Xosé Ansede: “De pactos, nada, de nada, de nada”


Falamos con Xosé Ansede, histórico do BNG de Corcubión e candidato á alcaldía nestas eleccións municipais 2015, despois de moitos anos á sombra.
É Corcubión un dos feudos nacionalistas con máis historia da Costa da Morte. E precisamente o que levou o nome da vila por todo o país, o eterno Rafael Mouzo, alcalde de Corcubión entre 1979 e 1999 e durante os primeiros anos da lexistalatura do 2007, volve como número 4 da lista.
Pelexará o BNG pola alcaldía nas que se presentan como as eleccións máis igualadas entre as 3 forzas da historia. En todo caso, Ansede, agora xubilado tras máis de 30 anos traballando como técnico municipal, quere mellorar os 3 concelleiros que acadou o partido en 2011, tras unha boa renovación da lista, na que, de feito, non apararecen ningún dos edís actuais.
- QPC: Con que obxectivo afronta a súa lista estas eleccións do 24M?
Co obxectivo de mellorar o presente e de volver a poñer a Corcubión no lugar onde estivo durante 24 anos co goberno nacionalista.
O Obxectivo está claro, gañar as eleccións, se os cidadáns nos dan os suficiente apoio estamos dispostos a intentar volver a gobernar e mellorar o que hai, que creo que non é difícil.
- QPC: Como analiza o traballo do goberno nesta lexislatura?
Cremos que durante esta lexistatura, vemos que o grupo de goberno está cansado. O alcalde estivo todos os plenos invitándonos a pactar co PP, e teño a sensación de que querían que pactásemos para poder descansar do goberno. Ademais… agora, xa non volven todos…
En todo caso, dedicaron moito tempo ao sillón e pouco a viaxar, e na casa non se conseguen cartos.
- QPC: Por que foi necesaria unha completa renovación da candidatura?
En primeiro lugar queríamos facer unha candidatura, en caso de asumir o goberno, que non lle consuma un céntimo ao goberno. Se gañamos non queremos renumeración económica.
Ademais houbo xente que, por motivos persoais, quixeron tomar un respiro. Se gañamos, non vamos cobrar ningún tipo de dedicación, e nós nun principio non a imos coller, e pensamos que nos tempos de crise que estamos e cos poucos ingresos do Concello, non cremos que o Concello teña que pagar algunha dedicación.

- QPC: Cales son os puntos fortes do seu equipo?
É un equipo que mestura xente con savia con xente con moita experiencia como Rafael Mouzo, que aí o vemos con gañas de volver, non á política que nunca marchou, pero si tivo que estar algo alonxado por motivos de saúde, pero agora el mesmo se ofreceu para aportar o seu gran de arena. Nos seus 24 anos demostrou que sabe moverse moito, e conseguíu infreaestruturas que non teñen outros concellos moito máis grande, aí está a Casa da Cultura, o INS, un pavillón, o colexio, unha gardería… e eses edificios que se seguiron mantendo aí. De non ser por el, non teríamos todas estas infraestruturas.
Nós queríamos que fora de número 1, pero el prefire estar agora algo na sombra, pero nun posto con posible saída, pois temos 3 concelleiros e se sacamos 4 irá encantado, con gañas de traballar, pero sen tanta responsabilidade.
Este é un dos puntos fortes, pero toda a xente, a nivel político teñen moita. Mesmo Antía Insua, que é a máis nova, ata Rafael, e taa os suplentes estamos moi curtidos en política. Todos levamos toda a vida metidos en política ou movementos asociativos.
Ademais, os que vamos diante coñecemos ben o Concello. Eu sen máis, 31 anos traballando dentro do Concello, sei cantas arquetas hai. E tamén coñezos os poucos ingresos do Concello, e sei que hai que ter coidado con eles porque senón é difícil manter as infraestruturas que hai en Corcubión. Pero hai que saber moverse para conseguir subvencións para poder manter o pavillón, que ten 30 anos, o local de ensaio, a radio municipal…etc. Non se poden deixar estes lugares como se non tivesen dono. Se non tiveramos radio en Corcubión agora non teríamos as primeiras voces do país en materia deportivo.
- QPC: Cales cren que son as eivas máis grandes no concello?
A transparencia a nivel xeral da administración. En primeiro lugar debería actualizarse a web. Nós queremos publicar os plenos, e demais cousas que antes non podíamos pero que agora si para darlle conta aos veciños.
Ademais hai que darlle unha man de renovación ás infraestruturas. E outra cousa é a limpeza. Corcubión está limpo, fai falta persoal e sabemos que non é fácil, pero hai que conseguir subvencións como viñemos facendo. Agora, debe ser que hai eleccións porque están máis limpos estes tempos. Xa di a xente, debería haber eleccións cada 2 meses.
Sobre o saneamento, quedan algúns puntos negros que aínda non foron solventados, e hai que intentar meterlle man porque non pode verter ao mar directamente.
E non podemos esquecer hai moito enchufismo, e por exemplo uns tardan anos en recibir unha licencia para pintar un nicho, e outro, amigo do goberno, fai unha obra moito máis grande en meses. Hai xente que está vetada.
- QPC: Hai plan para sacar adiante o PXOM?
O PXOM é unha das nosas prioridades máis importantes, e a revisión das normas do Casco Histórico, son claves para o desenvolvemento do tecido socioeconómico. Ata agora, só se modificaron a ficha urbanística se eras “amigo de”, e iso non pode ser, porque aos edificios vellos necesitan máis versatilidade, permitindo a división horizontal, que o baixo poida ser un baixo comercial e arriba un piso alugable. Se é rentable, os veciños anímanse máis a rehabilitar, e se a xente rehabilita hai máis vida. E os exemplos os temos coas aperturas dos dous negocios de hostelería na praza de Castelao, que dinamizan moito a vida da vida.
Por exemplo, coas revisión esa das normas, tentaríamos solucionar dunha vez o problema do edificio paralizado no centro da Praza de Castelao. Pero tamén as ruinas. Hai que falar cos propietarios e animalos a facer algo, chegando a un acordo, non será fácil.
- QPC: Que opina da peatonizalición do centro da vila?
É un tema delicado. Nós estamos pola humanización das vilas e sobre todo dos cascos históricos como Corcubión. Pero antes de facelo teríamos que falalo cos veciños e os afectados. A min me gustaría que non houbese coches pero antes de facelo hai que darlle unha alternativa aos veciños Se gobernamos, quitaríamos esa peatonalización, e comezaríamos a consultala coa asociación empresarial, os veciños, os hostaleiros, para intentar chegar a un acordo. Pero sempre contando con eles e non collendo un acordo no pleno sen máis.
- QPC: Cres que na seguinte lexislatura se van poder solventar os problemas de comunicación e entendemento entre os grupos municipais?
Pola nosa parte, nós estivemos sempre abertos a iso. Dende logo, mentres nós gobernamos durante 24 se mantivo unha boa comunicación, porque a boa comunicación depende máis do partido que goberna, porque é o que modera, ten que ter boa cintura, ten que dar toda a información pertinente… Nós se nos toca gobernar, a transparencia será a primeira urxencia.
- QPC: En todo caso, falar de pactos parece unha quimera…
De pactos, nada de nada de nada. Nós non imos pactar co ninguén. Sei que hai xente interesada en falar de pactos, pero xa hai 4 anos non pactamos, e agora non imos pactar. Se somos os máis votados e ninguén pactan, gobernaremos en minoría ou en maioría, dialogando con todos os concellos. Pero veremos, porque dá a sensación que os outros se achegan cada vez máis.
- QPC: Nun Concello como Corcubión, que xa ten aprobada un regulamento de participación cidadá, cales son os seguintes pasos a dar para que os veciños poidan participar nas decisións plenarias?
Queremos darlle voz a todas as asociacións, xuntalas, contarlles máis ou menos o orzamento que temos a comezo de ano, e logo repartilo en base ás actividades que faga cada un. De todos modos, hai cousas aprobadas pero despois hai que levalas á práctica, é como cando aprobas unha moción para que non se vaia o helicóptero, pero non vale para nada. Eu creo que esa participación está ben, pero hai que ir máis aló, e temos que ir todo o pobo, e como a admistracións máis cercanas ao pobo é o Concello é moi sinxelo, e non custa nada. Hai cousas que se poden facer sen gastar cartos, cun pouco de traballo.
Que menos que un Concello non poida, a través dunhas normas, que a xente poida falar en cada pleno.
Novas relacionadas
- Eleccións #24M: Os comicios máis igualados de Corcubión.
- Corcubión xa se rixe por un Regulamento de Participación Cidadá.
- Rojo: “As rifas entre BNG e PSOE provocaron unha gran pobreza en Corcubión”.
- Eleccións 2011: Valoracións sobre os Resultados das Eleccións 2011.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).