Venres. 29.03.2024
El tiempo

Os Cruceiros: de obxectos de importación a símbolos da galeguidade

Os Cruceiros: de obxectos de importación a símbolos da galeguidade

“Cando a pedra, durmida e acochada da terra nai no garimoso seo, desperta do seu sono milenario e quer ser oración e pensamento frorece nun varal, estende os brazos e póndose de pé faise cruceiro”   

Ramón Cabanillas

Cruz_de_Baixar de Fisterra copia Cruceiro da Cruz de Baixar de Fisterra Cristo crucificado no Cruceiro de Santa María de Lamas-zas-Foto de Roberto Mouzo Lavandeira copia Cristo crucificado no Cruceiro de Santa María de Lamas, Zas-Foto de Roberto Mouzo Lavandeira copia

Entre a tarde de Xoves Santo e o Sábado de Gloria prodúcese para os cristiáns unha suspensión do acontecer histórico, unha creba do eterno e cíclico evolucionar do tempo.

A maioría dos galegos que viviron entra a invasión romana e o alborexar do século XX, nesta suspensión, neste vivir sen vivir coñecendo as súas propias penurias,  contemplando os sufrimentos  e a morte de Xesús, esperando a súa resurrección; viron unha promesa da redención, e tamén a chegada dun tempo mellor, dun mundo máis xusto e dunha vida máis digna.

Non é aventurado imaxinar que para os nosos antepasados os tres días da Paixón eran unha síntese de todo o seu vivir; dos poucos ou moitos días que pasaban neste mundo: unha existencia entre a miseria e a fame mal saciada; condenados á pasividade ante a ignominia e o castigo, entregando o froito das súas suores sen protestar; acatando sempre as situacións máis inxustas; incapacitados para dar resposta axeitada á agresividade dun sistema económico e político que cargaba sobre as costas dos máis humildes o sostemento dun estado e dunhas clases dirixentes totalmente parasitarias.

Esa Galicia irredenta que aglutinaba á maioría da poboación, identificábase, víase claramente reflectida nos sufrimentos que pasaba Xesucristo. Esta identificación, sen ser determinante, puido contribuír á proliferación dunha construción coma o cruceiro, onde Xesús aparecía sempre representado entre as penurias da dor e a morte esperanzada.

O cruceiro, coma se dunha especie arbórea se tratara, foi repoboando todo o país coa súa alongada presenza ata naturalizarse, ata aclimatarse de tal xeito que semella que sempre estivo aquí, que, coma os autóctonos carballos, naceu e se criou nesta terra. Semella, pero as cousas non foron así, e para chegar a este profundo enraizamento houbo que percorrer un longo camiño.

A morte de Cristo na cruz, pretendía ser un contundente escarmento. Esa cruz infamante que ata a Igrexa dos primeiros tempos quixo esquecer temerosa de que esa visión degradante afectara a imaxe de Xesús; porque o sufrimento dese tipo de morte convertía as súas vítimas nuns marxinados sobre os que caía, primeiro o oprobio e despois o esquecemento; en calquera caso todo moi afastado do honroso martirio de venerable memoria, ou polo menos era o que pretendían os ofensores. Pero aquela morte na cruz, que nun principio era afrontosa e esquecible, converteuse nun emblema de enxalzamento e de glorificación que perdurou polos séculos dos séculos.

Non imos entrar nas orixes e evolución do cruceiro ata acadar as características que todos coñecemos: plataforma, pedestal, varal, capitel e cruz con ou sen figuración. É un debate aínda aberto e, ademais, todo parece indicar que ese proceso tivo lugar noutras latitudes. Polo tanto imos pasar por alto a cristianización de menhires, miliarios e paraxes de culto precristián que aínda son materia de discusión, polo menos no que afecta a Galicia.

Hoxe xa está asumido que, polo menos en Galicia, o cruceiro foi unha creación gótica, máis concretamente do gótico final (séculos XIV e XV) traído por dominicos, franciscanos ou chegando por influencia do Camiño de Santiago. Hai unha referencia documental a un cruceiro como lindeiro dunha propiedade xa no século XIII, pero non hai acordo entre os especialistas se xa respondería ao que hoxe entendemos por cruceiro.

Durante os últimos anos do medievo e nos inicios da modernidade, todo parece indicar que os cruceiros non eran moi numerosos e a súa erección estaba moi ligada á presenza das ordes mendicantes nas vilas e cidades de Galicia. No medio rural está documentada a existencia de cruceiros neste tempo e, ademais, aínda hoxe se conservan mostras daquela época, pero, en todo caso, estaban circunscritas a lugares moi concretos e promovidos por patróns pouco comúns no mundo rural. Neste tempo o cruceiro era unha peza singular e cun tratamento artístico parello ao de outras mostras de arte culta. Os seus artífices eran os mesmos que labraban as demais obras da época: portadas, capiteis, retablos,... O cruceiro aínda non acadara un estadio popular, a súa construción era cara e pouco común. Pero cal foi o detonante polo que se pasou de elemento senlleiro a puntuar coa súa presenza cada recuncho deste noso País?

Cruceiro dos Santos de Cheis en Bamiro-Vimianzo copia Cruceiro dos Santos de Cheis en Bamiro-Vimianzo

O Concilio de Trento (1545-1563) foi ese detonante instaurando unha visión triunfante e pública da fe e das súas liturxias, e reforzando o papel do purgatorio como tránsito onde depurar algúns pecados para así alcanzar a vida eterna. Nesta nova asunción do feito relixioso, o cruceiro atopou un lugar protagonista como referente iconográfico de múltiples  celebracións públicas, como ofrenda de devoción e penitencia a Deus, e tamén, por que non, pola identificación sentimental do pobo espoliado co Varón de Dores.

A partir daquel momento a fe non só será algo íntimo e persoal, senón que terá unha dimensión social e pública nunca antes coñecida: igrexas e capelas amplían e modernizan as súa fábricas. O culto impregnase dunha magnificencia bizantina, revestíndose dunha atmosfera cargada de sensualidade: a fastosidade da música, o brillo do vestiario, a sedución das imaxes ou pola súa carga dramática ou polo seu refinamento e elegancia. A dor nunca antes se mostrara con tanta intensidade e a beleza con tanta suxestiva carnalidade.

Pero a fe tamén sae aos adros, aos camiños e aos agros: procesións, actos sacramentais, rogativas, o rezo do “Ángelus” ao toque da campá, viacrucis, misións catequizantes, bendicións multitudinarias, ... Toda unha serie de ritos que requiren un novo “atrezo”: ciriais, cruces parroquiais, pendóns, palios, andas e tronos para pasear as imaxes, custodias procesionais, cruceiros, ... A maioría destes obxectos xa eran coñecidos e empregados con anterioridade a Trento, pero será a partir deste intre histórico cando cobren un protagonismo social totalmente descoñecido con anterioridade.

Foi posto xa de relevo por moitos especialistas a importancia que tivo para a proliferación dos cruceiros, as disposicións saídas de Trento, relativas á existencia de certas penas que a alma debe cumprir no Purgatorio antes de entrar no Ceo, e que poden ser redimidas aquí na terra ou ben por previsoras disposicións testamentarias, ou polos familiares e amigos. Como nos lembra Clodio González "a igrexa rematou gozando non só do control na terra, senón que tamén acadou a chave da fechadura da gloria eterna, que se podía abrir a base de sufraxios, doazóns, indulxencias, etc."

Corroboramos absolutamente estas afirmacións, aínda que tamén somos da idea de que foron as parroquias as que lograron a popularización dos cruceiros, o feito de que tódalas freguesías de Galicia por esixencias litúrxicas tiveran polo menos un cruceiro, serviu de exemplo e animou a continuar por este camiño construtivo a devotos, penitentes e administradores das últimas vontades de moitos falecidos. Aínda que tamén é verdade que nalgunhas parroquias os cruceiros dos adros foron sufragados xa de antigo por algún devoto. O máis normal é que a súa erección fora satisfeita pola fábrica da parroquia, algunha confraría ou por unha contribución especial dos veciños. Non conto con ningunha documentación sobre este extremo, pero paréceme de todo probable que esta fose a secuencia dos feitos. O cruceiro ata daquela escaso e marxinal, atopou con esta dimensión exteriorizadora da fe un campo ben abonado para a súa propagación.

Cruceiro do adro da igrexa de San Xoan de Mazaricos copia Cruceiro do adro da igrexa de San Xoan de Mazaricos

Como diciamos antes, a asunción da fe, a exaltada vivencia do culto e a celebración da liturxia non só ao abrigo das igrexas, senón tamén baixo a nobre e infinita bóveda celeste, provocou o nacemento, no medio na natureza, dun altar que presidira e articulara os rituais. Pero ese novo altar  debía posuír unha expresión iconográfica, un retablo. E aí aparece o achado feliz do cruceiro para que, en axeitada comuñón coa antiga ara dos sacrificios, proporcione forma e figura á devoción.

O cruceiro xunguido á mesa de altar, era e segue sendo parte importante dos adros parroquiais. Ao seu redor latexa a comunidade cristiá, descorren as celebracións dos días sinalados, pero tamén o vivir sinxelo de cada xornada, alegre ou triste, pero sempre esperanzada. A súa presenza é imprescindible para ordenar o solemne paso de calquera procesión. Mais se tiveramos que elixir unha que exemplificara ese protagonismo, a de Corpus Christi sería a escollida. No Santísimo Sacramento, como o denominamos entre nós, e que é costume celebrar o segundo día das festas patronais, festéxase a abstracción, a conversión de Cristo nunha forma de escasa, espiritualizada e inmaculada materia, fechada dentro dun círculo; asociado dende sempre coa perfección, a pureza e a eterna perdurabilidade dos corpos celestes; facéndoa xirar en inestable equilibrio arredor da órbita parroquial, acolléndose en cerimoniosa parada ao abrigo do cruceiro para, despois da súa exaltada adoración, continuar o seu camiño ata repousar no eucarístico sagrario.

Estes cruceiros de parada, así denominados porque sobre a súa ara, sobre o seu pousadoiro, descansa, como acabamos de ver, o Santísimo Sacramento pero, tamén, as imaxes dos santos da parroquia os días en que logran liberarse das súas elevadas fornelas; os cadaleitos dos defuntos na súa última viaxe nesta existencia perecedoira; e dende o alto da súa plataforma, principian tódolos anos as celebracións Pascuais coa bendición dos Ramos.

O cruceiro tamén funciona coma un símbolo, un emblema de toda a comunidade parroquial: a xente reúnese ó seu amparo para rezar e para falar, nas incertezas da vida aconséllanse tendo como testemuña ao xuíz supremo; os rapaces antes e despois da misa e da doutrina incorpórano ós seus xogos coma a un compañeiro máis; os vellos descansan unha folga nos seus chanzos antes de volver ao camiño, e cando queremos deixar constancia gráfica dun feliz encontro, pómonos na volta da súa identificadora, aglutinante e lanzal figura, e retratámonos.

A profunda humanización do territorio galego cun número infinito de núcleos de poboación, aglutinados arredor dun número case semellante de parroquias, provocou a existencia dun ou máis cruceiros por freguesía, convertendo a Galicia nun viveiro pétreo, pero non inerte, senón enchoupado de espiritualidade e de transcendencia.

Esta fertilidade, este arraigo do cruceiro na mentalidade galega, dou lugar a un novo manexo do proceso artístico. A infinidade de encargos dificilmente poderían ser asumidos polos imaxineiros da arte culta, provocando que foran os canteiros, ou polo menos aqueles máis dotados para a talla figurativa os que se fixeran con boa parte das encomendas. Este cambio e as esixencias dun material tan difícil de domear, como é a pedra, trouxo como consecuencia que as obras foran menos custosas, pero tamén, que a súa materialización estivera rexida por outros criterios estéticos. Os elementos figurativos caracterizaranse pola súa rusticidade, pola inxenuidade das súas expresións, por unha talla bosquexada con pouco ou ningún sitio para os alardes plásticos, e por unha tendencia á desproporción das imaxes. Características que afastan os cruceiros da arte culta e os introducen na esfera do popular. Aínda que tamén temos que recoñecer que houbo canteiros con habilidades dignas dos máis renomeados escultores, escultores que ás veces tamén se prestaban a este tipo de realizacións: o grande Xosé Ferreiro non desbotou este tipo de encargos, e outro tanto poderiamos dicir de Francisco Rodeiro  ou de Xosé Cerviño García.

Cruceiros singulares na Costa da Morte

Cruceiro de San Marcos de Corcubion copia Cruceiro de San Marcos de Corcubión Desencravo do Cirolán de Suevos-Mazaricos copia Desencravo do Cirolán de Suevos-Mazaricos

Na Costa da Morte temos a sorte de contar cun amplo repertorio de cruceiros que amosan as diferentes fases do seu arraigo e popularización. Con exemplares coma o de Santa María das Areas en Fisterra ou o dos Santos de Cheis en Bamiro (Vimianzo), que funden as súas raigañas nos últimos anos do medievo. Do século XVI podemos citar o de San Marcos de Corcubión, Cruz de San Roque de Fisterra e o da Devesa en Bamiro (Vimianzo). Pero a explosión prodúcese, como xa apuntamos anteriormente, despois do Concilio de Trento. Dende o século XVII ata á actualidade, os cruceiros derramáronse por tódolos currunchos da comarca: adros parroquiais, santuarios, rueiros, prazas urbanas, encrucilladas,…

Entre moitos outros, podemos citar o do Pazo de Amarelle en Ponteceso, o de San Cristovo de Cerqueda en Malpica, o do santuario do Carme en Borneiro (Cabana), os dos adros de Santo André, de Lamas e da Gándara en Zas, o de san Pedro do Porto en Camariñas, os de Vilastose e Vuiturón en Muxía, o da capela do Bo Suceso en Fisterra, o da Ameixenda en Cee, e o da Grixa en Berdeogas (Dumbría).

En Mazaricos posuímos un amplo mostrario que abrangue exemplares salientables pola súa singularidade iconográfica, pola súa calidade e pola súa absoluta excepcionalidade: os dos adros parroquiais de Vaos, San Cosme de Antes, San Xoán de Mazaricos ou o Divino Salvador de Colúns; o do santuario de San Xosé de Val ou o do Cirolán de Suevos. Este último, ademais da súa apreciable calidade, é o cruceiro de desencravo completo máis antigo da arte galega.

A nosa pretensión foi demostrar, non sei se o conseguimos, que estamos ante unha parte moi importante do noso patrimonio; merecedor de toda a nosa valoración e dos desvelos precisos para a súa axeitada conservación.

Cruceiro_Igrexa_Sta_Maria-Fisterra copia Cruceiro da Igrexa Santa María das Areas de Fisterra

  • Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
 

Novas sobre Cruceiros

Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo

Fonte

  • Redacción de QPC.

Comentarios