Domingo. 13.10.2024
El tiempo

Un derroche de emoción no Recital de Manolín

Un derroche de emoción no Recital de Manolín
Pura emotividade. O Recital poético-musical que brindou Manuel Oliveira, Manolín, o pasado venres 23 de decembro en Corcubión, foi un derroche de paixón, de amor, de saudade. A mítica figura do fútbol da Costa amosou a súa cara máis sensible para presentar en sociedade o seu novo libro de poemas: "Os abismos do corazón". Un libro editado polo Concello de Corcubión e que recolle as "nostalxias, os soños e as realidades" desta figura que pasará a historia da bisbarra. Unhas 150 persoas fixeron que a Casa da Cultura corcubionesa non quedase demasiado grande, e aplaudiron e berraron bravos arreo ás paradas do poeta, así como ás cancións da súa filla, María Dolores Oliveira. Unha Dolores que erizou os pelos dos presentes coa súa impresionante voz. Foi completo o recital. Xusto López Carril, o muxián voz da tarde na Radio Galega, fixo de presentador e tirou de historia para lembrar ao editor Porrúa. Manolín colleu as rendas, e ao máis puro estilo do seu programa na radiONeria "Realidade e Soños", foi desgranando poemas ao ritmo da música. Amor, saudade, morte, medo, son algúns dos conceptos protagonistas dos seus poemas. Así quedaron patentes nos seus poemas, así como no de Mario Benedetti, un dos seus poetas favoritos. Coa axuda de Jan e Mari, e Diego, do Grupo de Baile Nerio de Corcubión, Manolín fixo unha escenificación innovadora da obra "A la izquierda del roble", mesturando baile tradicional co verso arxentino. A representación levounos canda ese par de amantes universais, que dende a Pampa a Corcubión poñen o amor por riba de todo. A noite remataba co propio Manolín facendo o que menos quería: asinando e asinando libros. I é que malia que se quixo agochar, por pura timidez, no "back stage", os seus siareiros e amigos fixeron unha cola infinita para levar o seu exemplar asinado polo autor.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios