Un PXOM irresponsable en Corcubión


Segue o PXOM de Corcubión sendo unha quimera. En marcha dende o 2004, cunhas normas do ano 1989 vixentes, e tras ser rexeitado en 2010 por “unha excesiva permisividade urbanística”, o Plan Xeral de Ordenación Municipal segue pasando de despacho en despacho.
Mentres as forzas políticas parecen facer todo o posible para que non saia adiante un Plan que necesita consenso. Máis aínda nun Concello onde se goberna con minoría. Pero nin grupo de goberno nin oposición parecen interesados a entenderse.
A irresponsabilidade de todos os grupos é manifesta: o grupo de goberno, PSOE, intenta sacalo adiante, pero prantexa con dificultade o consenso, se ben ten proposto comisións de seguemento; o BNG non fai máis que poñer trabas, alomenos publicamente, como as críticas que denunciaban o caos pola peonización do centro da vila, unha petición que viñan facendo durante anos, e que nada máis saír adiante, o primeiro que fan é criticala (por certo, que a aprobación desa Regulación de Tráfico vén de ser publicada no BOP); e tamén cómpre falar da irresponsabilidade do PP local, que argumenta a súa falta de apoio ao PXOM “porque non se fía da política urbanística do Concello”, argumentos de peso.
Novas relacionadas
- 11-02-14: O Concello de Corcubión e a Xunta reúnense para axilizar o PXOM.
- 31-07-14: Pola peonización de Corcubión.
- 23-03-10: Rexeitado o PXOM corcubionés por excesiva permisividade urbanística.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).