O BNG de Corcubión esíxelle ao alcalde pague os gastos dos seus avogados
No pasado pleno ordinario, na dación de contas da alcaldía, apareceu unha resolución do tenente-alcalde na que resolvía que o concello asumira os gastos derivados da representación e defensa do alcalde no xuízo xurdido pola demanda de acoso laboral dun empregado municipal. Segundo informa o BNG o importe da factura foi de 2.178€ a favor do seu avogado o Sr.Gutierrez Aranguren, e quedou condicionada ao resultado absolutorio do mesmo.
"Esta cantidade ten o concepto de dilixencias previas, polo que a factura final podería ser bastante superior", apunta Oscar Insua, que lle preguntou "se tamén ía asumir o concello a factura do avogado que o defende nas causas abertas pola trama da operación orquesta”. O alcalde Fº Javier Lema, respondeu que si, pois "son procedementos que traen causa do exercicio de funcións vencelladas ao seu cargo, tal e como fundamenta a propia resolución 89/2013", argumentaba o alcalde.
Un argumento que non lle vale á oposición, sinalando que "a resolución non contén ningún precepto legal, nin lei nin regulamento, para fundamentala, agás unha referencia á xurisprudencia". Para o BNG, "o alcalde debe asumir totalmente os custes derivados da súa defensa, por varios motivos. Primeiro porque este xuizo deriva dun expediente anterior no que a propia inspección de traballo xa determinara que si existía acoso laboral, e o acoso laboral non deriva das funcións dun como alcalde, senón como persoa, pois ser acosador non é unha competencia do alcalde recollida na lei de bases do réxime local. Segundo porque non existe base legal que fundamente e permita o pago das minutas dun avogado para defender ao alcalde pola presunta comisión dun delito. E terceiro, o propio alcalde leva 9 anos pleiteando cos traballadores, orixinando deliberadamente xuízos, moitos xuízos, por diferentes causas derivadas do día a día das relacións laborais, e todos eles pagan do seu peto os avogados, e por esta razón, se o alcalde tivera un mínimo de vergoña e un mínimo de ética política, non se atrevería nin a mencionar este tema, e menos a pagar o seu avogado con cartos de todos os veciños".
Nocas relacionadas
- O PP denuncia que haia dous funcionarios con soldo pero sen traballo en Corcubión.
- A nova urbanización de Quenxe vai adiante.
- O BNG esixe o saneamento integral da ría de Corcubión.
Fonte
- Nota de prensa do BNG de Corcubión.