Leo Bassi en Corcubión por Palestina

Continúa a Costa da Morte achegándose á realidade Palestina. I é que como valoran os membros do Colectivo COSAL Costa da Morte, "a día de hoxe coñecemos mellor a realidade de Palestina máis que a da propia Barbanza", con permiso dos compañeiros do xornal curmán deste diario Certo. E moita culpa ten o oftalmógolo palestino afincado en Corcubión, Mohamed Safa.
Esta pasada fin de semana os veciños de Vimianzo e Muxía puideron escoitar as experiencias dun grupo de membros do COSAL en territorios ocupados. Unha charla que xa repetiran en Corcubión e Carnota, e que pretende trasladar a sensación dun estado militarizado sobre un pobo oprimido. Unhas 20 persoas achegáronse ata a Casa da Cultura de Corcubión e mais ata o Bar o Xardín de Muxía, onde a guitarra de Mon Búa puxo a nota musical.





Unha gala cómica única
Pero as charlas serviron ademais para presentar en sociedade a nova Gala Cómica que o colectivo, en colaboración con Buserana, achegan ata a Costa da Morte. Nada menos que Leo Bassi, cunha serie de compañías clown, virán a Corcubión, para cambiar risas por axuda para os proxectos que a entidade Pallasos en Rebeldía desenvolve en Palestina.
Moita xente lembrará a Gala cómica en solidariedade por Palestina que se celebrou en decembro de 2010, en Cee. Desta volta, a Gala volve á Costa e por todo o alto, cun Leo Bassi que vén de coñecer a prohibición que impuxo o Concello de Santiago para a súa actuación no Teatro Principal. Polo que a actuación na bisbarra será unha ocasión única.

Un festival de risas en Palestina
Só hai que ver un par de fotos dos cativos palestinos rindo a gargalladas para decatarse da incidencia do traballo destes pallasos rebeldes. Así, a Gala solidaria con Palestina ten como fin financiar o Festiclown 2012. Así, serán 5 as compañías, entre elas Talía teatro e Os sete magníficos máis un, que acompañen a Bassi, todos de balde, para que o recadado fique íntegro para a festa da risa en territorios ocupados.
A gala conta tamén coa colaboración de Avelino González (actor galego ben coñecido polo seu traballo en Padre Casares) como presentador da mesma.
Datos da Gala
A cita será o sábado 14 de abril, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura de Corcubión. As entradas (donativo de 5 €) están dispoñibeis nos seguintes locais:
- Clínica La Paz e Quiosco La Junquera, en Cee.
- Quiosco de Corcubión.
- Pub Boulevard, en Fisterra.
- Bar O Xardín, en Muxía.
- Café-bar Celme, en Vimianzo.
Na maior parte dos centros de ensino da zona haberá algunha persoa con entradas.
Fila 0
Ademais, e dada a importancia de recadar fondos, temos á disposición de quen non poida asistir a Fila cero, colaborando tamén con 5 euros.
Sen máis, deixámosvos con Mon Búa no Xardín, co gallo da charla que Chicha Martínez e Ubaldo Cerqueiro ofreceron en Muxía:
Novas relacionadas
- Da importancia de escoitar a historia en primeira persoa: Unha viaxe ao Sáhara Occidental con Santiago Jiménez.
- Mohamed Safa: “O pobo árabe ten fame, pero de dignidade”.
- A Costa sinte a ocupación israelí.
- Unha expedición da Costa toma nota do conflito en Palestina.
Máis novas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
- Nota de prensa de COSAL Costa da Morte.