Corcubión volveu concentrarse en apoio ao pobo Palestino

Xunto con outras mobilizacións realizadas en máis dunha trintena de municipios galegos, deuse apoio á chamada "Marcha a Gaza": a marcha a pé por territorio exipcio até o paso de Rafah, onde o estado terrorista de Israel mantén retidos desde hai meses millares de camións cargados con axuda humanitaria. Unha marcha na que participan milleiros de persoas de máis de 50 países, entre eles da Galiza, para rachar o bloqueo a esa axuda humanitaria co que o sionismo pretende facer aínda máis dolorosas a fame e as enfermidades na faixa de Gaza e usalas para procurar unha rendición por inanición.
Manifesto
Estamos nas rúas para pormos a voz do noso pobo en apoio do pobo irmán da Palestina. Hoxe, en 39 localidades, Galiza demostra máis unha vez a súa solidariedade firme e sen descanso coa Palestina e coa resistencia inesgotábel do seu pobo, primeiro contra as bombas e agora tamén contra a fame empregada como arma de guerra polo ocupante.
Mesmo que sexa a milleiros de quilómetros, con estas mobilizacións, desde a Galiza participamos tamén da acción global que é a Marcha a Gaza: a marcha a pé por territorio exipcio até o paso de Rafah onde o estado terrorista de Israel mantén retidos desde hai meses millares de camións cargados con axuda humanitaria. Participamos, portanto, do intento de milleiros de persoas de máis de 50 países, entre eles da Galiza, para rachar o bloqueo a esa axuda humanitaria co que o sionismo pretende facer aínda máis dolorosas a fame e as enfermidades na faixa de Gaza e usalas, como nos asedios medievais, para procurar unha rendición por inanición.
Israel xa violou flagrantemente todas as leis do dereito internacional e do dereito internacional humanitario. Xa temos denunciado de todas as formas o papel dos Estados Unidos neste xenocidio. Mais como pode a Unión Europea, que hipocritamente se presenta como bastión dos dereitos humanos, continuar calada e amparando a morte diaria de civís por desnutrición e enfermidade? Como sempre dicimos, sen un sistema imperialista que naturalice a ocupación da Palestina e lle dea carta branca para todo tipo de crimes, Israel non só non poderia manter a ocupación colonial da Palestina. Reparade ben: a súa lexitimidade é tan fraca que nen sequera resiste unha columna de civís desarmados mobilizada en dirección a Rafah para evidenciar os seus crimes contra a humanidade.
Por iso denunciamos que o goberno exipcio está impedindo os obxectivos desta marcha e mantendo retidas millares de internacionalistas, incluídas as galegas que alá foron. Desde a súa chegada, o Exipto practicou detencións arbitrarias, deportacións, retencións e todo isto para impedir o normal funcionamento dunha marcha que é pacífica e que en nada viola as leis do país. Desde a mañá de onte e de acordo coa coordenación da Marcha, varias persoas, entre elas o noso compatriota Xan Lopes, comezaron unha folga de fame para denunciar esta situación. Desde a Galiza queremos enviarlles un caluroso apoio nesta acción, e ao resto de internacionalistas que nestes días procuran pór Palestina e o seu padecemento diante dos ollos do mundo.
A marcha a Gaza debe continuar.
Os crimes de Israel e o secuestro da axuda humanitaria deben rematar, e o paso de Rafah debe ficar aberto.
O xenocidio debe terminar inmediatamente e os seus responsábeis seren xulgados por crimes contra a humanidade.
Por último, mesmo que esta mobilización de hoxe ten como obxectivo chamar a atención sobre o bloqueo da axuda humanitaria en Rafah, as últimas accións agresivas de Israel non nos poden pasar inadvertidas. Os ataques de Israel contra Irán, que deixan xa máis de 200 persoas mortas, son un novo crime co selo dos Estados Unidos e da Unión Europea. Estes bombardeos, mesmo contra instalacións nucleares, perseguen, ademais de impór a presenza de Israel na rexión, escalar unha guerra que ille aínda mais a Palestina. Os perigos dunha guerra rexional tocan directamente toda a humanidade. A loita contra a ocupación da Palestina e todos os crimes do sionismo que a envolven son tamén unha causa de toda a humanidade.
Galiza con Palestina!
Palestina Vencerá!