intelixencia do modelo económico que nos goberna, consegue ofrecernos elementos perniciosos camuflados con pel de carneiro. A técnica, coñecida como greenwashing, é unha perversa operación de marketing que pretende ofrecer unha imaxe verde aínda que as súas accións non teñan nada de sostíbel. Lavado ecolóxico. Véndensenos, por poñer un exemplo recente, os megaparques eólicos como enerxía verde, sustentábel, renovábel, cando na realidade representan a voraz aposta dos “Señores da Enerxía” para facturar con incremento exponencial as súas ganancias a costa da destrución do territorio, converténdoo como xa temos sinalado, en territorio de sacrificio. Exemplo semellante podémolo observar na transformación do monte galego, na destrución da súa biodiversidade para convertelo nun monocultivo letal, e aínda así, ofrécesenos como unha “realista” caixa de aforro para os propietarios, e mesmo publicitado con slogans do tipo “construímos bosques”.

É realmente triste que ese mesmo modelo acabe por contaminar as actuacións das administracións públicas en determinados investimentos e proxectos. Outra vez esa semántica da camuflaxe, do engano e de facer reviravoltas das cousas simples.

Estámolo a ver estes días coa chamada senda peonil (sic) recén rematada, unha obra da Deputación de A Coruña cun investimento de arredor dun millón de euros consistente na ampliación da estrada que chega ao Faro C.

Desde a Asociación Boca de Sapo preguntámonos: Como se lle pode chamar senda peonil a unha estrada de asfalto?

Por desgraza, xa dende Boca de Sapo presentimos, no noso primeiro alegato urbanístico que estas actuacións vulneraban calquera lóxica sostíbel.

En tanto que os camiños tradicionais, as corredoiras e pistas que foron noutro momento tránsito cotián da comunidade son agora abandonadas, destruídas pola maquinaria forestal, intransitadas e intransitábeis.

Entendemos, tal e como sospeitabamos, que a devandita senda non reúne ningunha calidade de vía peonil verde e sostíbel a pesar de contar cunha beiravía máis ancha para os peóns, Semella máis ben unha mellora para a circulación de vehículos.

A obra constitúe o paradigma do que non se pode levar a cabo se queremos artellar un deseño harmonioso e sostíbel do Concello, un modelo ecolóxico propio do século XXI, integrado sutilmente no espazo rural.

Pola contra, a estrada irrompe bruscamente na contorna e faise protagonista da paisaxe, cando debería ser todo o contrario. A obra no seu conxunto, conta coas características dunha construción convencional baleira de contido ecolóxico, etnográfico e paisaxístico.

Consideramos que (e este é un chamamento utópico a todas as administracións) cando haxa actuacións de semellante envergadura se analice con trasparencia e sen medos coa sociedade a idoneidade das mesmas e que se actúe sempre cunha sensibilización medioambiental escrupulosa, adecuada á nosa contorna e forma de ser.

Era realmente necesario unha actuación desta envergadura no Concello de Corcubión?

É o que realmente se precisa para ir cara a un futuro máis sustentábel, harmonioso coa natureza e xerar un medio onde a calidade de vida prime sobre uns intereses que nada aportan á nosa vila?

De verdade alguén pensa que con este tipo de actuacións, totalmente inadecuadas, imos mellorar o concello?

De verdade alguén pensa que ise é o camiño do futuro?

Hai que pensar e repensar o camiño.

O lamentable estado das pistas e camiños forestais, en constante deterioro polas entradas e saídas de vehículos pesados, utilizados para a saca de eucaliptos, sobre todo en época de chuvias, fai que resulte case imposible transitar por eses espazos.

Cómpre repensar os camiños, compre deseñar un plan de reconstrución de mellora da rede de sendas, corredoiras e pistas forestais facendo cumprir as ordenanzas da lei de montes en canto ás distancias das árbores ás pistas e camiños, fixando as correspondentes fianzas ás empresas madeireiras que operan no concello.

Existe toda unha rede de antigos camiños e corredoiras que conectaban os lugares das parroquias do concello susceptíbeis de rexeneración e posta en valor. Ese é o camiño que temos que andar, camiños pensados para á xente e non para os automóbiles.

Porén, Corcubión necesita dunha profunda transformación urbana. Cómpre elaborar un proxecto de desenvolvemento urbano, un documento detallado, unha axenda verde, en consenso con toda comunidade política, asociativa e movementos sociais. É unha emerxencia climática e ecolóxica.

O noso futuro depende de que entendamos que á natureza hai que respectala e coidala. Se non, o único futuro que nos queda é o deserto máis desolador.

Cando camiñamos por un bosque auténtico, unha devesa, un faial o unha carballeira, sentimos o latexo do ecosistema, camiños cubertos de follas e cinguidos por alfombras de musgos e líquens, iluminados pola tenue luz solar que se arrebola pola bóveda que artellan as árbores, filtrando luces e cores, xunto cos cantos dos paxaros que amenizan unha contorna serena e única.

Podemos trasladar este tipo de sensacións cando camiñamos por unha rúa ou praza pública?

Dende a Asociación Boca de Sapo, Comunidade ecosocial e cultural de Corcubión, pensamos que a planificación dunha rede de espazos públicos urbanos orientados cara a un modelo verde e sostíbel, pode producir grandes beneficios para a comunidade, axudaríannos a ser máis resilientes ás consecuencias negativas do cambio climático. Precisamente a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible reflicte a importancia vital dos espazos públicos. A meta número 7 do Obxectivo 11 do Desenvolvemento sostible afirma textualmente: “Acceso universal a espazos verdes e públicos, seguros, inclusivos e accesibles en particular para as persoas maiores, os nenos e as persoas con discapacidade”

Este tipo de filosofía e deseño urbanístico estimula a saúde física e mental porque crea ambientes harmónicos e contornas tranquilizantes proclives á socialización da veciñanza, e fomentan un sentido de pertenza e de responsabilidade e conservación da contorna.

O Concello de Corcubión, polas súas peculiares características, constitúe un lugar ideal para levar a cabo unha transformación integral sostible dos espazos urbanos e rústicos, dos lugares do común. A política de actuación non debe ser a tala de árbores sen substitución, ou obras como a ampliación de aparcadoiros eliminando gran parte dos espazos verdes, etc.

Actuacións como estas non son máis que unha demostración da falta de sensibilidade medioambiental que está instalada no modus operandi dos nosos representantes. Non se ve moita intención de facer unha política ecolóxica tan necesaria nestes momentos de emerxencia climática.

O seu enclave na ría de Corcubión, o seu suave deseño de curvo trazado, aínda conserva aqueles trazos das antigas vilas mariñeiras da Galiza coa súa praia urbana e marisqueira un auténtico ecosistema costeiro que xunto coa praia de Quenxe reúnen unha grande biodiversidade.

O singular emprazamento das aldeas, xunto co relevo dos montes que rodean ao concello, os lugariños, Quenxe e o seu castro, Oliveira, coas súas fermosas vistas á ría e ao Monte Pindo, a península de Cabo C, O monte da Vela, o peculiar microclima de Redonda, cun castro e unha igrexa do S. Século XII, e a pequena Amarela coma porta sur oeste do Concello e a fermosa e luminosa aldea do Vilar.

Dende esta asociación pensamos que estamos xusto no momento de reflexionar e deseñar co adecuado consenso, como queremos que sexa o Corcubión do futuro. Re-pensemos o camiño. Camiñemos cara a un futuro verde e verdadeiro, sen falsas ilusións de progreso.

Dese camiño depende o noso futuro.

  • Asdo.: Asociación Boca de Sapo, Inverno de 2023.

Novas relacionadas

Comentarios