As Xaviñanas de Corcubión asaltan a gran pantalla
Teñen entre 17 e 19 anos, pero xa son todas unhas veteranas no mundo da música, sendo un perfecto exemplo do aumento da presenza da música galega tradicional na escena estatal, así como do bo estado de saúde da renovación xeracional da nosa tradición.
Dende ben cativas, as Lena, Loaria, Candela (as tres de Corcubión) e Uxía (unha das ceenses culpables da recuperación do Festilires) forman parte do grupo “As Xaviñanas”, as pandereteiras da Asociación Universidade Popular de Corcubión. Teñen experiencia en ducias de foliadas, e mesmo no Luar, pero veñen de dar un paso que pode ser trascendental para a súa carreira: elas son as protagonistas dun dos temas centrais da banda sonora da película “Me has robado el corazón”. O filme, dixirido por Chus Gutierrez, producido por Ficción Producciones e baseado nunha idea orixinal do pontevedrés Alberto Arruty, estréase este martes en Galicia e conta no elecendo con xente moi potente como Óscar Casas (o irmán de Mario Casas), Ana Jara, Miguel de Lira, ou o influencer, Xurxo Carreño.
Foi a reputada compositora Zeltia Montes (madrileña con familia da Ribeira Sacra, e gañadora dun Goya por “El buen patrón”) a que se puxo en contacto coas cantareiras da fin da terra a través do seu curmán, Castor Montes, mestre da ESMU de Carnota. Unha conversa serviu para chegar a un acordo e poñelas a gravar.
”Nós tampouco sabíamos moi ben a incidencia”, recoñece Uxía Domínguez. “Cando nos enteiramos de que estabamos nunha peli con actores famosos do cine español, quedamos alucinadas, porque a verdade é que o fixemos a cegas. En realidade non sabíamos ben o que iamos facer, non sabíamos o nome da peli e casa nada, pero cando nos enteiramos fíxonos un montón de ilusión”, relata.
”Foi un proceso bonito”, relatan. “Tivemos que ir a Coruña. Se ben xa graváramos nun estudio para o Luar, esta vez foi máis longo, estivemos 5 horas gravando, para 2 minutos da canción, e pasámolo ben. Parecíamos profesionais”, rin. Contaron co apoio da compositora, unha Zeltia que lles axudou a darlle forma á partitura, e a desmenuzar a canción, e “a cousa foi fluindo”. “Para nós é un enorme orgullo poder traballar con Zeltia. Foi unha experiencia inesquecíbel, moi positiva e tremendamente motivadora. Ademais, permitiunos facer algo distinto ao que estamos afeitas dentro da música tradicional, polo que aprendemos e gozamos enormemente do proceso”, explican as integrantes do grupo. Engaden tamén “a satisfacción de ver como o traballo de tantos anos, desde que comezamos de pequenas nas escolas de música da Universidade Popular de Corcubión, se ve agora reflectido en oportunidades e proxectos coma este”.
No tema, moi melódico, cantan dúas estrofas en galego (unha é: “Na auga pódese sentir, o tempo sen presa ao fin, ficar alén do mar”), ademais de colar as súas singulares pandeiretas. “É unha perfecta fusión entre a típica música de banda sonora co que facemos nós”.
A carreira
Formado por Uxía, Lena, Loaira e Candela, As Xaviñanas toman o seu nome das mulleres de Corcubión recollidas polo etnomusicólogo Alan Lomax nos anos 50, referentes na conservación e transmisión da música e poesía popular a través do canto e da pandeireta. Hoxe, as catro mozas continúan ese legado, adaptándoo e difundíndoo entre novos públicos.
Neste 2024, ano dedicado ás cantareiras, As Xaviñanas participaron ademais no proxecto “Transmisión da lingua na poesía popular”, impulsado pola Universidade Popular en colaboración coa Deputación da Coruña, que as levou a actuar en distintos concellos da comarca. Este programa puxo en valor o saber popular transmitido oralmente e destacou o papel fundamental da muller na preservación da tradición, un legado que o grupo reivindica e continúa.

Nos últimos anos, o grupo colleitou importantes recoñecementos en concursos de música e baile tradicional, como os premios de Xacarandaina e Xiradela. Ademais, participaron no vídeo promocional dos Concellos da Costa da Morte presentado en FITUR 2024 e colaboraron recentemente co grupo vigués Abril.
Ademais, o grupo atópase actualmente inmerso no proceso de gravación do seu primeiro disco, un proxecto co que buscan recoller parte do repertorio que levan anos traballando.



