Neira Vilas recolle a semente que deixaron 5 costeiros en América


A través dun dos blogs máis activos do panorama cultural galego (non só costeiro), As Crebas de Miro Villar, recollemos hoxe a presencia da literatura costeira nun libro de Xosé Neira Vilas. O escritor ceense recompila a presencia de autores da Costa da Morte no libro “Semente galega en América”, repasando a historia galega na Arxentina, en Cuba, no Golfo de México, e tamén no Brasil, EEUU, Guatemala, Nicaragua, Perú, Porto Rico, Uruguai ou Benezuela.
Dos 100 artistas nos que se centra o autor, sempre tan vinculado á nosa Costa, apenas 4 teñen raíz costeira. Dicimos apenas pois a realidade migratoria da nosa bisbarra ten sido sempre unha triste constante, e son moitos os que fixeron patria do outro lado do Atlántico. Miro recolle esas figuras:
«A andaina de Cristóbal Colón e As tartarugas do Orinoco» narra a historia do Xosé María Mosqueira Manso (Corme 1886 – Caracas, 1968), un exiliado da Guerra Civil, oceanólogo e ictiólogo, que escribiu senllos libros sobre os temas que se enuncian no epígrafe da semblanza.
«Aquel célebre gaucho da escena arxentina era galego» presenta a Enrique Muíño (A Laracha, 1881 – Buenos Aires, 1956) como gran e recoñecido actor de cine e de teatro na cidade porteña.
«O fisterrán que fabricou en Guatemala o xogo que inventara» sintetiza a biografía de Alexandre Campos Ramírez, Alejandro Finisterre, que naceu na estación Marconi de Fisterra, onde seu pai era telegrafista. Alén de salientar a súa proxección como inventor do futbolín, tamén se retrata o seu compromiso republicano e o seu inesgotable labor intelectual como escritor e como editor en México, así como o feito de presidir a Fundación León Felipe e de ser albacea dos bens do poeta.
E, finalmente, a derradeira semblanza do volume, «Un médico de Muxía, poeta nacional do Paraguai» que se centra na biobibliografía de Victorino Abente Lago (Muxía, 1846 – Asunción, 1935), na súa breve obra poética en galego e na súa monumental obra en castelán que lle outorgou un lugar de honra na historia da literatura paraguaia.
Noutras semblanzas son citados outros como o avogado corcubionés Xosé Porrúa Valdivieso, que fundou co compostelán Domingo Campío Devesa Naveiro o semanario El avisador galaico, que tivo nove meses de vida en Cuba.

Novas relacionadas
- A Fundación López Abente premiou a viaxe ás nosas aldeas de Emma Pedreira.
- Modesto Fraga publica os seus 20 anos de poemas á mar.
- Os versos de Miro Villar musicados en clave indie.