martes. 12.08.2025
El tiempo

A Praza de Castelao de Corcubión acolle a exposición da Deputación “Sinaladas”

Exposicion sinaladas corcubión 1 copia
Exposicion sinaladas corcubión 1 copia
A Praza de Castelao de Corcubión acolle a exposición da Deputación “Sinaladas”

Xa está visitable, ata o 25 de agosto, no medio e medio da peonil Praza Castelao a exposición itinerante da Deputación da Coruña “Sinaladas. Unha mostra ao aire libre que recolle "a loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión”.

“É a historia de mulleres que, por non conformarse coas imposicións inxustas e por defender os seus dereitos e a xustiza social, foron perseguidas, reprimidas, asasinadas e todas elas quedaron sinaladas. E despois, todo foi silencio, ficaron desaparecidas da historia, ou o que é aínda peor, foron contadas por un relato misóxino que se fixo especialmente insultante no franquismo, que as converteu en vítimas da exclusión, da marxinación, cando non do encerramento no Padroado da Muller” apuntou a deputada. “·Sinaladas é a contestación irreverente a esa condena inxusta, o rexistro da memoria oculta que as mulleres gardaron para transmitírnola como legado”.

O alcalde, Xabier Domínguez, "Drok", salientou que “grazas ao proxecto de recuperación do espazo público que o Concello puxo en marcha este mes de agosto, esta exposición pódese levar a cabo na Praza Castelao, no marco do proceso de humanización para o casco histórico de Corcubión”. O edil de Cultura, Juan Carlos Cristino Lago, declarou que “desde o equipo de goberno seguiremos dotando de contido a praza do centro da vila, con diversas iniciativas e actividades, aproveitando os espazos que agora están libres de circulación de vehículos”. Pola súa banda, a concelleira de Muller, Igualdade e Servizos Sociais, Pilar Tubío Lariño, subliñou que “esta exposición serve para pór en valor a mulleres galegas que loitaron por un país máis xusto e igualitario, desde diferentes vertentes da sociedade; é importante lembrar o labor que fixeron, e reiteramos que na loita feminista aínda queda traballo por facer”.

A exposición

“Sinaladas” é unha proposta que o departamento de Cultura da Deputación puxo en marcha en 2023 co obxectivo de divulgar a figura de mulleres e dos movementos activistas femininos para ofrecer unha visión global da súa memoria durante cen anos de historia, desde finais do século XIX ata o remate do século XX.

Artellada en 39 paneis, 284 apartados e 373 imaxes que contan a historia de 540 mulleres, “Sinaladas” está dividida en trece estruturas. A primeira é de presentación e as doce seguintes de contidos divididos por temáticas. Os catro primeiros céntranse na época anterior a xullo de 1936 e nas consecuencias que padeceron as pioneiras pola súa loita. Os catro seguintes, no período comprendido entre o golpe de Estado e a disolución da guerrilla. E os catro últimos no mantemento da represión contra as mulleres despois do 36, da posguerra e mesmo da morte do ditador, así como na permanencia da súa loita, imprescindíbel na consecución da democracia.

Comentarios