Venres. 04.10.2024
El tiempo

O BNG entra no goberno de Laxe tras asinar o pacto co PSOE

O BNG entra no goberno de Laxe tras asinar o pacto co PSOE
Mouzo Castiñeira e Pose Lema asinan pacto de goberno en Laxe entre PSOE e BNG O alcalde socialista Mouzo Castiñeira e o voceiro do BNG Pose Lema asinan pacto de goberno en Laxe

Xa dende o remate das eleccións todas as direccións apuntaban a que PSOE e BNG se necesitarían para formar un goberno estable en Laxe. Daquela, o BNG apoiou a investidura do novo candidato socialista, Mouzo Castiñeira, pero unha dedicación exclusiva rompía as negociacións para formar o pacto. Case que ano e medio despois, o tempo non fixo outra cousa que demostrar un cambio de “talante” e un achegamento constante.

Así o anunciaban esta mañá de venres 18 de novembro o alcalde socialista José Manuel Mouzo Castiñeira e o voceiro do BNG Xosé Manuel Pose Lema. Explicaban o novo pacto de goberno a través do cal o BNG entra a formar parte do mesmo (as eleccións deixaron 5 concelleiros para o PSOE; 5 para o PP e 1 para o BNG). Pose Lema levará a que ata agora era a área de Promoción Económica, que pasará a chamarse “Comercio, Hostelería e Turismo”, e cobrará unha dedicación parcial de 500€ netos, “máis que un soldo é unha dieta”, explica Pose Lema. O Concello ten agora 2 dedicacións completas emais esta parcial.

”Hoxe danse as condicións para este pacto, ademais co apoio das dúas direccións provinciais e co consentimento das agrupacións locais”, explicaron. “Hai 17 meses na agrupación local tiñamos unhas esixencias, pero agora cremos que debemos estar no goberno para levar adiante todas as nosas ideas”. En todo caso, as sinerxias xeradas no goberno da Deputación parece que foron claves para dar este paso adiante.

En Corcubión?

Mouzo e Pose Lema recoñecen que as direccións provinciais estudiaron o mesmo pacto en Corcubión, pero que parece que por agora non saen adiante.

A Auditoría, or orzamentos e a débeda

Outra das esixencias de Pose Lema para formar goberno era a realización dunha auditoría externa. Pose Lema recoñece que comprobou a boa vontade do alcalde cando presentaron conxuntamente no Consello de Contas esa petición. A Auditoría non se chegou a realizar nunca pero ese xesto válelle ao voceiro nacionalista para entender a boa disposición. Ademais, o novo secretario-interventor (recén chegado trala odisea sen Secretario municipal durante 4 meses) poderá facer ese traballo.

O Concello segue cos orzamentos prorrogados de 2015, pero asegura o alcalde que pensa saír o 1 de xaneiro de 2016 cos novos orzamentos, e a partir de aquí presentalos sempre en tempos.

Recoñece ademais que o Concello ronda unha débeda de 2,3 millóns de euros, pero espera que en 2018 quede practicamente liquidada, sobre todo co POS+ 2017 que vén de aprobar a Deputación será un forte empurrón, adicando.

Un Consello de goberno local (constituido de xeito non formal como unha “Xunta”, para facilitar a operatividade) reunirase cada 15 días para tomar decisións, outorgar licencias…

Proxectos en marcha

A I Festa Gastronómica da Castaña que se desenvolve esta fin de semana, pode ser un exemplo das ideas que ten o BNG para levar adiante. “No BNG hai moitos proxectos en mente que agora serán do Concello de Laxe”. Pose Lema ten claro que o turismo ten que ser un claro foco, “sendo Laxe o único Concello de Interese Turístico da zona, imos facer un "Plan de Excelencia Turística”, que afondará temas como a eliminación de puntos de feismo na fachada marítima, a ocultación de sumidoiros, ou a creación dunha zona de servizo para autocaravanas. “O ideal sería facelo no Escaravello, cando se solvente o litixio que vai indo, porque na zona do Cabo Darea sería tamén boa pero non ten rede de sumidoiros”. Un proxecto este paralelo ao que ten a Demarcación de Costas na praia de Soesto, cun forte investimento dende o Ministerio para convertir en zona de servizo un aparcamento xa utilizado por centos de caravanistas.

Ademais, Pose Lema explicou que tamén van realizar o programa “ReLaxe”, con 9 meses de actividades adicadas a unha temática, como o sendeirismo, a ornitoloxía… destacando a colaboración máxima que quere ter co Camiño dos Faros, “xa que teñen unha proxección internacional espectacular”.

Ademais, seguindo a ruta dos Pinchos, Pose Lema xa ten os estatutos preparados do que pode ser a vindeira asociación de empresarios e comerciantes de Laxe, e pensa que sairá adiante porque ve moita disposición entre a hostalería e o comercio do pobo.

Novas relacionadas

Comentarios